Venres 11 Outubro 2024

Dicionario da Galicia histórica, un reino do A ao Z

E de Erotismo: cando a peste negra era un castigo divino por exceso de sexo

Na Idade Media as mulleres falaban abertamente do pene dos seus maridos e eles comparábanse os xenitais e os debuxaban

No Reino de Galicia o sexo non era un tabú nin moito menos. Na Idade Media as mulleres falaban abertamente dos penes dos seus maridos; a sociedade realizaba bromas sexuais e algunhas persoas tiñan alcumes derivados dalguha experiencia; os homes comparábanse os xenitais e os debuxaban; tamén, as súas partes íntimas chegaban a someterse a escrutinio popular nesta época se a súa esposa intentaba anular o matrimonio por incompatibilidade sexual; e era moi habitual ter relacións prematrimoniais. A sociedade cría que a falta ou o exceso de sexo podía provocar a morte. O mandato cristián esixía que as prácticas debían estar limitadas á procreación e non á busca de pracer. Tales eran as cadeas á liberdade sexual que, nos confesionarios, os curas non preguntaban aos “pecadores” polas súas fantasías por se lles daban ideas. En outubro de 1348 o obispo de Winchester enviou unha carta aos clérigos da súa diócese ameazando da peste negra:

É de temer que a explicación máis probable é que a sensualidade humana, ese lume que se acendou como resultado do pecado de Adán e que dende a adolescencia en adiante é unha invitación a facer o mal, agora sondou maiores profundidades do mal, producindo unha multitude de pecados que provocaron a ira divina, por un xuízo xusto, á vinganza.”

Publicidade

Na Idade Media podíase ter unha vida sexual tremendamente interesante, iso si, o habitante tiña que saber ocultarse moi ben —sobre todo as mulleres— da Igrexa e das autoridades seculares que regulaban as relacións íntimas e alimentaban unha cultura que consideraba, por exemplo, que canto máis grandes eran os peitos dunha muller máis experiencias sexuais acumulaban. Por iso elas fabricaban ungüentos para tentar reducir os peitos e non verse desprovistas do seu honor. Ana Ortega Baún, historiadora de sexualidade medieval, apunta que o 90 % das relacións sexuais na época do Reino de Galicia eran consideradas pecado.

A Virxe co Neno e os anxos. Un cadro de Jean Fouquet

O castigo —especialmente o social— para quen daba vía libre ao erotismo non era o mesmo para os homes que para as mulleres. Elas tiñan que ter especial coidado en manter relacións estando solteiras, xa que os seus veciños lles podían colgar unha “cruz” tan grande que terían que acabar por abandonar as súas casas. Ademais, de quedar embarazadas, podían ser condeadas ao desterro dependendo da súa situación sentimental. “Un home podía ser un ‘Don Juan’, adúltero e deitarse con prostitutas e a visión pública sobre a súa persoa non se ía ver condicionada. Pero se eras unha muller, xogábaste o teu prestixio social. Se mantiñas relacións sendo solteira a xente íate sinalar”, apunta Ortega. Pola contra, o lesbianismo estaba moito menos perseguido que a homosexualidade en homes. “A documentación sobre esta cuestión tardou moito en aparecer. Unha teoría dicía que as lesbianas, pese a ser pescado, nunha foron condenadas, ata que se estenderon as normas que as penaban. A finais do século XIII en Italia coñeceuse o caso dunha muller acusada polo seu veciño e fuxiu, o que indica que a condena era bastante elevada”.

Publicidade

Zoofilia e incesto

Se algo destaca da sexualidade no período medieval é a falta de privacidade para manter relacións sexuais. As casas estaban abertas, vivía moita xente nelas e nunha cama podían durmir varias persoas. As parellas decidían ir aos faiados, metíanse nas casas que sabían que estaban baleiras ou incluso practiban sexo ao aire libre no campo, pero ninguén estaba a salvo de ser descuberto. Por iso, moitos zoofílicos foron pillados e remataron na forca, nalgúns casos perdían só as súas casas ou eran desterrados dos seus pobos. Os animais aos que penetraban tamén podían ser castigados. A partir do séxulo XVIII, a zoofilia considerouse un pecado moi grave. “Supoñía que o ser humano non respectaba a especie. Normalmente, mantiñan relacións con animais cuadrúpedes como burros ou eguas. É unha práctica sexual presente nas sociedades rurais”, apunta a investigadora Ortega. Moitas das historias “amorosas” da Idade Media están tinguidas de traxedia. Un dos casos máis antigos corresponden ao século X. Unha parella de primos mantiña relacións sexuais. Ela quedouse embarazada coa mala sorte de que, no lugar onde vivían, o incesto podíase castigar. A muller, que tiña só 16 anos, foi xulgada e pedíronlle bens e terras, pero era pobre e foi fustigada. Finalmente, o seu amante apareceu e entregou unha terra por ela.

Antes de 1215 o incesto podía darse cun gran número de persoas: ata o sétimo grao de parentesco. Nun pobo de 50 persoas, isto significaba basicamente que non tiñas con quen emparellar. “A partir do século XIII pásase ao cuarto grao. O que quere dicir que se te queres casar cunha persoa que estea neste grao podes pedir unha dispensa e era probable que a conseguises. A xente namórase das persoas do seu arredor e moitas veces son familia súa e senón é consanguínea é política, que tamén está prohibida nun determinado grao. É fácil caer non incesto”.

Un home cunha ferida no pene, no Liber Medicinarum de John of Ardene (Biblioteca Británica). Foto: Notches

O tamaño dos xenitais, a debate

A escritora británica Katherine Harvey, autora de Os lumes da luxuria (2023), explica no blog Notches que as mulleres e os homes da Idade Media eran xulgados polos seus atributos físicos e capacidades sexuais. Os penes podían ser sometidos a un escrutinio popular se a súa esposa pretendía anular o seu matrimonio. Se a relixión esixía que o sexo debía realizarse para ter fillos, unha muller podía presentarse ante as autoridades para comunicar que non podía ser penetrada porque o membro do seu marido era demasiado grande ou pequeno. Se o home era impotente a súa esposa podía obter unha anulación.

A medicina da época discutiu sobre se o tamaño dos xenitais estaba relacionado coa capacidade de ter fillos. A poboación preparaba ungüentos para agrandar os penes con lombrigas de terra picadas e mesturadas para frotarse no pene e deixar a facer efecto durante a noite. Tamén, dicíase que lavar o pene varias veces con leite de ovella morna ou auga quente e aceite axudaría a facer os xenitais máis grandes.

Anticonceptivos e infanticidios

Os boticarios tamén fabricaban anticonceptivos e abortivos. “O problema era atopar aquel que dese resultado, hai moitos nos libros de mediciña. Sabemos que cando en Inglaterra se estudou a natalidade, descubriron que as parellas ricas bautizaban a cinco ou seis fillos mentres que as pobres a un ou dous. Incluso, a sociedade preguntábase como as prostitutas non quedaban embarazadas. Dicíase que a súa vaxina estaba tan usada que estaba lisa e o semen esvarava”, explica Ana Ortega. Tamén existía a crenza de que só as mulleres que desfrutaban durante o acto sexual quedaban encinta, o que significaba nunha acusación de violación que ela non fora forzada polo home.

Na documentación medieval, como consecuencia, hai infanticios rexistrados. Houbo nais que alegaron que o neno nacía morto e por aquel entón dábase a luz soa na casa, polo que o resto da poboación non dubidaba destas palabras. Cando elas parían con xente experta, apunta Ortega, os nenos eran levados a un hospicio a lugares onde podían ser atopados rapidamente e sen correr perigo, como dentro dunha igrexa. Existía tamén a adopción: cando unha muller non podía ter fillos podía recibir outro doutra que non o quixera. Con todo, Ortega alega que había moitas irregularidades que funcionaban, como no Reino de Castilla.

Estereotipos e imaxes fálicas

Rexistro legal de 1250 con dous garabatos de penes. Foto: Euan Roger

O mundo da sexualidade da Idade Media, como no século XXI, é inmenso e está cheo de arestas. Os curas que escoitaban as confesións dos que se crían pecadores por desfrutar da súa sexualidade fóronse con grandes historias á tomba. Por exemplo, no que respecta á masturbación. Segundo a investigadora Ana Ortega, este tema suscitou pouca preocupación en comparación con outras épocas onde o pracer propio tamén era pecado.

Outro dato interesante é que o sexo oral e o anal son moito menos comúns que outras prácticas. Ademais, a escritora británica Katherine Harvey desmentiu ao longo do seus traballos de investigación mitos como o cinturón de castidade e o dereito de pernoita por falta de evidencias que corroborasen a súa existencia. Aínda que a sexualidade no Reino de Galicia camiña da man do cristianismo, as expertas consideran que o erotismo nesta parte da historia está moi estereotipado e, de feito, pódense atopar moitas similitudes co noso. Por exemplo, xurditon debates como se a prostitución debería legalizarse. E tamén, podías atopar unha representación fálica con facilidade.

O investigador Euan Roger compartiu en X (antes Twitter) un rexistro legal da década de 1250 onde un empregado debuxou dous penes xunto co texto “o do meu señor é así (garabato 1), pero o de Gerard é así (garabato 2)”.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Poder feminino na Compostela medieval: da asistencia social ao impulso de obras públicas

A investigadora da USC María Luz Ríos constata que as mulleres das familias ricas e nobres exhibían o seu elevado status pero tamén facían outras tarefas, como a xestión de hospitais

Unha voda entre dous homes no Ourense do século XI?

As expresións emocionais dun documento altomedieval do mosteiro de San Salvador de Celanova poderían suxerir un matrimonio homosexual

Os excepcionais tecidos do castelo de Pambre: así vestían os galegos na Idade Media

A arqueóloga María Martín Seijo publica un novo estudo onde analiza a vida dunha tea desde a súa creación ata o seu abandono final

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII