A temperatura do mar, entre as posibles causas da aparición de carabelas portuguesas en Galicia

Estes organismos con apariencia de medusa foron detectados en múltiples areais e picaron a varias persoas

As carabelas portuguesas están a chegar de maneira masiva ao Cantábrico. En Galicia deixáronse ver en Ferrol, Mapica, Carballo, O Grove e Vigo. Chegaron a múltiples praias destes municipios e picaron a varias persoas, polo que os gobernos locais están pedindo extremar a precaución durante estes días. Nalgúns areais izáronse xa bandeiras amarelas para alertar os bañistas e pídese que, aínda que esta criatura chame moito a atención, se manteña unha distancia de seguridade con ela e se avise ás autoridades. Esta situación está afectando a outras zonas da península como Cantabria, País Vasco e Asturias, e os biólogos apuntan que a causa principal pode ser a subida da temperatura do mar.

“O normal é atopalas na beira do mar con só o flotador. Pero están aparecendo vivas e están picando. É algo perigoso porque poden causarlle a morte a un neno”, explica o biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), Pablo Covelo. En 2021, varias praias de Galicia tiveron que pechar pola aparición destes organismos coloniais con aparencia de medusa, pero debíase aos temporais anteriores, o mar os arrastrara e estaban mortos.

Publicidade

O que está a ocorrer agora é algo inédito. En País Vasco están investigando este suceso despois de cinco anos sen detectar ningunha carabela, xa que están aparecendo centenares. En Cantabria, Cruz Vermella recolleu case 200 exemplares dende mediados de xullo. Covelo alega que o único que pode explicar que nestes momentos haxa tantos son as augas cálidas. Os biólogos sinalan tamén outros factores que poderían estar a influír: a contaminación orgánica e a redución do número dos seus depredadores.

De momento, a presenza de carabelas en Galicia non é alarmante. Cada concello afectado pola chegada destes organismos deberá valorar a situación e tomar as medidas oportunas, como poñer bandeiras e carteis informativos, vixiar os areais ou mesmo pechar a praia.

Publicidade

Como reaccionar ante unha picadura

A carabela é un organismo colonial cuxos individuos se especializan para manter viva a colonia. É unha agrupación de hidroides que se dividen o traballo: o neumatóforo (parte que flota), os gastrozoides (dixestión), dactilozoides (detección e captura de presas, e defensa) e os gonozoides (ocúpanse da reprodución). A vela xelatinosa pola que é característica permítelle percorrer os océanos, e do seu corpo colgan numerosos tentáculos cos que atrapan presas. Estes están provistos de cápsulas urticantes que poden paralizar a un peixe grande e afectar gravemente a un ser humano.

O síntoma máis común é o proído. En primeiro lugar, non se pode tocar a zona afectada. “As calaberas cando pican deixan unhas agullas e cando as rascas disparan. Non se pode empregar tampouco auga doce. Hai que acudir inmediatamente aos socorristas ou a emerxencias para quitar estas agullas con pinzas. Sempre con auga do mar”, explica Covelo. Os efectos desaparecerán nunhas poucas horas e é importante non tocar as calaberas despois de que sexan retiradas da area, porque o seu veleno permanece activo. As autoridades locais terán que estar informadas destes sucesos para tomar medidas e estar alerta os vindeiros días por se aparecen máis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Corridas de arroaces en Pontevedra: a histórica persecución dos cetáceos en Galicia

A recomendación de cazar a especie Tursiops truncatus remóntase séculos atrás e xa no XVIII o ilustrado Frei Martín Sarmiento defendía esta práctica

As candorcas entran por primeira vez na ría de Pontevedra

O biólogo Alfredo López confirma o avistamento de oito exemplares da especie 'Orcinus orca' na parte interior das illas de Ons

Catro pasos a seguir ante a picadura dunha medusa

A Consellería de Sanidade ofrece unha lista de recomendacións ante a deteccións de carabelas portuguesas nos areais galegos

Atención, bañistas: estas son as praias galegas onde atoparedes medusas

As distintas especies de augamares, con especial presenza de carabela portuguesa, esténdense dende a Costa da Morte ata a Mariña lucense