As ‘cidades dos 15 minutos’ constitúen un concepto deseñado polo urbanista Carlos Moreno para definir aquelas poboacións nas que os seus habitantes teñen acceso ás necesidades básicas —alimentación, educación, sanidade…— a 15 minutos ou menos a pé ou en bicicleta. Agora, este termo adoita empregarse como ferramenta para medir a calidade de vida dun núcleo urbano. O portal web Strado pon a disposición do usuario un mapa interactivo que permite coñecer a proximidade a servizos diarios e sociais en todos os barrios europeos.
Esta ferramenta dixital puntúa poboacións internacionais —e resalta os barrios de 50 grandes cidades europeas— en función dos servizos que se atopan a menos de dez minutos a pé. Este mapa interactivo é, polo tanto, unha guía estratéxica para os cidadáns que buscan pasar uns días noutra cidade ou, nun senso máis permanente, mudar a súa residencia: Strado permite comparar o dinamismo social e as comodidades diarias de diferentes zonas antes de asinar calquera contrato de alugueiro ou compra.
En Galicia, as grandes cidades e capitais de provincia coróanse como os espazos cunha maior accesibilidade; porén, afastarse das zonas máis céntricas implica, tamén, deixar atrás esas boas puntuacións.
Como funciona Strado?
A plataforma analiza a realidade urbana rúa por rúa, dividindo o territorio en celas hexagonais que reciben unha cualificación. Para logralo, o sistema nútrese de datos reais procedentes de OpenStreetMap, a base de datos xeográfica aberta máis grande do mundo.
O potencial desta ferramenta reside na profundidade e na variedade do seu sistema de análise, que avalía un total de 22 categorías esenciais para a vida diaria e social. Strado non só mide aspectos básicos como a proximidade de supermercados, centros de saúde, farmacias ou servizos de emerxencia, senón que tamén analiza a oferta educativa e de coidado infantil. Isto permite que familias, estudantes e profesionais atopen o lugar que mellor se adapta ás súas necesidades básicas.
Máis alá das necesidades primarias, o mapa pon un foco especial no lecer, na integración social e na sustentabilidade da contorna. Os usuarios poden comprobar o acceso a cafeterías, restaurantes, espazos de vida nocturna e oferta cultural, así como a calidade das infraestruturas ciclistas e do transporte público. Ademais, o algoritmo inclúe variables de benestar como a presenza de parques, praias, zonas deportivas, espazos de coworking, áreas aptas para mascotas e parques infantís.
Os pasos para usar o mapa
O funcionamento da plataforma deseñouse para ser intuitivo e constar de tres pasos sinxelos. En primeiro lugar, o usuario selecciona a cidade europea que desexa explorar. Acto seguido, o sistema amosa as puntuacións detalladas de cada sector do mapa, facilitando o descubrimento de áreas idóneas. Finalmente, a persoa pode contrastar os barrios segundo os criterios que máis lle importen, logrando unha radiografía precisa do que realmente terá preto na casa.
Grazas ás súas guías de barrios e aos mapas a nivel de rúa, a cidadanía, local ou foránea, pode identificar os puntos positivos e negativos dunha área, ou mesmo descubrir zonas que non tivera presentes ata ese punto. O concepto das ‘cidades dos 15 minutos’ redefiniu a forma de entender o urbanismo e a mobilidade, e esta ferramenta vólvese unha potente aliada para confirmar que un barrio se adapta a ese estándar de benestar.























