Fas ciencia na escola? Participa no premio Luís Freire!

Os Museos Científicos Coruñeses e o Concello da Coruña convocan un ano máis o Premio Luís Freire de Investigación Científica na Escola, en colaboración coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. Pretende fomentar o interese pola ciencia e a formación en actitudes científicas, e premia as investigacións e proxectos que se distinguen pola súa orixinalidade e rigor, e que demostren sentido crítico, curiosidade e constancia.

Con motivo especial do 20 aniversario da convocatoria premiaranse todas as inscricións que finalicen a súa investigación e presenten a súa memoria antes do 1 de marzo de 2019. As aulas de quen participen serán invitadas a visitar gratuitamente durante un día os tres museos científicos, complementándoa coas actividades que desexen realizar en cada un deles en función da oferta dispoñible.

Publicidade

Dúas modalidades

A participación está aberta en dúas modalidades. A primera dedicada a proxectos de investigación científica realizados polo profesorado nas aulas de Educación Primaria. A segunda para alumnado de Educación Secundaria que desenvolvan investigacións científicas.

O alumnado e profesorado que desexe participar ten ata o próximo 28 de decembro para enviar as súas propostas. Posteriormente, terán 3 meses para desenvolver os seus traballos. A fase final terá lugar na Domus o 30 de marzo de 2019, e a ela concorrerán os tres mellores traballos seleccionados en cada modalidade.

Publicidade

O profesorado de Educación Primaria da área metropolitana da cidade coruñesa poderá solicitar a visita á aula dun técnico dos Museos Científicos para impartir unha charla sobre como realizar unha investigación científica e os valores educativos que pode proporcionar ao alumnado. Para reservar unha data será necesario solicitala na dirección premioluisfreire@casaciencias.org

Os premios para os/as finalistas comprenden, ademáis de diversos aparellos, a presentación dos traballos gañadores nas dúas modalidades na feira científica Galiciencia, Ourense, en maio de 2019.

Luís Freire

Luis Freire naceu na Coruña en 1914. Aos 3 anos trasladouse coa súa familia a Vilalba, onde vivían os seus avós maternos. Asistiu á escola pública, unha escola con pouco alumnado e cunhas mestras excepcionais que deixarían unha profunda pegada na súa maneira de aprender e de ensinar. Esta estancia en Vilalba converteuno, en palabras do escritor e profesor Alonso Montero, nun «aristócrata de aldea».

Con 12 anos, regresou á cidade da Coruña e comezou a traballar e a estudar por libre os catro cursos do bacharelato elemental que aprobou en só dous anos. Superada a reválida decidiu facerse practicante e continuar os estudos de bacharelato superior.

Á vez que desenvolvía a súa actividade profesional impartía clases particulares de latín, de grego, de literatura ou de matemáticas, tanto en niveis secundarios como universitarios. E comezou a practicar unha afección á que dedicaría toda a súa vida: o estudo de insectos, arañas e plantas.

Aos 57 anos trasladouse a Santiago de Compostela para estudar Ciencias Biolóxicas. Acabou a carreira en catro anos e licenciouse en 1975, e a continuación realizou a tese de licenciatura e a tese doutoral. Durante este tempo impartiu clases de Botánica na facultade e codirixiu cinco teses de licenciatura sobre flora e micoloxía de Galicia.

En 1981 defendeu a súa tese doutoral sobre fungos “Macromicetos da Selva Negra”. A partir de entón, a micoloxía converteuse na súa principal liña de investigación. Publicou máis de 40 artigos, 4 libros, participou no medio cento de congresos e dirixiu 8 teses de licenciatura e 2 teses doutoral sobre o tema.

Luis Freire foi membro fundador da Sociedade Galega de Historia Natural, do Grupo Botánico Galego, do Grupo Micolóxico Galego e da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ O quilómetro cero da eclipse total de Sol estará na Coruña: as claves para desfrutar do fenómeno astronómico do ano

A cidade galega será un dos primeiros puntos de Europa en observar a ocultación completa do astro tras a Lúa o 12 de agosto

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

A investigadora do grupo GeoTech Patricia González gaña a Gargallada Científica da UVigo

O vindeiro xoves participará nunha gala final con Quico Cadaval e máis divulgadoras