Recoñecida a Serra do Xistral como unha paisaxe de referencia mundial para a conservación de turbeiras

A designación Global Flagship Landscape sitúa os humidais atlánticos do noroeste ibérico no foco e reforza o compromiso de conservación, restauración e xestión do territorio

Impulsada por Wetlands International, unha das organizacións de referencia global en conservación e restauración de humidais, a Reserva da Biosfera Terras do Miño (Lugo), con especial atención á zona núcleo asociada á Serra do Xistral, foi incorporada a unha rede de Paisaxes Emblemáticas Mundiais (Global Flagship Landscapes), composta unicamente por 12 territorios, na que a Serra do Xistral é o único referente europeo. Esta designación recoñece a singularidade ecolóxica e funcional das súas turbeiras e proxecta o territorio como un laboratorio vivo para solucións baseadas na natureza vinculadas á auga, ao clima e á biodiversidade.

A iniciativa foi promovida polo equipo do GEMAPCISPAC da Universidade de Santiago de Compostela, e polo CIREF, no contexto do proxecto europeo de Horizon Europe “Spongeboost”, orientado a escalar a función “esponxa” da paisaxe, retención e depuración natural da auga, laminación de avenidas e incremento da resiliencia hidrolóxica, mediante unha folla de ruta e recomendacións operativas para xestores e persoas decisoras públicas.

Publicidade

Un territorio clave para os humidais atlánticos

Terras do Miño foi declarada Reserva da Biosfera en 2002 e constitúe a maior de Galicia (363.668,9 ha), abranguendo 26 municipios da conca alta do río Miño.

No seu interior destaca a Zona de Especial Conservación Serra do Xistral (22.964 ha), onde se concentra unha das expresións máis valiosas dos humidais de turbeira de todo o sur de Europa e unha paisaxe estreitamente estruturada a través dunha grande diversidade de humidais.

Publicidade

Que significa ser Flagship Landscape?

Wetlands International, na súa nova estratexia global Wetlands for Life (2026–2035), sitúa os Flagship Landscapes como espazos demostrativos nos que a acción sobre os humidais pode desencadear cambios transformadores con beneficios ambientais e socioeconómicos medibles. Nese marco, a organización subliña que os humidais sosteñen servizos ecosistémicos valorados arredor de 39 billóns de dólares anuais, malia que o mundo perdeu aproximadamente o 70% destes ecosistemas desde 1900.

A estratexia fixa metas de grande escala, incluída a mellora, conservación e restauración de millóns de hectáreas de humidais.

Responsabilidades e oportunidades

A designación implica maior visibilidade internacional, mais tamén unha responsabilidade reforzada: garantir a integridade ecolóxica das turbeiras (hidroloxía, vexetación, ciclo do carbono), previr degradacións (drenaxes, incendios, sobrepresión de usos) e demostrar avances en conservación e restauración cunha gobernanza inclusiva.

Á súa vez, abre oportunidades concretas:

Acceso preferente a redes internacionais de coñecemento e boas prácticas en turbeiras e “paisaxes esponxa”.

Atracción de cooperación técnica e financiamento para restauración hidrolóxica, seguimento ecolóxico e adaptación climática.

Innovación territorial: solucións baseadas na natureza aplicables á xestión de avenidas, secas, mellora de hábitats e secuestro de carbono.

Tamén outorga beneficios para a cidadanía, como a redución do risco hidrolóxico, auga de maior calidade, oportunidades de educación ambiental e un desenvolvemento local compatible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite

A ciencia redefine o coello de monte: Galicia alberga unha especie diferente e máis ameazada

O estudo conclúe que existe unha separación evolutiva con realidades ecolóxicas e necesidades de conservación distintas entre os exemplares ibéricos e europeos

Investigador galego participa na identificación de áreas clave para a conservación de artrópodos

O equipo do estudo, con presenza da USC, xerou unha base de datos con máis de 6.000 especies da Península e Baleares

Tratado de Alta Mar: unha nova esperanzadora para a saúde dos océanos

O ordenamento das zonas máis afastadas da costa leva discutindo desde hai dúas décadas e só recentemente asinouse un Tratado de Alta Mar