A chuvia incesante das últimas semanas está a provocar que os solos galegos estean ao límite da súa capacidade de retención. E, tamén, que o caudal dos ríos estea moi por enriba do habitual e aumente o risco de inundación en determinadas áreas. De feito, a Xunta vixía tres cursos de auga en aviso vermello —Mandeo, Cabeiro e Miño— e outra vintena en aviso laranxa ante posibles desbordamentos. Ademais de extremar as precaucións, unha ferramenta desenvolvida polo Ministerio de Transición Ecolóxica permite comprobar cal é o risco de inundación en función do lugar no que vivas.
A aplicación ofrece unha longa lista de servizos. A consulta realizada por GCiencia correspóndese co risco de asolagamento fluvial en áreas que xa teñen un potencial risco significativo. En concreto, seleccionáronse as zonas cun período de retorno de 10 anos. Isto indica que hai un 10% de probabilidades de que se supere un determinado caudal ou nivel cada ano. Dito noutras palabras: son zonas que se poden inundar con relativa frecuencia.
O foco, na comarca da Limia
A simple vista, a zona con máis risco de inundación fluvial en Galicia é a comarca da Limia, que conta cunha ampla superficie afectada. Os concellos con máis risco son Xinzo de Limia, Sandiás, Sarreaus e Xunqueira de Ambía. O mapa permite achegarte e seleccionar, incluso, a rúa na que vives. Se pinchas nela desprégase unha ventá con información detallada. Por exemplo, para o concello de Xinzo de Limia, con 9.836 habitantes, hai 2.008 persoas estimadas na zona inundable do termo municipal.
Outro punto quente no mapa é o risco de inundación do río Louro ao seu paso polo Porriño. Con case 20.000 habitantes, habería 560 veciños afectados no núcleo urbano. Con todo, as provincias de Ourense e Pontevedra non son as únicas. En Lugo hai unha extensa área do municipio de Cospeito con risco de asolagamento fluvial, que se estende ao concello veciño de Castro de Rei. Na primeira localidade habería 287 persoas en risco e, no segundo, 218. Finalmente, unha das zonas con máis risco na provincia da Coruña é na desembocadura do río Ulla. No concello de Padrón, por exemplo, habería 202 persoas afectadas no termo municipal.













