“Galicia ten a maior concentración de turbeiras da península Ibérica”

Para moita xente, explica Xabier Pontevedra, profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela, as turbeiras son “un ecosistema exótico” pero non debería selo xa que “temos a sorte de que Galicia ten a maior concentración e diversidade de turbeiras de toda a Península Ibérica”. Para falar desta riqueza, este xoves achegouse a dar unha conferencia ao alumnado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense.

Nóvoa e Xabier Pontevedra, na charla.

A actividade, que levou por título ‘Inventario e estado de conservación de ecosistemas húmidos de montaña de Galicia’, estivo organizada pola Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Vigo baixo a coordinación do profesor Juan Carlos Nóvoa e contando co apio da Vicerreitoría do campus. O seu obxectivo, explicou Nóvoa na presentación, foi que o alumnado do centro puidese coñecer a turbeiras da man dun experto galego na materia como é o caso de Xabier Pontevedra.

Publicidade

“As turbeiras son un tipo de ecosistema húmido moi particular”, comentou o profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase, apuntou, dun ecosistema húmido coa diferenza respecto aos outros “de que ten unha grandísima capacidade de acumular materia orgánica en forma dun substrato que se chama turba”. Acumuladoras de carbono, indicou Xabier Pontevedra, as turbeiras axudan “en gran medida a mitigar o cambio climático” e “teñen unha capacidade de filtrar as augas que garante a súa calidade”. Como as turbeiras “medra ao longo de miles de anos”, indicou o experto antes da súa conferencia,  “manteñen memoria de todo o que lle pasou durante ese tempo, podéndose estudar a evolución do ecosistema e polo tanto das condicións ambientais, incluídas as climáticas, a partir do estudo das turbeiras. De aí a súa gran relevancia ambiental”.

Prioridade de conservación

Sendo Galicia o referente peninsular en turbeiras tanto en cantidade como en diversidade, Xabier Pontevedra salientou como estes ecosistemas “realmente están distribuídos por practicamente todo o territorio galego, aínda que con maior concentración ou desenvolvemento en determinados sitios”. As máis representativas, indicou, están nas serras do norte de Lugo, concretamente na Serra do Xistral. Para unha persoa non familiarizada con estas formacións, apunta, identificar a presencia dunha turbeira pode ser difícil pero un indicio pode ser cando “vas camiñando por unha zona húmida pero sen auga na superficie e se afunden os pés”. “As turbeiras non teñen auga en superficie, a auga está oculta na materia”, lembra.

Publicidade

Ao longo da súa intervención, Xabier Pontevedra explicou ao alumnado asistente as características científicas destes ecosistemas pero fixo tamén fincapé na súa relevancia ambiental e na importancia de protexelas. As turbeiras, apuntou o relator, son un “dos ecosistemas de maior prioridade de conservación para a UE”. Así, lembrou, están “en bastante en perigo porque son espazos acaídos para outras actividades”. Dadas as amezas que se cernen sobre elas por estas características, o experto indicou como “a UE traballa na súa conservación”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

A volta das lapas

As consecuencias dos incendios do verán de 2025 e o primeiro gran lume de 2026. Por Andrea Veiga