Advirten do “grave” impacto dos eólicos nas turbeiras das serras do norte de Galicia

Científicos da USC e a Universidade de Nottingham celebraron na serra do Xistral un obradoiro no marco do proxecto europeo LIFE Tremedal

Os días 18 e 19 de outubro, investigadores do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus Terra da USC en Lugo, xunto á Escola de Ciencias Animais, Rurais e Medioambientais da Nottingham Trent University (NTU), celebraron un encontro para analizar as distintas ferramentas dispoñibles na actualidade para avaliar o impacto ambiental que os parques eólicos causan sobre a conservación das turbeiras de cobertor na Cordilleira Cantábrica.

Durante estas datas, os investigadores desprazáronse á serra do Xistral para ver de preto os impactos que sofren este tipo de turbeiras. E a viaxe serviu para constatar, segundo informa o Ibader, do “elevado impacto que os parques eólicos, a través dos seus diferentes elementos (turbinas, subestacións, pistas, etc.)” que producen nestes ecosistemas.

Publicidade

Traballo de campo nas turbeiras do Xistral. Foto: Ibader.
Traballo de campo nas turbeiras do Xistral. Foto: Ibader.

Trátase, por tanto, dunha “afección grave e negativa sobre o estado de conservación das turbeiras de cobertor do Xistral, en termos de redución de superficie abranguida dos tipos de hábitat, afección sobre a estrutura e composición específica dos mesmos, modificación do funcionamento hidrolóxico do sistema de turbeiras, aparición de áreas de erosión, perda de conectividade entre tipos de hábitat, diminución da permeabilidade para a migración e o intercambio xenético de especies silvestres, etc.”

Alén disto, o grupo tamén constatou “a sinerxía entre os efectos causados polos parques eólicos cos orixinados por outras actividades, algunhas das cales se viron promovidas polo establecemento da intensa rede de pistas dos parques eólicos: repoboacións forestais con especies exóticas de rápido crecemento, pasteiros intensivos artificiais, extracción de turba, canteiras, etc.”.

Publicidade

Unhas actividades que, en conxunto, segundo o Ibader, “alteran de xeito activo e pasivo as condicións ecolóxicas das turbeiras de cobertor, derivando nunha importante ameaza para a conservación da súa biodiversidade e a loita pola mitigación fronte ao cambio climático derivado da acción humana, posto que áreas que funcionan como sumidoiros de carbono a longo prazo son transformadas  en fontes de emisión de carbono”.

A investigación constata erosión, extraccións de turba e fragmentación do hábitat dalgunhas especies

As turbeiras de cobertor

Este tipo de hábitat abrangue grandes extensións en zonas de pendentes suaves e con precipitacións elevadas. As turbeiras de cobertor aparecen sobre todo no hemisferio norte, en zonas de clima oceánico. Destaca a súa presenza en Islandia, Irlanda, Gran Bretaña, Noruega, Suecia ou Finlandia, aínda que tamén se poden na cornixa cantábrica, salientando nesta zona as das serras setentrionais de Galicia, como é o Xistral.

Son un tipo de hábitat cuxa conservación se considera prioritaria ao abeiro da directiva 92/43/CEE, razón pola cal foi designado o Espazo Natura 2000 ZEC Serra do Xistral nas Serras Setentrionais de Galicia, segundo subliña Pablo Ramil Rego, profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e director do Ibader.

A reunión entre os científicos galegos e británicos celebrouse no marco das accións After-LIFE do proxecto Tremedal (“Humidais continentais do Norte da Península Ibérica: xestión restauración de turbeiras e medios higrófilos”), do cal foi beneficiario asociado o IBADER do Campus Terra, desenvolvendo varias accións de restauración de hábitats turfófilos na ZEC Parga-Ladra-Támoga. O LIFE TREMEDAL, aínda que xa está rematado, continúa a xerar actuacións para a conservación, xestión e sensibilización dos ecosistemas de turbeira de Galicia, con motivo das súas actuacións After-LIFE.

O obradoiro comprendeu tamén un encontro no IBADER do Campus Terra de Lugo, onde os equipos do Campus Terra e a NTU puideron compartir e intercambiar diferentes traballos e experiencias levados a cabo no ámbito das turbeiras de cobertor de Inglaterra, Euskadi, Cantabria e Galicia, chegando a propoñer novas metodoloxías e técnicas para avaliar o impacto ambiental que os parques eólicos causan sobre o estado de conservación destes hábitats.

A xornada rematou cunha visita á praia de Arealonga (Foz), para ensinar aos asistentes un exemplo de paleoturbeira na cal se rexistra un período cronolóxico de máis de 50.000 anos, establecidos entre o Prewürm e o final do último estadial do Cuaternario.

1 comentario

  1. ¿e ningún dos científicos presentes falou do risco que supón esta actividad para a subespecie endémica da borboleta Erebia descuberta por Eliseo Eligio Fernandez Vidal e estudiada e secuencia pola Profesora Marta Vila Taboada e o Profesor Matts Bjorklund (Universidade de Uppsala)?.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A carracha que transmite Crimea-Congo duplícase nun ano e conquista novas zonas en Galicia

O grupo COPAR da USC identifica o parasito en 27 concellos de Lugo e Ourense e detecta anticorpos fronte ao virus en 14 animais de granxa das catro provincias

Do residuo ao tratamento: ingredientes contra doenzas animais a partir do bagazo de uva Albariño

Un proxecto europeo coordinado pola USC transforma 20 toneladas de residuos do viño en máis de 15.000 litros de extractos en diferentes formulacións

Identificados no noroeste peninsular 14 lagares de cera excepcionais en Europa

Un estudo da USC analiza a distribución de construcións tradicionais para aproveitar os produtos apícolas e das que apenas existen exemplos conservados no continente

A árnica mostra unha elevada diferenciación na península ibérica fronte ás poboacións europeas

Un equipo da USC revela as singularidades da planta medicinal e advirte da súa delicada situación polo seu uso continuado en farmacia e cosmética