Un Vesubio en Galicia? O supervolcán que arrasou o norte peninsular hai 475 millóns de anos

Ollo de Sapo é unha formación xeolóxica situada no concello de Monfero, que se creou a raíz dunhas erupcións colosais no período Ordovícico

Hai arredor de 475 millóns de anos, durante o período xeolóxico Ordovícico, un supervolcán arrasou o norte da península ibérica. A formación estaba composta dunha prolongación de volcáns de 600 quilómetros que se estendía dende a costa das provincias da Coruña e Lugo, na contorna da ría do Barqueiro, ata chegar ao sistema central. Nesta etapa, a codia terrestre sufriu unha distensión que facilitou a fusión de rochas que había na capa máis superficial da Terra. Isto xerou uns magmas moi ácidos que se traducen en viscosidade, que coa explosión deron lugar en Galicia a unha formación xeolóxica peculiar: o Ollo de Sapo.

A erupción, clasificada de tipo “colosal” segundo o Índice de Explosividade Volcánica (VEI, siglas en inglés), como informa a Axencia SINC, tiña un vulcanismo moi explosivo e violento pola súa natureza ácida e alto contido en gases volátiles. Sendo estes os que máis risco e danos provocan na poboación, o xeólogo galego Francisco Canosa equivale a súa actividade a casos como o Krakatoa (Indonesia), o Vesubio (Italia) ou o Mount Saint Helens (Estados Unidos).

Publicidade

Con todo, unha das peculiaridades que explica Canosa sobre esta extensión volcánica é a súa orixe: tratábanse de erupcións submariñas. “Tanto por baixo como por enriba da formación Ollo de Sapo, orixinada tras esta explosión, atópanse sedimentos mariños”, xustifica en relación coa tipoloxía destas erupcións. A explosión non tivo repercusións na vida do planeta, pois naquel momento “nin sequera existía vida na superficie dos continentes, só nos océanos”, apunta

Un nacemento volcánico

O Ollo de Sapo é a formación xeolóxica volcánica e volcánico-sedimentaria froito destas erupcións colosais que se viviron na península. O estudo desta rocha iniciouno o xeoquímico galego Isidro Parga Pondal a partir de estudos de Hernández Sampelayo, dándoa a coñecer á comunidade científica internacional no ano 1922. A formación, que se estende pola banda entre a ría do Barqueiro e a cordilleira central, desaparecería na zona da meseta pola “cobertura de sedimentos procedentes da meseta norte”.

“Puntualmente, nalgún lugar da península, pode que haxa algún pequeno vulcanismo semellante, mais a envergadura e repercusión do Ollo de Sapo está nesta franxa”, aclara Canosa. A pesar de que Galicia só ten un reflexo desta rocha volcánica, é nesta zona onde ten maior representatividade, en palabras do membro da Sociedade Xeolóxica de España. As erupcións deron lugar a distintos tipos de rochas, e non obstante, o Ollo de Sapo leva o protagonismo pola súa forma singular.

A súa peculiaridade está nos seus eixes glandulares, que diferencian estas rochas do resto: “Outras formacións teñen o carácter, non tanto volcánico, senón vulcano-sedimentario”, explica Canosa, polo que serían partículas das erupcións que se foron sedimentando ao longo do tempo.

En Galicia, esta formación xeolóxica pódese atopar no concello de Monfero, na provincia da Coruña e pertencente ao parque natural das Fragas do Eume. A Serra de Moncoso é un dos lugares onde aflora a formación Ollo de Sapo, xunto con outras paradas como o Rego de Frai Bermuz ou a aldea de Rioseco. Nesta última, pódese ollar a variedade de gneis da formación, cunha alta presenza en cristais azulados de seixo.

Denominación galega de Ollo de Sapo

“O termo provén da cultura popular da xente da zona empregado para denominar esa rocha cunha textura tan característica”, explica Canosa sobre a singularidade desta formación respecto ao resto do territorio europeo. A súa singularidade reside máis aló da súa forma, pois é a única rocha de denominación galega na comunidade internacional. “A formación Ollo de Sapo chámase así independentemente da lingua empregada a nivel científico”, asegura, pois é a nomenclatura establecida.

Con todo, a orixe na linguaxe deste termo causa debate. Por un lado, hai quen pensan que á xente do territorio sen coñecemento científico chamáballe a atención esta rocha con pretuberancias na súa superficie, semellando os ollos do sapo. “En realidade, non está moi claro se era por estas protuberancias, pois hai máis formacións con esta característica”, aclara o xeólogo vilagarciano. A outra opción para dar explicación a esta denominación sería a presenza de cristais de seixo azulado, pois “hai algunhas especies destes anfibios con ollos azuis, o que parece indicar que o nome podería estar relacionado con esta característica en particular”.

Esta cor azulada foi obxecto de diversos estudos, que remataron por concluír que a súa presenza débese a un alto contido en óxido de titanio, o que provoca unha dispersión da luz de xeito diferente a como o faría nun seixo sen estas impurezas, comenta Canosa na súa guía creada para Xeolodía.

Os novos supervolcáns

“Se nós a día de hoxe fósemos conscientes dunha erupción como a que deu lugar ao Ollo de Sapo, pode que algúns núcleos de poboación tivesen que cambiar a súa localización”, informa. As erupcións producidas foron equivalentes á provocada polo Vesubio no ano 79, que afectou ás antigas cidades de Pompeia, Herculano e Estabia. Na hemeroteca foi un volcán que pasou á historia pola devastación das poboacións cercanas.

Actualmente, en base a este concepto da explosividade, o volcán que máis preocupa é o de Yellowstone (Estados Unidos). Baixo el, estase a xerar unha gran acumulación de magma que non acada a superficie da terra progresivamente. A causa disto, non vai liberando esa tensión que xera a chegada desta masa mineral, o que pode ocasionar unha erupción definida como “moi violenta”. “É todo unha suposición, pero podería ter un efecto devastador”, afirma Francisco Canosa.

Mentres, o vulcanismo da península ibérica mantense sen actividade. Anteriormente, preocupaban os volcáns da zona da Garrocha, os Campos de Calatrava e Cabo de Gata. A nivel nacional, o máis coñecido atópase nas illas Canarias, mais é de carácter “máis clásico e menos perigoso”, como foi o caso do volcán da Palma. Mentres, o supervolcán de Galicia quedou millóns de anos atrás, mais os seus restos seguen representando este fenómeno a día de hoxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha ferramenta dixital permitirá alertar os apicultores galegos de ameazas nas colmeas

O proxecto ApiConecta, coa participación da UVigo, establecerá unha rede de comunicación entre persoal apicultor e técnico sobre os riscos das abellas

Un estudo galego atopa unha prometedora vía para predicir a evolución do cancro oral

O investigador da Universidade de Santiago Samuel Rodríguez Zorrilla emprega vesículas extracelulares para prognosticar o progreso dos pacientes de carcinoma e a súa supervivencia despois dunha cirurxía

“A soidade non desexada é unha auténtica pandemia”

A asistente virtual para maiores Celia, desenvolvida no centro atlanTTic, recibe o premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais

Onde deberías vivir segundo as túas prioridades de vida? Consúltao nesta páxina

O novo índice multidimensional deseñado polo INE permite consultar a través de nove parámetros que comunidade autónoma pode satisfacer mellor as necesidades de cada persoa