A investigadora do grupo GeoTech Patricia González gaña a Gargallada Científica da UVigo

O vindeiro xoves participará nunha gala final con Quico Cadaval e máis divulgadoras

Empregar o humor sen renunciar ao rigor, e facelo en galego. Esta é a filosofía que impulsa Gargallada Científica, o concurso de monólogos científicos da Universidade de Vigo,  iniciativa que que acaba de coroar a Patricia González Cabaleiro, investigadora predoutoral no grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, GeoTech, do Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais,  da UVigo, como gañadora da súa primeira edición coa proposta Podería dicir que son. 

O xurado, integrado por Andrea Muras Mora, Luís Pena Morandeira e Ana Costa Montes, subliñou no seu fallo “a capacidade de Patricia para fusionar contido científico rigoroso cunha retranca galega moi característica nun vídeo cun guión orixinal e cheo de metáforas divertidas, acompañado dunha coidada calidade técnica e dunha interpretación especialmente salientable”. 

Publicidade

En total presentáronse ao certame seis traballos que poden visualizarse a través da canle de Youtube da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo. Realizados polos investigadores Mario Soilán Rodríguez, Lorenzo Antonio Justo Cousiño, Fernando Álvarez Álvarez, Celestino Quintela Sabarís e Wendy Fernández Pujó, a decisión final do xurado foi “especialmente complicada” pola alta calidade das propostas presentadas, das que destacaron “unha clara vontade divulgativa acompañada de recursos humorísticos variados e a capacidade de conectar cun público amplo”. 

Comedia e ciencia en directo no café Vitruvia o xoves

Como recollen as bases, o premio consiste nun kit audiovisual valorado en 600 euros, pensado para seguir estimulando na premiada a creación de novos contidos divulgativos. A maiores, e como colofón do concurso, o vindeiro xoves, entre as 18.30 e as 20.00 h, a autora participará nunha sesión de ‘solo’ de ciencia no Vitruvia Café de Vigo, unha sesión na que terá a oportunidade de pór en práctica as súas capacidades como monologuista fronte ao público e na que compartirá escenario coas científicas e divulgadoras Ángela Arnosa Prieto e Andrea Muras Mora, así como co actor e director de teatro Quico Cadaval, como convidado especial. 

Publicidade

Ángela Arnosa Prieto é química e doutora en Ciencia de Materiais, cunha ampla traxectoria en iniciativas de divulgación científica. Como monologuista, participou na primeira edición do Ciencia Calidade, o primeiro concurso de monólogos científicos en galego, e foi finalista nacional no certame iberoamericano de monólogos científicos Solo de Ciencia. Nesta ocasión interpretará o monólogo Nanopartículas para flipar en cores, co que amosará como materiais tan comúns como o ouro ou a prata poden mudar de cor e comportamento cando se reducen a escala nano. 

Pola súa banda, a microbióloga Andrea Muras Mora, finalista en FameLab España e autora do libro La Guerra contra las Superbacterias, falará en As bacterias da miña boca do complexo ecosistema microbiano que habita as nosas cavidades bucais e de como se organizan estes microorganismos para dar lugar á placa dental. 

O cartel complétase coa presenza de Quico Cadaval, unha figura esencial do teatro e do humor en Galicia, que en Eureka empregará o seu particular estilo narrativo para explorar a cara máis sorprendente e cómica das grandes ideas científicas.

A actividade é gratuíta pero require inscrición previa e as prazas son limitadas ata completar a capacidade da sala, polo que se recomenda reservar con antelación.

Dentro das actividades do Día da Ciencia en Galego

O certame de monólogos insírese nas actividades de divulgación científica da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) con motivo do Día da Ciencia en Galego e nace co obxectivo de dar visibilidade ao talento divulgador en galego e amosar que a investigación tamén pode ser fonte de gargalladas. 

As accións vencelladas a esta efeméride forman parte do plan especial 5º Aniversario Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade