Atopado un planeta de tipo terrestre que podería estar cuberto de volcáns

Orbita arredor dunha anana vermella e móvese preto dun 'minineptuno', sufrindo tiróns gravitatorios que o deforman e quentan o seu interior

Xa se coñecían dous planetas ao redor da estrela anana vermella LP791-18, situada a 90 anos luz de distancia: a superterra LP791-18b, de tipo rochoso e cunha masa un 20% maior que a da Terra, e o minineptuno LP791-18c, un planeta gaseoso cunhas nove veces a masa terrestre.

Este xoves difúndese na revista Nature o achado dun terceiro planeta de tipo terrestre, LP791-18d, cuxa órbita ao redor da estrela achégao perigosamente ao minineptuno. Isto produce unha interacción gravitatoria que deforma lixeiramente o novo planeta e quenta o seu interior, o que á súa vez xera posiblemente unha actividade volcánica xeneralizada ao longo da súa superficie.

Publicidade

“O planeta LP791-18d mostra o que se coñece como axuste de marea, o que significa que o mesmo lado mira constantemente a súa estrela”, apunta Björn Benneke, investigador da Universidade de Montreal que dirixe o estudo. “O lado diúrno probablemente se ache demasiado quente para que exista auga líquida na superficie, pero a cantidade de actividade volcánica que sospeitamos que ocorre en todo o planeta podería soster unha atmosfera, o que podería permitir que a auga se condense no lado nocturno”.

“O lado diúrno probablemente se ache demasiado quente para que exista auga líquida na superficie”

BJÖRN BENNEKE, investigador líder do estudo

Durante cada órbita, o minineptuno c e o planeta terrestre d pasan moi preto un do outro. Cada aproximación produce un tirón gravitacional do primeiro sobre o segundo, facendo que a súa órbita debuxe unha traxectoria algo elíptica na que se deforma lixeiramente cada vez que vira ao redor da estrela.

Publicidade

Estas deformacións poden crear suficiente fricción interna para quentar o interior do planeta e producir actividade volcánica, un fenómeno similar ao que o planeta Xúpiter exerce sobre o seu satélite Ío, que ostenta o récord en actividade volcánica de todo o sistema solar.

O planeta d atópase no bordo interior da zona habitable, a rexión ao redor dunha estrela onde as condicións de presión e temperatura permitirían a existencia de auga líquida na superficie dun planeta.

Se o planeta é geoloxicamente tan activo como sospeita o equipo científico, podería manter unha atmosfera e as temperaturas poderían descender o suficiente no lado nocturno do planeta como para que a auga se condense na superficie.

O lado nocturno do planeta podería albergar auga líquida na súa superficie

“Mentres o equipo da Universidade de Montreal analizaba observacións co telescopio Spitzer (NASA), o noso equipo descubriu o sinal correspondente ao planeta LP791-18d utilizando un software propio de busca de planetas”, sinala Francisco J. Pozuelos, investigador do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC) que participa no traballo.

“Ao procesar os datos do telescopio espacial TESS o noso algoritmo detectou o sinal, que pasara desapercibido, e comezamos unha campaña de observación con telescopios terrestres utilizando a rede de telescopios SPECULOOS e coordinándonos cos demais equipos involucrados no descubrimento”, engade.

Unha gran pregunta aberta en astrobioloxía, o campo que estuda as orixes da vida, é se a actividade tectónica ou volcánica resulta necesaria para a aparición da vida: ademais de proporcionar unha atmosfera, estes procesos poderían mover materiais que doutro xeito se afundirían e quedarían atrapados na cortiza, incluídos aqueles que se consideran importantes para a vida, como o carbono.

“O planeta c xa foi aprobado para a súa observación co telescopio espacial James Webb, lanzado recentemente, e cremos que o planeta d tamén é un candidato excepcional para os estudos atmosféricos”, conclúe Pozuelos.


Referencia: A temperate Earth-sized planet with tidal heating transiting an M6 star (Publicado en Nature)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego permitirá que os bancos actualicen a súa criptografía sen cambiar as formas de pago

Qryption é unha iniciativa do centro tecnolóxico Gradiant pola que poderán centralizarse os sistemas criptográficos financeiros nun só punto de xestión, co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia

Onde están as mulleres

Un ano máis, os Nobel de Ciencia só se outorgan a homes

A conduta suicida na mocidade galega: case un 20% presenta un nivel entre moderado e alto de risco

Unha investigación da UVigo baseada en 900 cuestionarios a participantes de entre 15 e 29 anos destaca o peso do contexto familiar, social e educativo

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua