Pechan praias en Galicia pola presenza de carabela portuguesa

Con aparencia de medusa, a súa picadura provoca moita dor e, en realidade, son organismos coloniais, formados por numerosos individuos especializados

Varios concellos do noroeste de Galicia, como A Coruña, A Laracha, Oleiros ou Ferrol, decidiron pechar o acceso ao público en varias praias dos seus municipios despois de detectaren a presenza nos areais de moitos exemplares de carabela portuguesa (Physalia physalis), unha falsa medusa de picadura moi tóxica e tamén coñecida como fragata portuguesa, unha especie monotípica de hidrozoo sifonóforo da familia Physaliidae.

O venres, Oleiros foi o primeiro concello en pechar a praia de Bastiagueiro ao atopar carabelas portuguesas, polo que se procedeu a acordoar os accesos ao areal por parte da Policía Local. Tamén se instalaron carteis e cinta para acordoar e evitar así a entrada de cidadáns.

Publicidade

O Concello da Coruña anunciou este domingo o peche provisional de todos os areais da cidade tras detectar estas falsas medusas, que comezaron a ser retiradas “para preservar a seguridade da veciñanza, á que lle recomendamos non tocalas“, indicaron dende María Pita.

Ferrol decidiu este luns pechar todos os seus areais, ao detectar que a invasión de carabelas portuguesas chegara tamén ás súas praias. E noutros municipios, como Carballo ou Malpica, tamén se rexistraron numerosos individuos.

Publicidade

https://twitter.com/carballo_gal/status/1346093486534254592

Con aparencia de medusa, a carabela é en realidade un organismo colonial cuxos individuos se especializan para manter viva a colonia. Trátase dunha agrupación de hidroides que se dividen o traballo: o neumatóforo (parte que flota), os gastrozoides (dixestión), dactilozoides (detección e captura de presas, e defensa) e os gonozoides (ocúpanse da reprodución).

Está formada por unha vela xelatinosa que lle permite percorrer os océanos impulsada polos ventos, as mareas e as correntes mariñas, mentres que do corpo central colgan numerosos tentáculos que lle serven para atrapar ás súas presas e que estendidos pode chegar a medir ata 50 metros, aínda que o máis común é que sexan duns 10 metros.

Estes tentáculos están provistos de cápsulas urticantes denominadas cnidocitos que poden paralizar a un peixe grande e afectar seriamente o ser humano. Estas cápsulas, ante o estímulo apropiado, liberan un filamento oco espiralado dun único uso chamado nematocisto, co que poden inxectar unha toxina proteica que paraliza á presa. Cando pican ao ser humano, provocan unha forte dor, mentres que están documentados casos de morte, en ocasións por unha reacción anafiláctica provocada polas defensas do propio individuo.

Estes hidrozoos non adoitan estar en latitudes tan ao Norte, pero son arrastrados polas correntes. De feito, a razón da súa presenza masiva nos areais de Galicia nestes días responde aos fortes temporais vividos nas últimas datas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando a investigación sae do laboratorio: así funciona a transferencia científica en Galicia

A Xunta identifica o potencial dos xestores de transferencia como ponte entre o académico e o mercado con iniciativas de formación especializada

Unha nova pintura chega á Coruña: a viaxe dunha táboa flamenga recuperada do tráfico de arte

A peza, do século XVI e atribuída a un pintor anónimo, foi localizada en Italia tras ser exportada ilegalmente dende España

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación