Un programa piloto busca solucións contra a soidade non desexada

Un convenio entre a Universidade de Vigo, a Área Sanitaria e a Sociedade Galega de Xeriatría impulsa a prevención deste problema cun gran impacto na saúde

Promocionar o envellecemento saudable e buscar maneiras de previr e tratar a soidade non desexada nas persoas maiores. Este é o obxectivo do convenio asinado este luns pola Universidade, a Área Sanitaria de Vigo e a Sociedade Galega de Xeriatría, un acordo co que as tres institucións tratarán de unir forzas na prevención nunha das cuestións con maior impacto na saúde das persoas maiores. O acordo foi asinado este luns nas instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro por parte do reitor, Manuel Reigosa; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, e o presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía (SGXX), José Mª Failde, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo.

Trátase de establecer unha colaboración para abordar de modo conxunto unha investigación neste ámbito, sobre todo na detección, a prevención e o tratamento da soidade non desexada coa finalidade de minimizar o seu impacto na saúde dos maiores. De maneira conxunta, o acordo tentará definir e organizar as diferentes accións relacionadas co coñecemento da situación das persoas maiores de 75 anos en situación de soidade non desexada e planificar o conxunto de accións preventivas para garantir uns parámetros de saúde adaptados ás súas necesidades. Ademais, tamén se promoverá a coordinación de todos os axentes implicados a nivel comunitario para abordar este fenómeno social e establecer un protocolo de cooperación interinstitucional no eido da saúde.

Publicidade

Para realizar esta investigación, coordinada a través do servizo de Traballo Social da Área Sanitaria de Vigo, vaise desenvolver un programa piloto nos centros de saúde da Cañiza, A Guarda, Val Miñor, Moaña e Ponteareas.  A través deste traballo tratarase de avanzar na identificación das principais problemáticas dos maiores de referencia neses centros de saúde, co obxectivo de avaliar resultados e implementar esta metodoloxía de acción comunitaria en todos os centros de saúde da Área Sanitaria de Vigo.

Segundo o acordo asinado, o Servizo de Traballo Social da Área Sanitaria de Vigo comprométese a proporcionar, de xeito anónimo, á Universidade de Vigo e á Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía datos relativos ás características socio-demográficas e clínicas de persoas maiores, de cara a identificar factores de risco e causas da soidade non desexada, así como factores vinculados co envellecemento saudable e a lonxevidade.

Publicidade

Pola súa banda, a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría e a Universidade de Vigo comprométense a proporcionar o asesoramento técnico e metodolóxico para a análise de datos, de cara a traducir os resultados de investigación na mellora da calidade de vida das persoas maiores.

Labor da UVigo no proxecto

O principal labor da UVigo neste proxecto será o asesoramento ao Servizo de Traballo Social da Área Sanitaria de Vigo. “En relación coa detección, isto concretarase en coordinar a selección de mostra e a elección de instrumentos para a avaliación da soidade, a introdución de datos no programa estatístico e a posterior análise estatística dos mesmos”, explica María Dapía, investigadora da UVigo implicada neste proxecto.

A partir dos resultados obtidos, nunha segunda parte, formularanse diferentes sesións de traballo de cara a deseñar intervencións que poidan mellorar a calidade de vida das persoas maiores.  “Nun terceiro momento, e cando as accións se implementen, corresponderalle á Universidade facer o seu seguimento e avaliación”, recalcou Dapía, quen non dubidou en afirmar que “un proxecto deste tipo é o mellor exemplo da necesaria conexión e colaboración entre a Universidade e a sociedade; unha colaboración na que universidade trata de dar resposta a unha necesidade sentida por parte, neste caso, do Servizo de Traballo Social da área Sanitaria de Vigo”, engadiu a investigadora.

Os obxectivos e tarefas do presente acordo están aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), establecidos en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Neste senso, o envellecemento afecta a cada un dos Obxectivos do Desenvolvemento como son a erradicación da pobreza, a eliminación da fame, ou acadar unhas cidades e asentamentos humanos inclusivos, seguros, resilientes e sostibles. Así mesmo, tamén se está a desenvolver unha estratexia nacional para combater a soidade non desexada, que afecta de modo especial ás persoas maiores.

Por isto, ante a necesidade de promover e coordinar actividades para a prevención e promoción de saúde nas persoas maiores e considerando que a soidade non desexada está identificada como un dos principais problemas de saúde, decidiuse formalizar este acordo de colaboración.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo mapa guía a valorización de subprodutos da industria agroalimentaria en Galicia e Portugal

A ferramenta, desenvolvida con participación da UVigo, emprega a IA para identificar recursos e detectar novas oportunidades de aproveitamento

A conduta suicida na mocidade galega: case un 20% presenta un nivel entre moderado e alto de risco

Unha investigación da UVigo baseada en 900 cuestionarios a participantes de entre 15 e 29 anos destaca o peso do contexto familiar, social e educativo

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos