A unlla de gato ten unha importante presenza nos sistemas dunares galegos. Foto: Duvi.
A unlla de gato ten unha importante presenza nos sistemas dunares galegos. Foto: Duvi.

As áreas costeiras perturbadas favorecen a presenza da unlla de gato

A científica Yaiza Lechuga presenta na Universidade de Vigo unha tese que constata o avance da especie invasora nos complexos dunares de Galicia

A unlla de gato, Carpobrotus edulis, é unha das principais ameazas para a conservación da biodiversidade vexetal da costa galega. Presente en case todos os hábitats dunares da comunidade, esta especie invasora compite coas plantas autóctonas e produce importantes impactos nos ecosistemas que invade, xa que modifica o PH, a humidade e os nutrientes do solo, reduce o movemento da area e compite coas especies nativas polos recursos. Para poder frear a súa expansión é preciso coñecer os factores que facilitan o seu avance, aspecto no que se centra a tese de doutoramento de Yaiza Lechuga, investigadora do grupo de Ecofisioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, baixo da dirección dos profesores Ana Novoa e Luis González.

A científica analiza na súa tese, titulada Que no te den gato por flor, como esta especie, orixinaria de Sudáfrica, avanza polos complexos dunares galegos e os impactos que produce. Lechuga lembra que estes ecosistemas teñen un alto valor ecolóxico, xa que están expostos a condicións ambientais extremas, como a presenza de sal, alta insolación, baixa cantidade de nutrientes, acción do vento, baixa capacidade de retención de auga, movementos de area, etc. e, debido a estas características, “presentan unha gran diversidade de especies adaptadas a estes factores”. Pero con todo, e a pesar do seu alto valor socioeconómico e ambiental, as dunas costeiras están fortemente ameazadas, entre outras factores, polas invasións biolóxicas como as do Carpobotus edulis.

Ana Novoa, directora da tese; Victoria Ferrero Vaquero, vogal do tribunal; Yaiza Lechuga; Luis González, director da tese; José Carlos Rubén Retuerto, presidente do tribunal e María Flora Alonso , secretaria do tribunal. Foto: Duvi.
Ana Novoa, directora da tese; Victoria Ferrero Vaquero, vogal do tribunal; Yaiza Lechuga; Luis González, director da tese; José Carlos Rubén Retuerto, presidente do tribunal e María Flora Alonso , secretaria do tribunal. Foto: Duvi.

Yaiza Lechuga centrou a súa investigación en estudar os factores que facilitan a invasión da unlla de gato e os seus impactos na costa galega. Para facelo, explica, “abordamos diferentes aspectos que inflúen no seu proceso de invasión, como o seu crecemento a través de clons, a urbanización das zonas costeiras, o proceso de descomposición das súas follas ou a súa capacidade para ocupar o mesmo nicho que as especies de plantas nativas da costa galega”. Para isto realizáronse unha serie de experimentos en campo, invernadoiro e laboratorio “que nos axudaron a dar respostas a estas preguntas”. No que se refire aos resultados, conseguiron demostrar que as áreas costeiras perturbadas pola acción humana, como as zonas urbanas, son menos resistentes á invasión da unlla de gato que as áreas naturais.

Outro achado do estudo é que o crecemento da unlla de gato a través de clons permítelle “crecer e ocupar rapidamente novos ambientes, incluso aqueles con baixa cantidade de auga ou nutrientes no solo”. Ademais, engade a investigadora, os solos de dunas costeiras son pobres en nutrientes, polo que a descomposición das follas da unlla de gato nestas zonas supón un importante aumento de nutrientes e de actividade microbiana no solo, “o que pode facilitar o establecemento de especies ruderais ou invasoras”. Outro dos achados da investigación é que na costa galega, a distribución desta especie depende, principalmente, das condicións climáticas.

En resumo, remarca Yaiza Lechuga, a unlla de gato comparte nicho coas especies de plantas endémicas que están en estado vulnerable ou en perigo de extinción, polo que esta é “unha grande ameaza para a conservación da biodiversidade vexetal na costa galega”.

Para chegar a estas conclusións, a investigadora Yaiza Lechuga puxo en marcha experimentos en campo, invernadoiro e laboratorio. Así, para “entender mellor a integración fisiolóxica achegada polo crecemento a través de clons, realizouse un experimento en invernadoiro, onde fragmentos da unlla de gato estaban baixo o estrés causado pola falta de auga”. Por outra banda, tamén se compararon as características das praias urbanas e das naturais, centrándose na existencia ou non de paseos, bares, aparcadoiros, grande afluencia de persoas no verán, etc. en zonas invadidas ou non invadidas por unlla de gato. Analizáronse diferentes “parámetros físico-químicos do solo e como estes parámetros afectan á xerminación e crecemento temperá da propia especie invasora e de dúas especies nativas”.

Outro dos experimentos de campo realizado centrouse en comprobar a variación nos parámetros físico-químicos das follas da unlla de gato e do subsolo de duna durante o proceso de descomposición do material vexetal desta especie en zonas non invadidas e invadidas. Por último, sinala a investigadora, outro experimento permitiu comprobar que características edáficas, climáticas e urbanas inflúen na distribución desta planta na costa galega e se comparte nicho coas especies vexetais nativas desta zona.


Podes consultar a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.