A USC colabora nun proxecto europeo de conservación das turbeiras

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural é o único socio internacional do plan liderado polo Goberno de Irlanda cun orzamento de 20,6 millóns

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus de Lugo da USC traballa a prol da conservación e da restauración ecolóxica das turbeiras de cobertor na rexión atlántica ao abeiro do Life IP-PAF Wild Atlantic Nature, un programa europeo liderado polo Goberno de Irlanda e dotado cun orzamento de 20,6 millóns de euros, financiados nun 60% con fondos europeos, no que a USC participa como único socio internacional.

A recuperación, conservación e restauración ecolóxica das turbeiras de cobertor, un dos tipos de hábitats máis ameazados da Unión Europea, capitaliza os obxectivos do Life IP-PAF Wild Atlantic Nature, un proxecto que permitirá realizar unha avaliación global sobre as turbeiras de cobertor na área atlántica, para logo propiciar medidas que contribúan á súa protección e posta en valor. As actuacións previstas no marco deste proxecto inaugurado en xaneiro de 2020 tiveron que adiarse máis dun ano por mor dos efectos da pandemia causada pola Covid-19. Así, os traballos, que comezan este mes de maio, prolongaranse ata finais de 2028, segundo indicou o director do Ibader da USC.

Publicidade

O profesor Pablo Ramil Rego explica asemade que ao valor ambiental e cultural destes ecosistemas, súmase tamén a súa capacidade de captar e almacenar carbono en longos períodos. Daquela, as turbeiras de cobertor exercen tamén un papel fundamental nas estratexias para mitigar os efectos do cambio climático global. Os beneficios ambientais que reportan este tipo de hábitats non evitan, sen embargo, que as principais áreas de  turbeira se atopen fortemente ameazadas pola acción humana debido ás modificacións que se realizan nestas: explotación de turba, rozas mecánicas, transformación a pasteiros ou repoboacións forestais, emprazamento de parques eólicos, instalacións de radiofrecuencia, expansión de especies exóticas, actividades inadecuadas de uso público… enumera Ramil.

Superficie de turbeiras de cobertor

Entre os distintos tipos de ecosistemas  de turbeira presentes na Unión Europea, as de cobertor abranguen unha superficie de 60.800 km2, distribuídos maioritariamente na rexión atlántica (47.100 km2 en Irlanda, 9.000 km2 en España e 100 km2 en Francia). A diferencia, na rexión alpina só se rexistran 1.000 km2 (800 km2 en Austria e 200 km2 en Suecia) e na rexión macaronésica (Açores, Portugal), 3.600 km2.

As áreas de turbeira de cobertor de maior valor no ámbito da rexión atlántica localízanse naqules espazos onde existe un amplo contacto e relación catenal con outros dous tipos de hábitats prioritarios: as turbeiras altas e as breixeiras húmidas, medios ecolóxicos que se atopan tamén nun estado de conservación moi deficiente nesta rexión atlántica, xa que están sometidas ás mesmas presións que as que afectan ás  turbeiras de cobertor.

Life IP

Os proxectos integrados (LIFE IP) son aqueles deseñados para contribuír  ao desenvolvemento de plans ou estratexias para a conservación e restauración ecolóxica dos hábitats e das especies de interese comunitario. Trátase de proxectos que buscan solucións integrais a problemas ambientais a nivel dos estados membros, de xeito que soen ser proxectos de longa duración, cunha elevada dotación económica, e que acostuman estar liderados polos gobernos dos países da Unión Europea.

O proxecto  LIFE IP-PAF Wild Atlantic Nature está liderado polo Goberno de Irlanda a través de distintos departamentos e axencias: DHLGH (Departamento de Vivenda, Goberno Local e Patrimonio), DAFM (Departamento de Agricultura, Alimentación e Medio Mariño), TEAGASC (Axencia de Desenvolvemento Agrícola e Alimentario), Coillte (Empresa pública forestal), Bord na Móna (empresa pública de xestión de turba), NWRA (Asamblea Rexional do Norte e Oeste de Irlanda), Consello do Patrimonio Cultural de Irlanda, Failté Ireland (Axencia de Turismo de Irlanda), RTÉ (Radio-Televisión de Irlanda), xunto co Ibader (USC).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

De herexe a referente: homenaxean o xeógrafo Pérez Alberti pola súa traxectoria

O catedrático e investigador leva décadas viaxando polo mundo para comprender os procesos que mudan as paisaxes

Identificadas as catro candorcas que entraron na ría de Arousa

Os exemplares corresponden á avoa Toñi, matriarca do grupo, o macho Pingu, e as femias Gnomo e Gladis Estrela

Un asteroide recibe o nome do astrofísico galego Manuel Carreira

Na súa etapa nos Estados Unidos, Manuel Carreira traballou co descubridor dos neutrinos, Clyde Cowan: a súa pegada vese agora no ceo