Sábado 7 Decembro 2024

As cifras da pandemia empeoran en Galicia á espera de observar o impacto do Nadal

Os casos activos achéganse aos 6.000 tras un mes por baixo deste número, aumentan as infeccións detectadas,a taxa de positividade e a ocupación hospitalaria

O efecto do aumento de transmisión do SARS-CoV-2 tras o relaxamento das restricións por mor da celebración do mes de Nadal comeza a notarse en Galicia. A incidencia acumulada das últimas dúas semanas levaba xa bastantes días con tendencia ascendente en varias comunidades autónomas, e os datos deste luns parecen apuntar a que en xaneiro se vivirá, con moita probabilidade, unha terceira onda da pandemia da Covid-19. A súa magnitude dependerá das medidas que se tomen nunha nova escalada de restricións. Por agora, a Consellería de Sanidade informou que, co gallo da festividade de Reis, permitirase a mobilidade entre todos os concellos para visitas familiares entre as 6 e as 23 horas. É probable que o vindeiro venres se tomen novas decisións nunha nova reunión do comité clínico.

A situación actual en Galicia

Nas sete áreas sanitarias estanse a rexistrar nos últimos días un maior número de casos detectados mediante probas PCR, a pesar do descenso no número de análises que coincide coas datas festivas do Nadal.

Publicidade

Á espera de que a revisión da serie diaria de novos casos, que se actualiza cuns días de retraso, confirme a tendencia deste aumento, o Sergas xa apunta que nos últimos días de 2020, os novos positivos diarios detectados se achegaron aos 500 (480 o día 30 e 466 o día 31), o que supón as meirandes cifras desde mediados de novembro.

Deste xeito, a taxa de positividade (porcentaxe de casos detectados respecto ao total de probas) estase a achegar ao 10%, despois de permanecer durante semanas apenas por riba do 5%, limiar que establece a OMS para manter un control sobre a transmisión do coronavirus nunha área determinada. Para observar estes niveis de positividade hai que remontarse tamén a mediados de novembro, no cumio da segunda onda.

Publicidade

A Xunta permite a mobilidade entre concellos das 6 ás 23 horas do día de Reis

Os casos activos (cifra que indica as persoas que están baixo seguimento ao serlle detectada a infección e que aínda non recibiron a alta) superaron este luns os 5.900 e achéganse aos 6.000, valor que non acadan desde comezos do mes de decembro.

Este indicador oscila en función das diferenzas entre novos casos detectados e as altas concedidas, polo que aumenta se se están detectando máis positivos ca curacións se rexistran, tal e como está acontecendo nos últimos días. Así foi a evolución en Galicia desde o mes de maio, tendo tamén en conta as distintas medidas tomadas pola Xunta a partir da segunda onda:

Este aumento de casos activos nos últimos días xa se está a reflectir de maneira notable na ocupación dos hospitais, ao requirir ingreso unha maior cantidade de persoas. Se o día de Nadal se acadaba a menor carga asistencial desde outubro, con 54 persoas na UCI e 265 noutras unidades de hospitalización, os datos pechados na tarde do domingo elevan esta última cifra ás 334, mentres que a ocupación nas UCI segue en 54 persoas.

Áreas máis afectadas

Desde o pasado luns 28, o mapa de restricións afecta a máis de medio cento de concellos nos que están vixentes peches perimetrais e outras medidas para conter a maior circulación do virus neles. No referente ás cidades, Santiago rexistra a maior incidencia acumulada, con arredor de 220 casos/100.000 habitantes nos últimos 14 días. No rango de incidencia entre 150 e 250 tamén se sitúan Vigo, A Coruña, Ourense, Pontevedra e Ferrol, mentres que Lugo está arredor dos 100.

Preocupan tamén outros municipios onde xa están vixentes restricións, como Ribeira, cunha incidencia acumulada por riba de 300 ao rexistrar 100 casos nos últimos 14 días, ou Vimianzo, co maior brote de Galicia nunha residencia de maiores (DomusVI), con 62 residentes e 15 traballadores como casos activos. A incidencia acumulada nas últimas dúas semanas é tamén importante na Illa de Arousa (89 casos nos últimos 14 días), Verín (83), Xove e Vilagarcía (76), Ames (71), Viveiro e Tomiño (64) ou Santa Comba (62).

Este luns, a Xunta adiou ata o venres a posible nova escalada, e o comité clínico limitouse a acordar o levantamento do peche perimetral en Carnota e As Pontes (que volven ao nivel básico), e a relaxación das medidas en Narón, que pasa ao nivel medio. Con todo, advertiuse tamén de que as comarcas da Coruña e Santiago están en vixilancia especial, o que pode levar ao establecemento de novas medidas, cos conseguintes peches perimetrais e outras restricións, o vindeiro venres.

Vacinación

Por outra banda, continúa a vacinación fronte á infección do coronavirus en Galicia, centrada nunha primeira etapa en residencias sociosanitarias e persoal do sector. Segundo informou a Consellería de Sanidade este domingo, agárdase que este luns sexan xa 12.200 as persoas que reciban a primeira das dúas doses da vacina de Pfizer-BioNTech, a primeira aprobada na Unión Europea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Internet e redes en menores: as razóns dos especialistas galegos para a prohibición

Os expertos alertan dos riscos e consecuencias que ten para a rapazada a utilización excesiva e sen supervisión dos dispositivos móbiles

Rula, choia, paíño… Os 600 nomes de aves en galego que atoparás nesta ferramenta dixital

A RAG estrea unha plataforma para realizar procuras pola denominación, o nome científico ou a familia á que pertence cada especie

Tecnoloxía inclusiva galega: premiada unha aplicación para previr a atrofia muscular

O CITIC celebrou esta semana un encontro europeo no que tamén galardoou o deseño adaptado dunha cesta da compra para cadeira de rodas

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares