O grupo biofarmacéutico Zendal, con base na localidade do Porriño, dá un novo paso no seu proxecto de desenvolver unha vacina contra a tuberculose ao recoller a revista Nature Publishing Group Vaccines (NPJ-Vaccines), do grupo Nature, un artigo no que se expón o bo nivel de protección da MTBVAC, deseñada pola Universidade de Zaragoza e desenvolvida pola biofarmacéutica Biofabri, compañía que pertence a Zendal.
O artigo, no que participan os investigadores de Biofabri Eugenia Puentes e Esteban Rodríguez, describe os resultados dun estudo que analiza en macacos Rhesus a protección da vacina MTBVAC comparándoa coa actual BCG, usada desde os anos 20 do século XX, e que está baseada nunha forma viva atenuada de Mycobacterium bovis illada das vacas, e que causa a tuberculose nestes animais. Hoxe en día, a BCG segue sendo a única vacina autorizada contra a enfermidade. Porén, despois de décadas de investigación neste campo, a vacina MTBVAC é a primeira e única baseada no patóxeno humano Mycobacterium tuberculosis atenuado, en entrar en estudos clínicos, sendo un fito histórico na vacunoloxía.
O traballo revela unha maior eficacia e, por tanto, maior protección da vacina MTBVAC fronte á infección por aerosol con Mycobacterium tuberculosis respecto á BCG, o que a “apoia como candidata para a vacinación universal contra a tuberculose e alternativa á vacina actual”, segundo informa Zendal.
Deste xeito, a nova investigación “consolida os estudos anteriores tanto preclínicos como clínicos de seguridade e inmunoxenicidade e supón unha forte proba de concepto da eficacia de MTBVAC no modelo de macaco, o máis relevante de eficacia contra tuberculose respiratoria, apoiando e urxindo ao desenvolvemento clínico dos estudo para demostrar a eficacia de MTBVAC como vacina profiláctica contra a tuberculose respiratoria en humanos, o que convertería a MTBVAC como unha ferramenta esencial para a loita contra a tuberculose”, engade o comunicado da empresa galega.
No desenvolvemento da MTBVAC traballa desde hai máis de 20 anos o grupo de Xenética de Micobacterias da Universidade de Zaragoza, dirixido polo catedrático aragonés Carlos Martín, pertencente ao CIBER de Enfermidades Respiratorias do Instituto de Saúde Carlos III, adscrito ao Instituto de Investigación Sanitaria de Aragón (IIS-Aragón) e investigador principal do Proxecto Vacina Tuberculose.
A tuberculose mantén o seu grande impacto no mundo
No ano no que se desatou a pandemia da Covid-19, provocando un esforzo científico sen precedentes na procura dunha vacina, a tuberculose mantívose como a primeira causa de mortalidade provocada por enfermidades infecciosas no mundo. O informe da OMS de 2020 estima que 1,4 millóns de persoas morreron por tuberculose en 2019 e estímase que como consecuencia da pandemia da Covid-19 nos próximos cinco anos, as mortes polas tuberculoses poderían aumentar ata nun 20%.
Desde hai tempo, Zendal e a Universidade de Zaragoza desenvolven o proceso de ensaios clínicos para validar a eficacia e seguridade do seu antídoto. Así, MTBVAC mostrou a súa seguridade en estudos Fase 1A en adultos en Suíza e Fase 1B en bebés en Sudáfrica, onde actualmente se están desenvolvendo os estudos da Fase 2A en adultos infectados e non infectados con tuberculoses e en bebés de curta idade para seleccionar a dose e estudar a súa seguridade e e inmunoxenicidade nun maior número de participantes.
O artigo que recolle esta semana NPJ-Vaccines, dirixido pola doutora Sally Sharpe (Public Health England), expón que unha soa dose da vacina MTBVAC administrada por vía intradérmica confire unha protección significativamente mellor á exposición por aerosol a M. tuberculosis cando se compara con BCG administrada na mesma dose e pola mesma vía. A vacinación con MTBVAC resultou nunha redución significativa na patoloxía da enfermidade inducida polo patóxeno que afecta a humanos, medida usando imaxes médicas de escáner in vivo, estudo das lesións patolóxicas macroscópicas e de anatomía patolóxica da frecuencia e gravidade de granulomas pulmonares.
A publicación estuda por primeira vez a resposta inmunitaria inducida tras a vacinación con MTBVAC en macacos e compáraos cos patróns inmunolóxicos estudados nos ensaios en humanos previos.
Referencia: MTBVAC vaccination protects rhesus macaques against aerosol challenge with M. tuberculosis and induces immune signatures analogous to those observed in clinical studies (Publicado en NPJ-Vaccines).