11F na UVigo: un mes de actividades para visibilizar o papel das mulleres na ciencia e rachar estereotipos

Un amplo programa nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense inclúe obradoiros, feiras, charlas, proxeccións, concursos e encontros coa comunidade educativa e coa cidadanía

Co obxectivo de pór en valor o papel das científicas e de fomentar as vocacións STEM entre as nenas, a Universidade de Vigo (UVigo) conmemora ao longo de todo o mes de febreiro o 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, cun amplo programa de actividades nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense. Xunto cos obradoiros ElasFanCienTec en Vigo e a feira eXXperimenta en Feminino en Ourense, a UVigo impulsará obradoiros, feiras, charlas, proxeccións, concursos e encontros coa comunidade educativa e coa cidadanía co obxectivo de visibilizar o traballo das mulleres na ciencia e a tecnoloxía, crear referentes femininos e rachar cos estereotipos que condicionan a elección de estudos.

O amplo programa de actividades está impulsado polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as escolas e as facultades dos tres campus, co apoio da Unidade de Igualdade e da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Publicidade

Obradoiros e charlas 11F

A programación arrinca o mércores, 4 de febreiro, no campus de Pontevedra. A Facultade de Comunicación e a Escola de Enxeñaría Forestal abrirán as súas portas ao alumnado de 4º da ESO do IES Xunqueira I, que participará en obradoiros prácticos nos que se porá en valor o papel das investigadoras e docentes, contribuíndo a reverter a segregación por estereotipos de xénero nos estudos universitarios. O 6 de febreiro será a quenda da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, que recibirá o alumnado de 4º da ESO do IES 12 de Outubro para desenvolver actividades sobre tecnoloxía educativa e igualdade, creación dun pódcast sobre representación feminina na ficción audiovisual e experimentación no laboratorio de didáctica das ciencias naturais.

A programación complétase cun amplo ciclo de charlas que 60 investigadoras da UVigo impartirán ao longo do mes, centradas tanto no seu labor investigador coma no papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas actividades desenvolveranse en centros educativos, residencias de persoas maiores, aulas hospitalarias, bibliotecas e outros espazos sociais. 

Publicidade

ElasFanCienTec, en Vigo

O 11 de febreiro terá lugar a 10ª edición de ElasFanCienTec, cunha importante novidade: por primeira vez visitará o alumnado masculino as facultades máis feminizadas, ao tempo que as rapazas continúan achegándose a ámbitos tradicionalmente masculinizados. Esta apertura busca combater a segregación horizontal na elección de estudos e cuestionar o desigual valor social das profesións feminizadas. Máis de 200 rapazas e rapaces de catro centros educativos da provincia de Pontevedra (IES Coruxo, IES Politécnico de Vigo, IES do Castro e IES Álvaro Cunqueiro) visitarán laboratorios e escolas do campus de Vigo para participar en obradoiros científicos organizados polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), as escolas de Enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación e as facultades de Filoloxía e Tradución e Ciencias Xurídicas e do Traballo. 

Na mesma xornada, o alumnado asistirá a un obradoiro organizado pola Unidade de Igualdade; poderá coñecer a exposición Mulleres investigadoras Cintecx e participará nunha actividade vinculada ao desenvolvemento do xogo de escapada científico Alerta Verde, que se está a desenvolver coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Precisamente, durante todo o mes poderá visitarse a exposición Mulleres investigadoras Cintecx, unha mostra accesible en liña, que presenta 12 científicas do centro como referentes para as novas xeracións e promove unha ciencia libre de estereotipos.

Intelixencia artificial, xénero e cinema e premios Marie Tharp

A perspectiva de xénero nas tecnoloxías emerxentes será protagonista doutras actividades do 11F, como a mesa redonda que organizará o centro Ecobas sobre intelixencia artificial e igualdade na Facultade de Ciencias Económicas o día 11 de febreiro ás 12:00 h e que poderá seguirse na canle de YouTube de Ecobas. O mesmo día, entre as 16.00 e as 21:00 h, o Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero (IXEX) organizará a proxección da película Justicia artificial na facultade de Ciencias Xurídicas do campus de Vigo e na de Dereito do campus de Ourense, dentro do ciclo Cine e Xustiza 2026

Esta liña de análise terá continuidade o 12 de febreiro no campus de Vigo coa metacharla Innovación en igualdade, impulsada pola UCC+i, na sala 1 do Edificio Miralles ás 11:00 h. O relatorio, que poderá seguirse de forma presencial ou en liña a través de UVigo TV, será moderado pola técnica da Unidade de Igualdade da UVigo Mar Fernández Cendón, e nel participarán as investigadoras da UVigo Soledad Torres, Katia Rolán e Laura Sampedro. O encontro contará tamén coa introdución da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e coa participación en liña da divulgadora Marta Macho. 

Tamén o 11 de febreiro, ás 12.00 h, o Centro de Investigación Mariña (CIM) celebrará a entrega dos premios da cuarta edición do concurso Marie Tharp, dirixido ás súas investigadoras predoutorais e posdoutorais. O acto incluirá unha mesa redonda moderada pola xornalista de Faro de Vigo Sandra Penelas sobre os retos e oportunidades das mulleres na ciencia mariña e a proxección das pezas audiovisuais premiadas.

eXXperimenta en Feminino, o día 20 en Ourense

Pola súa banda, a gran feira divulgativa eXXperimenta en Feminino desenvolverase o 20 de febreiro, de 9:00 a 18:00 h no edificio Politécnico do campus de Ourense. Aberta ao alumnado non universitario da provincia na quenda de mañá e ao público xeral na de tarde, a xornada ofrecerá múltiples postos experimentais sobre química, biotecnoloxía, programación, aeronáutica e saúde, co obxectivo de achegar as disciplinas STEM á sociedade. Ademais, a divulgadora científica Deborah García Bello impartirá unha charla titulada Barbies e Robots, de acceso libre ata completar capacidade.

Tamén, no campus de Ourense, tivo lugar unha nova edición do Concurso escolar de creación artística polo 11F, dirixido a alumnado de primaria e secundaria obrigatoria da provincia. O prazo de presentación de traballos pechouse o pasado 25 de xaneiro e a entrega de premios terá lugar nun acto especial ao longo deste mes de febreiro, en data aínda por determinar.
 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A tecnoloxía galega que permite analizar datos sen comprometer a privacidade

Investigadores de atlanTTic desenvolven ferramentas criptográficas para mellorar o deseño das políticas públicas

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

Revolución cuántica dende Vigo: así será a cátedra de computación óptica

A iniciativa da UVigo, co apoio de Zona Franca, crea un laboratorio pioneiro para desenvolver microprocesadores baseados en fotóns e transferir ao tecido empresarial galego

O océano do futuro estúdase en Vigo: dúas décadas construíndo un referente europeo da investigación mariña

O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebra o seu décimo aniversario xunto ao vixésimo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Por Daniel Rey, do CIM