Vivenda, traballo e lecer: cal é a provincia máis feliz de Galicia?

Ourense e Lugo sitúanse á cabeza do benestar segundo datos do IGE, mentres Pontevedra rexistra as valoracións máis baixas

Chega marzo e, con el, a primavera e —en teoría— o bo tempo. A mellora das temperaturas e o aumento das horas de luz adoitan influír no estado de ánimo, pero a calidade de vida da cidadanía vai máis aló da meteoroloxía. Factores como a estabilidade laboral, a situación económica do fogar, a vivenda ou as relacións persoais teñen un peso determinante na percepción do benestar. Nunha escala do 0 ao 10, Galicia acada unha media de 7,31 puntos de grao de satisfacción global coa vida. Por provincias, Ourense (7,57) e Lugo (7,54) sitúanse por riba da media. Pola contra, Pontevedra rexistra o valor máis baixo, con 7,15 puntos.

Estes son os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que periodicamente elabora a Enquisa estrutural a fogares (EEF) para analizar as características socioeconómicas dos galegos e avalía o seu grao de satisfacción coa vida. A edición máis recente, con datos correspondentes a 2024 e referida á poboación de 16 ou máis anos, ofrece unha radiografía detallada do benestar en Galicia.

Publicidade

Vida, traballo e vivenda

A satisfacción co que os galegos fan no seu día a día é un dos indicadores de felicidade máis elevados da enquisa. De feito, é o parámetro mellor valorado: a media galega acada os 7,93 puntos sobre 10. Por provincias, Ourense lidera esta clasificación con 8,23 puntos, seguida de Lugo (7,99), A Coruña (7,93) e Pontevedra (7,82).

Boa parte da rutina diaria estrutúrase arredor do traballo e do tempo de lecer. A satisfacción co posto de traballo sitúase nun notable, cunha media de 7,27 puntos en Galicia. As valoracións máis baixas rexístranse en Pontevedra (7,14), seguida da Coruña. Se se analiza o tempo empregado nos desprazamentos ao lugar de traballo, Pontevedra volve presentar o dato máis baixo (6,96 puntos), mentres que Lugo encabeza a listaxe cunha media de 7,78, case un punto máis.

Publicidade

Unha vez rematada a xornada laboral, a vivenda convértese nun dos piares do benestar. A satisfacción media coa vivenda en Galicia é de 7,56 puntos. Ourense e Lugo volven situarse entre as provincias máis satisfeitas, mentres que Pontevedra presenta o rexistro máis baixo, con 7,36 puntos, por debaixo da media galega.

Con todo, non todos os ámbitos acadan notas tan elevadas. O tempo dispoñible para gozar das afeccións persoais recibe unha valoración máis moderada, cunha media de 6,76 puntos. Neste apartado, Ourense destaca de novo cunha puntuación de 7,29, superando amplamente a media autonómica.

Relacións e tempo libre

A valoración do tempo de lecer en Galicia non acada cifras especialmente altas, o que leva a preguntarse polas causas. Nun primeiro achegamento, as relacións persoais non parecen ser o problema: a satisfacción media neste ámbito sitúase en 7,82 puntos sobre 10. Lugo destaca cunha puntuación de 8,05, por riba da media galega.

Porén, ao afondar nos datos aprécianse matices relevantes. O 3,21% de persoas afirma non ter a ninguén con quen falar de asuntos persoais, mentres que o 3,92% recoñece sentirse soa sempre ou case sempre. Estes factores evidencian que, malia a boa valoración xeral das relacións, existe unha pequena pero significativa parte da poboación que sofre illamento social.

Outo dos factores que pode influír na percepción do tempo libre é a contorna residencial. As áreas recreativas ou verdes próximas á vivenda obteñen unha puntuación media de 6,78. Neste caso, A Coruña rexistra o maior grao de satisfacción, con 7,05 puntos. En canto á calidade global da zona de residencia, Ourense (7,97) e Lugo (7,95) volven situarse á cabeza, amosando unha percepción especialmente positiva da súa contorna.

Pontevedra, a provincia menos satisfeita

En termos xerais, Pontevedra é a provincia que rexistra os niveis de satisfacción máis baixos no conxunto de Galicia, situándose por debaixo da media en boa parte dos indicadores analizados. De feito, só tres parámetros superan a barreira dos 7,5 puntos: a satisfacción co que fai na súa vida diaria, as relacións persoais e a calidade da zona na que reside.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol

EN DIRECTO | A Coruña vive a eclipse entre nubes, cunha coroa solar apenas visible

A totalidade durou un minuto e 16 segundos na cidade, mentres que noutros puntos de Galicia, como Sigüeiro, durou menos con ceos despexados

Galicia vivirá unha xornada astronómica única: o máximo das Perseidas chega tras a eclipse total de Sol

As condicións serán favorables para contemplar ata 200 meteoros por hora durante a noite do 12 ao 13 de agosto, con nubosidade prevista no norte da comunidade

Nubosidade no norte, risco de incendios no sur e calor: esta é a previsión para o día da eclipse total en Galicia

A Aemet alerta de cúmulos baixos no litoral, mentres o interior estará marcado por alertas amarelas e laranxas polas temperaturas máximas elevadas