Ferrol e Ourense, as cidades máis envellecidas de Galicia

A idade media do galego é de 48 anos, e por cada 100 persoas menores de 20 hai aproximadamente 168 de máis de 65

A poboación envellecida en Galicia aumenta co paso dos anos. Os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) apuntan que os galegos temos unha idade media de 48. Ferrol ocupa o posto número un en poboación de máis de 64, cunha idade media de 49,50. O índice de envellecemento establece que por cada 100 menores de 20 anos hai sobre 168 persoas de máis de 65. Mentres que en España se toma un indicador por riba do 100%, en Galicia adquírese un 167,3%. O IGE informa que a lonxevidade “segue avanzando” no séxulo XXI e que é un dos temas máis preocupantes na sociedade galega actual. De feito, para 2037 agárdase que Galicia chegue ao 32,4% de poboación envellecida, en comparación do 26% da península.

En 2022 os galegos e galegas maiores de 65 anos representaban o 26,1% do total da poboación, que eran 2.690.464 persoas. Vigo é a que conta con maior poboación, seguida da Coruña, Ourense, Santiago, Lugo e Ferrol. Esta última é a que rexistra maior envellecemento. Detrás de Ferrol atópase a cidade ourensá cunha media de idade de 47,70 anos. Pontevedra é a cidade co indicador máis baixo, con 45,1. O IGE realizou unha medición por sexos e hai varios puntos de diferencia entre eles. Por exemplo, en Galicia a idade media dos homes é de 46,4 anos, mentres que nas mulleres é de 49,5.

Publicidade

Estrutura da poboación segundo grupo do idade. Os datos son do 1 de xaneiro de 2022. Fonte: INE

Ferrol repite como cidade que supera os indicadores de Galicia no índice de envellecemento, que mide a relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20. O seu índice é de 201,6, o que quere dicir que por cada 100 menores de 20 anos hai sobre 200 persoas de 65 ou máis anos. Este indicador aumenta co paso dos anos e o IGE prevé que acaden valores superiores a 251 no ano 2037. Mentres que en 2022 o grupo de 70 a 74 anos representa o 22,2% das persoas maiores de 64, no 2037 pode caer ata o 21,8%. No seu lugar, aumentará o colectivo de 80 a 84, e diminuirá o de 85 anos ou máis ata o 19,6%.

Estrutura por grupos de idade da poboación de 65 ou máis anos. Fonte: IGE

O índice de sobreenvellecemento é o cociente entre o número de persoas con 80 ou máis anos e o número de persoas de 65 ou máis anos. En España radica en 17, mentres que en Galicia tomou en 2022 o valor de 20. Unha das preocupacións que xorde a raíz do envellecemento da poboación é como se incrementa a denominada poboación en idade potencialmente dependente. O índice de “dependencia senil” calcula cantas persoas maiores de 64 anos viven nun territorio por cada 100 persoas en idade activa, entre 15 e 64 anos. “Este indicador en Galicia presenta un incremento continuo nos últimos anos e grandes diferenzas entre ambos os dous sexos”, apunta o IGE.

Publicidade

Evolución do índice de dependencia senil. Fonte: IGE

Esperanza de vida

As enfermidades do sistema circulatorio e os tumores son as principais causas de defunción das persoas de 65 e máis anos en Galicia, cunha media dun 30,5%. Séguenlle os tumores, as enfermidades do sistema respiratorio, os trastornos mentais e do comportamento, as enfermidades infecciosas e parasitarias, as enfermidades do sistema nervioso e dos órganos dos sentidos e as enfermidades do sistema dixestivo. A estancia hospitalaria media das persoas maiores de 64 anos é de 9,7 días, unha unidade similar á española (9,5 días), e é menor para o colectivo de máis de 74 anos.

De media, a unha persoa de 65 anos quédanlle 21,7 anos de vida, catro puntos máis nas mulleres (23,7) que nos homes (19,4). As mulleres de Ourense son as persoas con maior esperanza de vida de toda Galicia, cunha media de 24,1 anos, e as de Lugo as de menor, con 23,4. No gráfico compartido polo IGE obsérvase como dende o 2000 e ata o 2021, a esperanza de vida aumentou dende os 19,4 ata os 21,7 anos.

Evolución da esperanza de vida nas persoas maiores de 65 anos. Fonte: IGE

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Un científico galego revela que os virus máis agresivos actúan como ‘aceleradores’ do envellecemento

O equipo no que traballa Rubén González no Instituto Pasteur de París realizou un experimento en moscas da froita e demostrou que a idade biolóxica dos insectos permaneceu elevada pese á eliminación do patóxeno

Un terzo da poboación galega terá máis de 65 anos en 2039

O IGE estima que dentro dunha década haberá 260 individuos que superen os 65 anos por cada 100 menores de 20

O triángulo galego da ultralonxevidade: un estudo revela unha área de 34 concellos con taxas récord

O investigador José María Faílde atribúe o fenómeno ao baixo estrés, á actividade física e a altitude nunha zona de montaña que conflúe entre Pontevedra, Ourense e Lugo