Premio internacional para Carballo, o modelo lingüístico de IA creado na USC

O sistema utilizou máis de 6.000 millóns de palabras entre o galego e o portugués, dando prioridade ás variedades lingüísticas pouco representadas nos actuais modelos multilingües

O Congreso Internacional de Intelixencia Artificial EPIA2024, celebrado recentemente na localidade portuguesa de Viana do Castelo, recoñeceu co Best Application Paper Award o artigo ‘A Galician-Portuguese Generative Model’, un traballo liderado dende a USC polo investigador Pablo Gamallo no marco do Proxecto Nós, financiado pola Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e desenvolvido polo CiTIUS e o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG). Trátase dun innovador modelo de linguaxe xerativo baseado nas variantes galega e portuguesa, o que supón un avance significativo na integración destas linguas nos modelos de intelixencia artificial.

Coñecido como Carvalho_pt-gl, o modelo está dispoñible en libre descarga desde a rede, e foi deseñado especificamente para procesar e xerar contido en galego e portugués europeo, dúas variedades lingüísticas estreitamente relacionadas, pero pouco representadas nos actuais modelos multilingües.

Publicidade

O equipo de investigación, composto por persoal experto do CiTIUS da USC, da Universidade de Évora e da Universitat Pompeu Fabra, utilizou unha arquitectura de GPT con 1.300 millóns de parámetros e máis de 6.000 millóns de palabras balanceadas entre ambas linguas. Todo un desafío enmarcado tamén dentro do proxecto ILENIA (Impulso das Linguas na Intelixencia Artificial) do PERTE ‘Nova Economía da Lingua’, financiado polo Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública do Goberno de España.

Solucións innovadoras para o galego minorizado

O modelo foi adestrado no supercomputador Finisterrae III do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) “usando unha estratexia de preadestramento continuo que permitiu adaptar un modelo multilingüe preexistente, o que axudou moito a superar as limitacións de datos que terían xurdido se o adestramento comezase desde cero”, explica Gamallo.

Publicidade

O máximo responsable de Carvalho_pt-gl salienta así mesmo que «tras avaliar os resultados obtidos con benchmarks estandarizados -un conxunto de probas e referencias que se utilizan para avaliar e comparar o rendemento dos modelos de linguaxe- vemos que mostran un rendemento prometedor, ao tempo que reforzan a importancia de promover a diversidade lingüística nos modelos xerativos».

A concesión do Best Application Paper Award nun congreso da magnitude do EPIA2024 subliña o impacto e a relevancia deste traballo no panorama da intelixencia artificial. O artigo pon en evidencia a necesidade de desenvolver tecnoloxías inclusivas e multiculturais que respecten a diversidade lingüística, achegando solucións innovadoras para linguas minoritarias ou menos representadas como o galego e o portugués.

Últimas aplicacións en intelixencia artificial

Consolidado como un dos encontros máis importantes do ámbito no sur de Europa, o EPIA (Encontro Português de Intelixência Artificial) é un congreso científico internacional de carácter anual que centra os seus esforzos nos últimos avances e aplicacións da intelixencia artificial.

Organizado pola Asociación Portuguesa para a Intelixencia Artificial (APPIA), o evento reúne persoal investigador e experto de todo o mundo para compartir coñecementos, discutir investigacións innovadoras e promover colaboracións en diversas áreas da IA. 
 

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño