As catro preguntas que habería que facer sobre a eutanasia

“Fumas?” “De cando en vez, por se me mata”, respondía o Ramón Sampedro ao que deu vida Javier Bardem no filme Mar Adentro. O caso deste galego que reclamou o dereito a morrer dignamente xerou un gran debate sobre a eutanasia en España. Porén, 20 anos despois da súa morte, axudado por unha rede de amigos e colaboradores que nunca puideron ser culpados por falta de probas, calquera persoa que faga o mesmo tería que seguir afrontando un delito de cooperación ao suicidio, segundo o artigo 143 do Código Penal.

Este mércores, Santiago de Compostela acolleu a nova edición das Regueifas de Ciencia, na que se debateu sobre a eutanasia cando o asunto está agora mesmo en trámite parlamentario para a súa despenalización (aínda que na maioría das comunidades autónomas xa hai regulación específica para garantir unha morte digna). Dous bandos, un a favor e outro en contra, abordaron o problema en relación ao acceso aos coidados paliativos, a garantía da autonomía e dignidade das persoas.

Publicidade

Dun lado, a favor da legalización da eutanasia, estaban Margarita Boladeras Cucurella, Catedrática emérita de Filosofía Moral e Política Universidade de Barcelona, e Isabel Blanco Domínguez, doutora e membro da directiva da asociación Derecho a Morir Dignamente. Fronte a elas, en contra desta legalización, estaban Francisco Javier Barón Duarte, médico da Unidade de Hospitalización Servizo de Oncoloxía Medica do Hospital Universitario de A Coruña, e Jacinto Bátiz Cantera, ,médico especializado en coidados paliativos do Hospital San Juan de Dios de Santurtzi (Bilbao).

O acceso aos coidados paliativos en boas condicións e o dereito a respectar a dignidade e autonomía do paciente foron dous dos puntos principais do debate

Ambas partes comezaron desenvolvendo cadanseus argumentos: Desde a negativa á despenalización, tanto Bátiz como Barón enmarcaban o debate na defensa dos coidados paliativos fronte á eutanasia; deste xeito, “se todo o mundo ten acceso a uns coidados paliativos en condicións, e cun bo marco lexislativo, non habería que chegar ao punto de causar unha ‘provocación da morte'”, en palabras de Bátiz. Engadiu Barón que “para moitos pacientes, a eutanasia poderá ser legal, pero nin lícita nin decente”.

Fronte a eles Isabel Blanco e Margarita Boladeras defenderon que “a despenalización non obriga a ninguén” a optar pola eutanasia. E, mencionando expresamente o caso de Ramón Sampedro, Boladeras subliñou que “o respecto á vida hai que telo no seu pleno sentido, na integridade física e moral”. A negación da eutanasia supón por tanto, nos casos das persoas con doenzas terminais, “un trato inhumano que lles rouba a dignidade e a autonomía”, subliñou a catedrática.

O debate abriuse entón a catro preguntas sobre as que adoita xirar o problema da eutanasia.

1. É compatible a práctica da eutanasia co xuramento hipocrático?

Aquí, a interpretación do código deontolóxico contemplou tanto o si como o non. Jacinto Bátiz dixo que “o paciente ten dereito a rexeitar o tratamento que se lle indique, e nós temos o deber de non abandonalo, non deixar que sufra dor e axudar a el e aos seus seres queridos no que precisen”. Porén, para Bátiz, non é preciso incluír a eutanasia dentro destes supostos.

Pero neste mesmo marco, Isabel Blanco respondeu que os médicos “estamos obrigados a non impedir o exercicio dos dereitos dos pacientes, polo que non respectar os seus dereitos pode causar un grave dano”.

2. Son os coidados paliativos suficientes para manexar o final da vida?

A resposta afirmativa a esta cuestión foi un dos eixos da argumentación de Bátiz e Barón. Neste punto, o oncólogo coruñés argumentou con datos que “cando os coidados paliativos son bos, as peticións de eutanasia diminúen moito“. E, na mesma liña, o médico vasco dixo que “moitos pacientes piden eutanasia porque non teñen bos coidados paliativos”.

Non opinaban o mesmo Blanco e Boladeras. “Hai persoas que non queren un final así, sendo sedados pouco a pouco, porque continúan sufrindo, e queren marchar doutro xeito; iso temos que respectalo”, dixo a catedrática catalá. “Ás veces, o paciente decide que non quere seguir vivindo así, o diagnóstico é claro e terminal; por que non o podemos respectar?”, preguntou.

Momento do debate sobre a eutanasia. Imaxe: @regueifaciencia/Twitter.

3: Poderíase aplicar a eutanasia a quen a solicite sen padecer unha enfermidade terminal?

Doenzas como a ELA, que poden prolongarse durante anos incapacitando totalmente a quen a padece, abren o debate sobre cal é o momento a partir do cal se debe permitir este proceso. Para rexeitar estas prácticas, Bátiz e Barón aludiron aos posibles problemas psicolóxicos ou causados polo dor de quen se atopa nesta situación. “En 25 anos de traballo, só dúas persoas me pediron a eutanasia, e era pola dor, non porque non quixeran seguir vivindo”, sostivo o doutor Bátiz.

Neste punto, Isabel Blanco rescatou de novo o caso de Ramón Sampedro como paradigma de que “vivir é un dereito, non unha obriga“. “Que facemos coas enfermedades dexenerativas, lentas, ou as incapacidades graves, aínda que non estén na fase inmediatamente anterior á morte?”, preguntou.

4: Poderiamos aceptar a eutanasia non solicitada?

Este punto, que afecta sobre todo a menores con doenzas graves e persoas con diversidade funcional, xerou un debate importante nalgúns países, e mesmo en Galicia hai poucos anos, co caso dunha nena á que os pais pediron que se lle retirara a alimentación que a mantiña con vida, pese a que sufría unha doenza irreversible. Porén, ata o de agora,Bélxica despenalizou a eutanasia sen límite de idade.

Con todo, desde os dous bandos da Regueifa coincidiuse en que non se debería aceptar a eutanasia non solicitada. Houbo, non en tanto, un pequeno matiz por parte de Isabel Blanco, que remarcou ter en conta os casos nos que aparecera reflectida esta vontade no testamento vital.

Despois das preguntas do público e das conclusións, coñecéronse os resultados finais das votacións, que os asistentes fan antes e despois do debate, para ver se as posturas sobre o tema cambian ou non. Neste caso, aínda que a porcentaxe de apoio á eutanasia foi moi ampla (83%) caeu respecto ao comezo (88%) fronte aos que avogaban por non despenalizala, que subiu do 5 ao 12%. Os indecisos pasaron dun 7 a un 5%.

E ao rematar, como é costume, o condutor das Regueifas, Manuel Vicente, compartiu unha copla con todos o asistentes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia abre o ciclo de faladoiros "Os mundos científicos de Vigo"

Os relatorios darán comezo o luns no edificio Redeiras cunha charla introdutoria que leva por título 'A divulgación científica en Galicia'

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías