Nace ‘Carballo’, o primeiro modelo lingüístico de intelixencia artificial en galego

O novo sistema da USC permitirá a creación de novas ferramentas e aplicacións de IA xerativa ao abeiro do proxecto Nós

Proxecto Nós, que desenvolve o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Instituto da Lingua Galega (ILG), ambos da Universidade de Santiago (USC), vén de anunciar a creación de Carballo, un modelo de linguaxe de grande escala de alta calidade en galego que permitirá a creación de novas ferramentas e aplicacións de intelixencia artificial xerativa para a lingua propia de Galicia.

Carballo, o meirande creado nunca para o galego, é un modelo coñecido como fundacional por ser a peza básica e esencial para construír ferramentas versátiles e de moi alta calidade mediante intelixencia artificial xerativa con tecnoloxía lingüística, como chatbots, tradutores ou correctores automáticos.

Publicidade

Tal e como acontece con outros modelos fundacionais, Carballo precisa aínda de pequenas adaptacións técnicas para se converter nun sistema de diálogo co que poder manter unha conversa fluída e ofrecer respostas automáticas cunha interacción sinxela e intuitiva.

Porén, facendo unha analoxía coa IA xerativa máis coñecida na actualidade en todo o mundo (ChatGPT, propiedade da compañía OpenAI), é importante sinalar que a ferramenta resultante (Chat) non tería existido sen o modelo fundacional que o sustenta (GPT). Os modelos fundacionais non están adaptados nin afinados mediante instrucións dirixidas á resolución de tarefas específicas, e por iso non están deseñados para que o público xeral os utilice directamente. No entanto, estes modelos supoñen un paso indispensable cara ao desenvolvemento de aplicacións de intelixencia artificial disruptiva no eido da lingüística, tal e como as coñecemos xa na actualidade.

Publicidade

Nas profundidades de Carballo

Carballo é froito de dous proxectos de investigación: Nós, impulsado pola Xunta de Galicia, e ILENIA, promovido polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública para o impulso de tódalas linguas oficiais do Estado. Neste sentido, o modelo galego está baseado en Flor1.3, o modelo homólogo desenvolvido previamente para o catalán no marco do proxecto AINA-ILENIA, que se desenvolve no Barcelona Supercomputing Centre (BSC-CNS).

Páxina principal de Carballo, o primeiro Chat GPT en galego.

Carballo conta cunha arquitectura GPT de 1.300 millóns de ‘parámetros’, ou sexa, 1.300 millóns de valores axustados ao longo dun proceso de adestramento a partir de corpus de texto, encamiñado a lograr que o modelo se desenvolva cunha alta competencia no uso do galego. O seu adestramento foi un gran desafío computacional, sendo necesaria a colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que conta co segundo supercomputador máis potente de todo o territorio estatal.

Para o adestramento de Carballo usouse un corpus masivo de textos en galego, chamado CorpusNós, formado por aproximadamente 2.100 millóns de palabras, o que supón o maior corpus textual en galego existente ata o día de hoxe. Unha parte significativa deste corpus foi elaborada no contexto do propio Proxecto Nós, en virtude de numerosos convenios e acordos de cesión con empresas e organizacións fornecedoras de datos textuais. Así, neste ciclo de desenvolvemento cooperativo desde os datos ‘en bruto’ teñen participado medios de comunicación como NósDiario, PrazaPública ou a CRTVG; as editoriais Galaxia e Laiovento; e diversas institucións públicas, como o Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega, as deputacións da Coruña e de Lugo ou a Real Academia Galega, entre moitas outras.

Recursos libres e gratuítos no novo modelo lingüístico

O proxecto ILENIA, impulsado polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, ten como obxectivo xerar recursos dixitais que permitan desenvolver aplicacións multilingües nas diferentes linguas oficiais do Estado. Xunto á USC (Nós, galego) e o BSC-CNS (AINA, catalán), no proxecto participan tamén os centros CENID (proxecto VIVES, valenciano) e HiTZ (proxecto NEL-GAITU, éuscaro).

O modelo fundacional Carballo para o galego é un paso máis nesta estratexia de dispoñer das capacidades científico-tecnolóxicas para non depender de grandes corporacións alleas á realidade social e cultural de Galicia, creando recursos abertos e libres para que outras empresas e institucións poidan desenvolver tecnoloxías lingüísticas en galego de amplo interese social, e mesmo económico.

Trátase, en suma, de axudar a crear un tecido empresarial dinámico que medre cos últimos avances da intelixencia artificial e que xire á volta da lingua galega, potenciando tamén as relacións co ámbito lusófono e, deste xeito, co mercado lingüístico do portugués, próximo aos 300 millóns de falantes. Compre subliñar que, xunto a Carballo, foi tamén desenvolvido en colaboración coa Universidade de Évora o primeiro modelo fundacional galego e portugués, Carvalho, co obxectivo de fortalecer a nosa lingua mediante a inclusión do portugués europeo.

Carballo foi publicado en aberto, co obxectivo de que tanto persoas expertas como empresas de software poidan utilizar o modelo para desenvolver novos produtos, facer axustes ou mesmo integrar o seu uso en aplicacións de utilidade para o público xeral.

Desde o CiTIUS remárcase o feito de que Carballo foi desenvolvido “«”conforme ás liñas mestras que guían a IA Confiable“, un paradigma de intelixencia artificial “responsable” aliñado cos principios TrustWorthy (digno de confianza) recollidos no Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial, primeira lei de intelixencia artificial do mundo, aprobada recentemente polo Parlamento Europeo.

Polo que respecta ao Proxecto Nós, o equipo responsable de Carballo continúa a traballar na mellora da calidade do modelo, así como no incremento do tamaño de novos modelos fundacionais e á súa adaptación á resolución de múltiples tarefas, tal e como fan xa ferramentas comerciais de uso estendido como ChatGPT. Polo de agora xa está dispoñible un demostrador, que mesmo permite un uso básico do modelo, xunto con algúns exemplos preconstruídos.

2 COMENTÁRIOS

  1. Eu diríalle a USC que ‘sopese’ ben as súas inversiós e relaciós comerciais ca fin de crear estes sistemas. O chedeiro deste modelo lingüístico de IA é da empresa GPT, a mesma empresa que estuvo nun centro comercial da Coruña escaneando o iris do ollo á rapazada (inocente) que por alí pasaba a cambio dunhas criptomonedas… sen escrúpolos nin ética ningunha (agás a dos cartos). Menos mal que a Comisión Europea lles puxo couto a esta catervada.

  2. Boa diferenciación, do chat e do GPT. A diferencia de financiación dos grandes proxectos como pode ser o ChatGPT con proxectos como este, é abismal, aínda que agora teñan a colaboración do proxecto ILENIA. Penso que seguila senda do software libre é a correcta.

    Dende o proxecto Nós deberán buscar a colaboración coa comunidade galega para melloralo e recoller datos; como dixen non gañarán por financiación, pero si pola calidade da base GPT do proxecto, así como por usar software libre e axudar a mellorar e potenciar cousas xa experimentadas por iniciativas con máis músculo financeiro. Open Assistant implicou a comunidade para mellorar as respostas (https://open-assistant.io/bye) e ao proxecto Nós non lle foi mal coas colaboracións coa carreira de filoloxía da USC no proxecto Common Voice; teñen que chegar mais alá dunha escala técnica (académica/universitaria), e chegar a tódala sociedade; cos seus pros e contras.

    Moi ben pensado en abrilo á lusofonía co proxecto Carvalho.

    Por certo, como evoluciona Cabuxa (https://www.gciencia.com/conece-citic/ola-cabuxa-chat-gpt-galego-desenan-coruna/)?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nexus: o novo libro que advirte do control polos tiranos da intelixencia artificial

O historiador israelí Yuval Noah Harari e autor da recoñecida obra 'Sapiens' aborda nunha nova publicación o futuro da tecnoloxía e os seus riscos nas sociedades democráticas

Adeus ás tarefas de oficina: un proxecto galego quere automatizalas

O proxecto Itdp nacido no centro tecnolóxico Gradiant procura desenvolver unha ferramenta que facilite a análise de determinado tipo de documentación e evite a realización manual de tarefas de cribado de información

Podcast | Máis alá dos contrasinais seguros: consellos fronte aos ciberataques

Os investigadores do CITIC Victor Carneiro e Fidel Cacheda abordan como navegar seguros na rede no novo episodio de O Descodificador

Galicia, capital da IA: a elite mundial reúnese en Santiago para debater os seus retos

No seu 50 aniversario o congreso ECAI centrarase nos principais desafíos desta tecnoloxía, como a súa regulación e impacto económico