Moitas veces cando nos preguntan por información básica sobre o noso concello nos damos de conta de que non a sabemos. Sorprenderíanos a cantidade de cousas que descoñecemos. Se queres comprobar canto sabes do lugar onde vives, o Instituto Galego de Estatística (IGE) acaba de publicar unha ferramenta online na que podes realizar un test sobre o teu municipio e os que queiras. O primeiro que tes que facer é seleccionar no mapa o teu concello e comezar o exame.
En primeiro lugar, o quiz pregúntanos pola poboación, se aumentou ou diminuíu. Unha emoticona avisaranos de se estamos equivocados ou non. Son 10 cuestións iguais para todos os concellos. A ferramenta inclúe gráficos e mapas para aportar pistas e información. Por exemplo, para preguntar sobre a densidade de poboación, mostra unha imaxe de Galicia de noite e iluminada realizada pola NASA.
A proba, que poderás comezar de novo e facela todas as veces que queiras, céntrase na súa maior parte nas características da poboación do teu concello, coma se hai máis homes que mulleres ou máis nacementos que defuncións. Pero tamén formula cuestións sobre aspectos económicos: o sector servizos, se existe máis paro entre homes ou entre mulleres, o sector de atividade máis grande do teu concello e incluso o PIB por habitante.
Sexan correctas ou non as túas respostas, o test aporta as solucións con todos os datos. E ademais, podes escoller a opción ‘máis información’ para resolver todas as túas dúbidas, con táboas e gráficos. O test pode realizarse dende calquera dispositivo e lugar. Unha ferramenta práctica para aprender máis do lugar no que vives e dos concellos que conforman Galicia.














