Os estudos arredor do coello de monte revelan un segredo sobre o seu estado na Península Ibérica. Nun inicio, tratábase dunha única especie con subespecies asociadas, pero unha investigación recente descubriu que se trata de dúas especies diferentes, unha delas distribuída por Galicia, Portugal e o suroeste peninsular baixo a denominación coello ibérico (Oryctolagus algirus). Este animal atópase nunha situación especialmente delicada, mentres que o coello europeo (Oryctogalus cuniculus), que vive no territorio peninsular restante, está en mellores condicións. Este fito é especialmente relevante para as políticas de conservación do coello de monte: “Estamos xestionando baixo un mesmo plan dúas especies diferentes que viven realidades moi distintas”, sinala Vicente Piorno González, coautor do estudo e técnico superior de conservación no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Para concluír con este achado, os investigadores levaron a cabo nos últimos anos numerosos análises morfolóxicos, ecolóxicos, de reprodución, sobre o microbiota, arredor da composición da súa carne e do seu comportamento, entre outros. Pero a evidencia máis poderosa reside na xenética: aínda que teñen aspectos moi semellantes —o coello ibérico é máis pequeno e tamén pode diferenciarse pola pelaxe máis escura—, a lectura do ADN non é a mesma. “As dúas especies sempre estiveron aí, pero agora sabemos moito máis sobre elas; hai que pulir a área de distribución, e a nosa ferramenta para iso é a xenética”, explica o experto.
Neste contexto, practicamente todo o territorio galego sitúase dentro da área de distribución do Oryctolagus algirus, cunha situación moi comprometida: aínda que en Galicia hai moita afición á caza desta especie, “é o lugar onde máis se notou o retroceso do coello ibérico”. Entre as posibles causas están a afección por enfermidades, as repoboacións, a perda de hábitat favorable ou a existencia de granxas que hibridan coellos domésticos con coellos de monte. “Hai que deixar claro que somos unha área de coello ibérico e replantexar as políticas de conservación”, engade Piorno González.
A historia de dúas estirpes
O coello de monte é orixinario da Península, aínda que se foi estendendo arredor de todo o mundo. A súa historia comeza hai dous millóns de anos, durante o Pleistoceno, onde o coello atopa fogar nos refuxios glaciares do val do Ebro e do Golfo de Cádiz. Durante o desxeo, esta especie puido avanzar a través dun terreo máis favorable e ambas as estirpes atopáronse a medio camiño. Vicente Piorno explica que “esta é a imaxe que temos: dúas liñaxes separadas que volven contactar”. Con todo, a idea inicial foi distinguir entre dúas subespecies, pero agora sábese que as diferenzas son aínda maiores. “Cada vez evidénciase máis que estas dúas estirpes son en realidades dúas especies distintas”, engade.
A historia continúa, pero non con boas novas. As poboacións de coello salvaxe comezaron a diminuír en base a unha tendencia: “Ultimamente, observamos que hai zonas de España nas que lles vai mal e outras nas que lles vai moi ben”, apunta o investigador. Desta forma, o equipo comezou a estudar a situación e, tal e como explica o técnico, a diferenza ecolóxica corresponde “case ao milímetro” co mapa de distribución das dúas especies de coello.
A especie galega, a máis ameazada
“Non temos unha resposta concluínte sobre por que o coello ibérico está en decadencia, pero a evidencia desta tendencia é clara”, subliña Vicente Piorno. Un dos motivos podería ser que esta especie non é tan fértil como a europea, senón que ten camadas máis pequenas. Tamén podería estar asociado á resistencia a enfermidades víricas introducidas a finais do século pasado, como a mixomatose, ou ao seu comportamento, pois o coello europeo podería ter unha maior supervivencia a causa dos seus hábitos subterráneos e por vivir en grupos de maior tamaño, o que os pode defender da depredación.

Con todo, Piorno explica que non existe unha estima en números absolutos da poboación do coello ibérico: “Contar coellos é moi complicado; para iso, empregamos índices de abundancia ou baseados en indicios“. Neste último caso, búscanse excrementos, tobeiras e zonas de mato pechado, as únicas pistas que ofrecen estes animais para contabilizar as súas poboacións con hábitos fundamentalmente esquivos.
A importancia do coello
Vicente Piorno sinala que, para el, o coello é unha das especies máis importantes da fauna ibérica. Non só por ser un ingrediente clave na conservación do lince ibérico ou da aguia imperial, cuxo estado depende deste mamífero; senón que, ademais, é a especie que máis se caza en toda España e Portugal, cun grande impacto económico. Ademais, ao recuperar a súa historia, vemos que se trata dunha especie endémica e fácil de cazar. Nalgunhas zonas é tamén unha praga —non en Galicia—, xa que se alimenta das vides e oliveiras dos agricultores. A importancia tamén reside no seu papel como “enxeñeiros de ecosistemas”, xa que son alimento dos depredadores, cavan tobeiras que permiten o refuxio doutras especies e cambian a estrutura da vexetación ao dispersar sementes. “É necesaria para a conservación e está tremendamente xestionada; pode que sexa unha das especies máis intensamente xestionadas da fauna ibérica”, engade o técnico superior.
Os riscos da repoboación
A investigación alerta sobre as repoboacións con coellos da especie contraria, un problema especialmente presente en Galicia. “Unha das actividades ante a desesperación é facer repoboacións que, aínda así, supoñen problemas de todo tipo”, sinala Piorno. Neste caso, introdúcense exemplares de Oryctogalus cuniculus na área do Oryctolagus algirus. Entre os riscos, destaca a suspicacia de levar a cabo este mecanismo, o transporte de enfermidades dun lugar a outro ou a falta de acondicionamento das especies a ecosistemas aos que non están acostumadas. Ademais, tal e como subliña Piorno, “as hibridacións producen a perda dun patrimonio xenético único e irrecuperable”.
Así, o novo achado leva a diferenciar dúas especies distintas e supón un cambio no entendemento da lei: agora convértese nunha introdución de especies, unha práctica expresamente prohibida por lei. “Hai que manexar a situación dun xeito diferente; non se poden mesturar”, engade.
Dúas políticas de conservación distintas
Ao recoñecer o coello ibérico como unha especie distinta ao coello europeo, a investigación insiste en que deberían introducirse unha serie de cambios nas políticas de conservación e xestión. Vicente Piorno destaca a prohibición das translocacións de especies, para non invadir unha área propia do Oryctogalus algirus con exemplares de Oryctolagus cuniculus. Unha medida tamén debería ser revisar o estado de conservación na Lista Vermella de Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) a través de dúas avaliacións independentes: “Mentres que a conclusión da especie europea será que non terá problema, probablemente o coello ibérico será vulnerable ou mesmo ameazada”, apunta Vicente Piorno. Outro aspecto a revisar será a tempada de caza, xa que entre as dúas especies haberá que coñecer os cambios da época na que se reproduce. Finalmente, aínda que non por iso menos importante, haberá que saber como xestionar a praga do coello europeo nas zonas nas que sexa necesario.
Referencia: When taxonomy lags behind evolution: Conservation implications of cryptic diversity in the Iberian rabbit (Publicado en Biological Conservation)














