As redes sociais transfórmanse en testemuñas do avance imparable da unlla de gato

O 'Carpobrotus edulis' é unha vistosa especie exótica invasora presente no litoral galego que dana os ecosistemas locais

Se paseamos pola Costa da Morte, seguramente observes algúns exemplares. Quizais saques unha foto e ata poida considerar que queda bonito. Pero ser para o agrado dalgúns ollos non implica que o sexa para a natureza. A unlla de gato é un problema para os ecosistemas en Galicia. Un estudo internacional no que participou Jonatan Rodríguez, investigador posdoutoral na área de ecoloxía pola Universidade de Santiago (USC) destaca o avance en diferentes rexións e a adaptabilidade desta especie a través de fotografías utilizadas en liña en destinos turísticos clave. Pero, por que se expande con tanta facilidade en diversos lugares e rexións?

“Asúmese que ten unha alta plasticidade fenotípica”, explica Rodríguez. É dicir, que aguanta ben ante ambientes cambiantes. E é que parece unha planta que pode con todo: soporta ben a irradiación solar pero tamén as choivas. “E acumula moita auga entón aguanta ben períodos de secura prolongados”, destaca. Mentres tanto, afirma, moitas outras especies non son capaces de soportar estes cambios tan rápidos. “Tamén hai estudos que aseguran que divide o traballo, partes da planta que se adaptan a captar auga e outras a crecer cara a zonas de luz”, recalca. As únicas condicións que non acepta ben a especie son aquelas con xeadas longas.

Publicidade

A expansión da planta é rápida, cun crecemento clonal. “Hai espazos que case forman tapices únicos de unlla de gato”, afirma. Especialmente nas épocas de floración, entre marzo e abril. “Non hai flores tan grandes e vistosas nativas en Galicia, e se poden ver con facilidade“, explica.

De Baiona a Ribadeo

Flor do 'Carpobrotus edulis'. Foto: Jonatan Rodríguez.
Flor do ‘Carpobrotus edulis’. Foto: Jonatan Rodríguez.

Rodríguez comenta que moitas se plantaron para decorar os paseos costeiros. Agora, poden verse en lugares próximos a entornos urbanos. Por exemplo, é o caso do entorno da Torre de Hércules na Coruña e en zonas do paseo marítimo. Outras zonas moi características son espazos como a Illa Pancha, en Ribadeo, no entorno de Sanxenxo e de Baiona e na zona de Ferrol. “Tende a estar en zonas onde hai acceso fácil para as persoas, polo que pode estar ligado á presenza humana“, afirma. Tamén está presente nalgunhas áreas do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Publicidade

A nivel nacional provoca problemas noutras áreas. Por exemplo, en zonas do litoral andaluz como o Parque Nacional de Doñana, en Asturias, en Cantabria e no Parque natural do Delta do Ebro.

A través de imaxes das redes

A hipótese da que partía o estudo de Rodríguez estaba relacionado coa floración. En teoría, ese proceso debería ocorrer sobre marzo e abril, pero o seu equipo observou algo estraño: tamén había flores noutras épocas, como en inverno, aínda que en menor intensidade. Con esa idea decidiron estudar diversas cuestións da planta pero cun enfoque innovador: observando as fotografías que estaban subidas en redes sociais. Especialmente en lugares costeiros e zonas turísticas, pero ás veces tamén da propia planta. “Claro, é vistosa”, di Rodríguez.

A partir de aí catalogaron as fotos para escoller as que eran válidas e mediron a densidade de floración segundo a data de toma da imaxe. Isto facilita o seu estudo. “Sería inhumano, imposible ir a todos estes lugares ao mesmo tempo a rexistrar a súa presenza”, considera.

Especie exótica invasora

Unlla de gato na contorna da Torre de Hércules. Foto: Jonatan Rodríguez.
Unlla de gato na contorna da Torre de Hércules. Foto: Jonatan Rodríguez.

O Carpobrotus edulis está catalogada como especie exótica invasora. Malia que visualmente poidan parecer bonitas, provoca serios problemas os ecosistemas. “A súa capacidade de crecemento permite que poida pasar por riba doutras especies”, explica. Ata de plantas como o Ulex europaeus, un toxo común na Península Ibérica. Tamén contribúe á súa expansión que os froitos maduros son devorados por gaivotas, coellos e ratas, expulsando as súas sémolas por outros lugares.

“Pode provocar alteracións na estrutura e abundancia relativa de especies nativas ou endémicas e nos patróns de sucesión natural da vexetación nativa”, recalca o informe publicado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Ademais, produce un efecto de concentración e acumulación de sales no solo diminuíndo a dispoñibilidade de nutrintes e alterando o pH do substrato.

A retirada manual, efectiva pero lenta

Combatela é un proceso complicado pero, ao mesmo tempo, simple. Non ten grandes inimigos naturais na Península Ibérica salvo algunhas especies como a Pulvinariella mesembryanthemi que poden acelerar a súa descomposición. “Hai polo menos dúas ou tres especies presentes en Suráfrica que si poden reducir o seu crecemento, que non quere dicir que poidan chegar a matala”, recorda, pero é algo que non se produce en Galicia. Si que se estuda o uso de certos herbívoros para reducir a presenza da planta, pero de momento todo foi en condicións controladas. Os métodos químicos, malia que poidan ser eficaces, poden provocar problemas noutras plantas próximas. Por iso, Rodríguez destaca que o método máis simple é o máis efectivo sen danar o medio ambiente: arrincar a planta.

A retirada manual é efectiva, o que pasa é que é un proceso lento”, afirma o experto. Un dos motivos é que hai rebrotes, polo que se precisa un seguimento e realizar a extracción durante varios anos. Destaca por exemplo que o Grupo Naturalista Hábitat leva varios anos retirando a unlla de gato na contorna da Torre de Hércules. Malia que o seu traballo si consegue avances, é un proceso que leva tempo. “Comezaron en torno ao 2008 e aínda seguen retirando manchas”, destaca. Un proceso lento pero necesario para poder frear a presenza dunha especie que, sexa vistosa ou non, altera o medio natural propio de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A mimosa e a unlla de gato modifican as comunidades microbianas do solo que invaden

A investigadora da UVigo Alejandra Guisande centra a súa tese no impacto destas especies invasoras nos ecosistemas atlánticos

Unha cochinilla, aliada para combater a invasora unlla de gato?

Investigadores da UVigo demostran que a combinación da "Pulvinariella mesembryanthemi" co control mecánico acelera a descomposición nesta planta

As áreas costeiras perturbadas favorecen a presenza da unlla de gato

A científica Yaiza Lechuga presenta na Universidade de Vigo unha tese que constata o avance da especie invasora nos complexos dunares de Galicia

Científicos de Vigo advirten de que as plantas invasoras propagan as pragas

Un estudo que analiza áreas con presenza de uña de gato e mimosa explica a súa contribución ao aumento de bacterias causantes de danos en cultivos