A causa da gran cantidade de lixo que se produce na sociedade, a xestión responsable converteuse nun dos principais retos ambientais das cidades. Neste contexto, a materia orgánica, un residuo procedente principalmente das tarefas cotiás, permite ir máis aló na economía circular, un eido no que nacen iniciativas especialmente útiles: é o caso do Concello de Vigo que, en colaboración con FCC Medio Ambiente, pon a disposición da cidadanía o contedor marrón.
Na cidade olívica xa existen seis contedores de cores diferentes: a recollida de papel e cartón no azul; os envases de vidro ao verde; os envases de plástico, bricks e latas no contedor amarelo, e as pilas usadas, o aceite e a roupa e calzado, aos depósitos especializados. A adición do contedor marrón, tamén coñecido como orgánico, permite continuar o ciclo de vida útil deste tipo de residuos.
Este depósito está destinado exclusivamente a este tipo de lixo, que inclúe restos de comida, mondas de froitas e verduras, cascas de ovos, ósos, cunchas de marisco ou froitos secos, ademais de papel de cociña sen tinguiduras, restos de plantas e tapón de cortiza. Pola contra, non se poden depositar restos de varrer, cinza, cabichas, cueiros, produtos hixiénicos ou excrementos de animais de compañía.
Como se abre?

O contedor marrón ten un sistema de apertura especial para garantir o seu correcto uso e favorecer a separación adecuada da materia orgánica, pois tan só achegando a tarxeta PassVigo ao sensor do contendor orgánico e abrindo a tapa, podes tirar os residuos. O paso a paso é o seguinte: o dispositivo actívase, emite un aviso acústico e unha luz verde indica que está aberto e listo para usar.
Con todo, mesmo a forma na que se depositan os residuos neste contedor é importante: deben ir metidos nunha bolsa compostable, como as que dan nas froiterías, xa que outros tipos de envases poderían dificultar a transformación e comprometer a calidade do abono final.
En que se converte a materia orgánica?
A importancia do contedor marrón reside na súa fin última: separar correctamente a materia orgánica do resto de residuos para convertilos nun fertilizante natural rico en nutrientes, mellorar a calidade do solo e reducir a necesidade de produtos químicos.
En consecuencia, esta técnica servirá como aliada do medio ambiente, xa que incrementará a fertilidade coa que se poderán producir froitas e verduras máis naturais e sas. Ademais, é un axente máis na loita contra o cambio climático: reduce a contaminación e o impacto do quecemento global na vida diaria.














