Xoves 10 Outubro 2024

Científicos de Vigo advirten de que as plantas invasoras propagan as pragas

Un estudo que analiza áreas con presenza de uña de gato e mimosa explica a súa contribución ao aumento de bacterias causantes de danos en cultivos

É ben coñecido o dano que causan en Galicia as plantas exóticas invasoras. A uña de gato (Carpobrotus edulis) prexudica aos ecosistemas costeiros mentres a mimosa (Acacia dealbata) xa é un problema serio en moitas partes do interior do país. E non só iso. Segundo un estudo realizado por investigadoras da UVigo e do Museo de Historia Natural de Nova York, e publicado en Biological Invasions, estas especies poden contribuír tamén ao aumento das pragas producidas por bacterias que usan como vector insectos herbívoros. Así, a mimosa ou a uña de gato (as dúas están entre as 100 peores especies exóticas en Europa) favorecen unha maior presenza destes insectos e, por tanto, unha maior incidencia das pragas.

O traballo, que recolle a Axencia Sinc, está asinado polos investigadores galegos Jonatan Rodríguez, Margarita Rubido-Bará, Adolfo Cordero-Rivera e Luís González, ademais de Vinton Thompson, do museo estadounidense.

Publicidade

“Estas plantas exóticas foron introducidas en Europa hai máis dun século, con todo, este é o primeiro artigo que analiza as interaccións entre plantas e insectos herbívoros e os posibles inimigos invertebrados que acumulan”, conta a Sinc Jonatan Rodríguez, científico da Universidade de Vigo que lidera o estudo.

O traballo realizárono a partir dunha mostraxe de campo de tres meses durante a primavera de 2015 en cinco piñeirais mixtos, catro zonas de matogueira e nove áreas costeiras. As zonas de mostraxe clasificáronse en tres niveis de invasión: baixo, medio, alto, e inspeccionouse de forma detallada a presenza de interaccións das plantas cos insectos hervíboros mediante observacións visuais planta por planta e identificando todas as especies atopadas.

Publicidade

Os resultados demostran que os insectos exóticos están sustentados por plantas introducidas e aumentan a aparición e a variedade destas pragas. “Moitas especies de plantas nativas poden verse ameazadas, tanto as presentes en zonas costeiras –invadidas pola uña de gato– como zonas forestais ou próximas a cultivos, invadidas pola mimosa”, advirte Rodríguez.

Aínda que as capacidades invasivas de A. dealbata e C. edulis están ben documentadas, hai pouca información sobre o efecto que producen no caso dos insectos herbívoros. O estudo recolle que as plantas exóticas triplicaban a presenza de insectos herbívoros en comparación coas plantas nativas. Ademais, as plantas introducidas nas áreas forestais tiñan aproximadamente oito veces máis forza de interacción de especies entre herbívoros e plantas.

Plantas hóspedes dunha bacteria daniña para os cultivos

No traballo tamén rexistraron polo menos catorce especies de plantas que poden ser posibles hóspedes de Xylella fastidiosa –unha bacteria que ameaza a múltiples cultivos– incluíndo dentro delas, dúas exóticas invasoras como Acacia longifolia ou Conyza canadensis.

“Aínda que non probamos a presenza de patóxenos nas plantas, se sabemos que algunhas especies atopadas como as cigarras espumadoras Philaenus spumarius ou Cercopis intermedia son vectores de virus ou bacterias que poden chegar a transmitirse a outras plantas, como é o caso desta bacteria”, advirte o investigador.

Segundo os autores, moitas especies nativas poderían verse ameazadas, xa que a miúdo as invasoras están preto de cultivos ou hortos e favorecen a dispersión de enfermidades. “Poderíanse ver afectadas moitas con gran interese económico como a oliveira e a vide”, engade.

Por último, no artigo fan un chamamento para que as autoridades competentes creen estratexias de xestión dos ecosistemas, que contribúan a restaurar e protexer as áreas nativas para a conservación da biodiversidade.

ReferenciaHerbivore accumulation on invasive alien plants increases the distribution range of generalist herbivorous insects and supports proliferation of non-native insect pests, (Publicado en Biological Invasions, xaneiro de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Retirada unha acacia de tres toneladas á beira do Tins, o primeiro río de España con dereitos

Un grupo de 16 voluntarios participa na primeira xornada de eliminación de especies exóticas invasoras nas marxes do curso fluvial de Outes

As 37 especies de libélulas que viven na parte galega do Xurés

O catedrático Adolfo Cordero codirixe a primeira guía que compila a diversidade de cabalos do demo presentes no Parque Natural Baixa Limia

Un congreso reúne en Vigo a expertos mundiais no estudo da velutina

O encontro reúne aos parceiros do proxecto Atlantic-POSitiVE, que conta con 2,3 millóns de euros de financiamento para conter o avance da especie en Europa

Unha cochinilla, aliada para combater a invasora unlla de gato?

Investigadores da UVigo demostran que a combinación da "Pulvinariella mesembryanthemi" co control mecánico acelera a descomposición nesta planta