Os polbos tamén poden andar e outros segredos das Cíes

Os nenos e nenas que escoitaban a Manuel E. Garci, científico do CSIC e gran coñecedor dos fondos mariños da ría de Vigo, e vían as imaxes que tomou no leito das Cíes e os seus arredores, estaban coa boca aberta. De súpeto, un polbo saía do seu tobo e botaba a andar polo fondo do mar, axudándose de dous dos seus oito tentáculos. Camiñaba con axilidade, e dun momento a outro, botaba a nadar de novo. Foi só unha das moitas sorpresas que están levando centos de escolares vigueses que participan estes días na Semana da Ciencia, unha serie de obradoiros científicos e conferencias no museo MARCO de Vigo, na rúa do Príncipe da cidade, nunha actividade organizada polo Concello de Vigo e que conta coa colaboración de GCiencia.

Desde primeira hora do xoves, os grupos van desfilando por seis experimentos nos que outros tantos monitores expertos en bioloxía e ciencias mariñas amosan, desde distintas perspectivas, o valor científico do arquipélago, candidato a entrar na lista do Patrimonio Mundial da Unesco. Os rapaces puideron descubrir, por exemplo, como funciona o afloramento que enche de vida e nutrientes as augas da costa galega, o papel das gaivotas no ecosistema das illas a través dos seus excrementos, a importancia de non deixar ningún tipo de lixo, a historia biolóxica e xeolóxica que contan os sedimentos da Lagoa dos Nenos e as diferenzas entre a costa das Cíes exposta ao Atlántico, e a que está protexida do océano.

Publicidade

En cada unha destas paradas, os novos ‘expertos’ nas illas recibían un selo no seu “Pasaporte Cíes“, que, xunto a un diploma, ao final levaron para casa, certificando os seus coñecementos sobre un patrimonio que é de todos.

Charlas con expertos

Unha vez conseguido o pasaporte e o diploma, os rapaces e os seus mestres baixaron escoitar a charla de Manuel E. Garci. Con vídeos gravados por el mesmo, e que deixaron coa boca aberta a todos, Garci explicou toda a riqueza da flora e da fauna das Cíes. Polbos, chocos, anémonas, ameixas, centolas e demais cefalópodos, crustáceos e moluscos comezaron a desfilar a gran tamaño pola pantalla.

Publicidade

Os mozos, moi atentos, fixeron preguntas sobre o mar de ardora, que algúns tiveron presenciado nalgunha excursión nocturna coa familia, ou sobre como é a posta dos ovos do polbo, que as femias agochan no teito de covas construídas por elas mesmas, como tamén se puido ver no vídeo.

Este xoves ás 20 horas falará o químico da UVigo Antón Salgado, e o venres, á mesma hora, o biólogo do IEO Francisco Rodríguez

Os obradoiros no Marco prolongáronse durante toda a mañá. E xa pola tarde, na Semana da Ciencia chega o turno das actividades dirixidas ao público en xeral, con dúas conferencias. O xoves, a charla correrá a cargo do químico Antón Salgado, da Universidade de Vigo, que falará sobre “O fenómeno do afloramento costeiro”, a partir das 20.00 horas, no auditorio do propio museo, con entrada libre e gratuita ata completar o aforo.

O venres, a conferencia será do biólogo Francisco Rodríguez, do Instituto Español de Oceanografía (IEO), baixo o título: “Un mar de cores para o Nautilus”, no que os asistentes poderán ver in situ o espectáculo das algas bioluminiscentes. Será tamén ás 20.00 horas con entrada libre e gratuita.

Con estas actividades, GCiencia celebra a Semana da Ciencia, en colaboración co Concello de Vigo, achegando a importancia da investigación, e da súa divulgación, a públicos diversos, desde o ensino primario ata a cidadanía en xeral.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

Blanca Landa, experta en covid das plantas: “Adestramos cans que xa detectan vexetais infectados”

A investigadora do CSIC coordina un proxecto europeo para mitigar o impacto de 'Xylella fastidiosa', unha bacteria capaz de afectar máis de 700 especies

Un novo método predí a resistencia aos antibióticos da bacteria ‘Helicobacter pylori’

O estudo do CSIC permite saber con antelación que tratamento será máis eficaz para cada paciente