Un terceiro paciente cura a infección por VIH despois dun transplante de células nai

Un home alemán queda libre do virus despois de recibir unha terapia contra a leucemia, segundo un estudo publicado en 'Nature Medicine'

María Salgado e Javier Martínez-Picado, autores do estudo. Crédito: Irsicaixa
María Salgado e Javier Martínez-Picado, autores do estudo. Crédito: Irsicaixa

Un home de orixe alemá é o terceiro caso de curación da infección por VIH no mundo. Ao paciente retiráraselle o tratamento antirretroviral de forma supervisada tras someterse a un transplante de células nai para tratar unha leucemia mieloide. Catro anos despois, o virus non reapareceu. O estudo sae á luz na revista Nature Medicine, a través dun artigo no que se demostra a ausencia de partículas virais e de resposta inmunolóxica contra o virus no corpo do paciente que non recibiu tratamento durante catro anos. Estas evidencias permiten considerar que o paciente de Düsseldorf é un caso novo de curación. Os resultados foron presentados este luns en Barcelona.

O estudo levouse a cabo polo consorcio internacional IciStem, coordinado polo Instituto de Investigación da Sida IrsiCaixa —centro impulsado conxuntamente pola Fundación “a Caixa” e o Departamento de Saúde da Generalitat de Catalunya— e o University Medical Center de Utrecht (Países Baixos). “Lvamos 9 anos estudando estes casos excepcionais nos que, grazas a unha estratexia terapéutica, o virus queda totalmente eliminado do corpo. Queremos entender detalladamente cada paso do proceso de curación para poder deseñar estratexias que sexan replicables a toda a poboación”, explica Javier Martínez-Picado, investigador en IrsiCaixa, codirector de IciStem, e coautor do artigo.

O paciente de Düsseldorf, unha historia de superación

En 2008, un equipo médico de Düsseldorf (Alemaña) diagnosticou a infección polo VIH a unha persoa que, máis adiante, sería coñecida como o paciente de Düsseldorf pola súa singularidade. Tras o diagnóstico, o paciente iniciou o tratamento antirretroviral, que lle permitiu controlar a infección e reducir a cantidade de virus ata niveis indetectables no sangue. Catro anos máis tarde, no 2012, sufriu unha leucemia, é dicir, un cancro nas células do sistema inmunitario, polo que tiveron que realizarlle un transplante de células nai.

Nestes casos tan singulares búscase a unha persoa doante de células nai que teña a mutación CCR5Δ32. Esta alteración xenética fai que non produzas unha das portas de entrada do VIH nas células e, por tanto, dificulta a infección. “Que coincidan todos estes factores é moi complicado, só un 1% da poboación ten esta mutación e, ademais, é necesario que sexa un doante compatible a nivel sanguíneo para evitar o rexeitamento do transplante”, remarca María Salgado, investigadora en IrsiCaixa e coautora do estudo. No caso do paciente de Düsseldorf, unha muller permitiu encaixar todas as pezas.

Máis de cinco anos despois do transplante, e pasando por dúas recaídas da leucemia e varias complicacións, o paciente estabilizouse. A partir de aí, o equipo investigador acordou retirarlle o tratamento antirretroviral contra o VIH. A día de hoxe, o paciente de Düsseldorf ten 53 anos e está en bo estado de saúde. “Cando deixou de tomar o tratamento, fixémoslle un seguimento durante 44 meses e non detectamos ningún rastro de virus no sangue nin nos tecidos do paciente”, anota Salgado. “Tampouco vimos ningunha resposta inmunitaria característica dun novo gromo viral. As súas defensas non están activadas contra o VIH porque non teñen que defenderse contra o virus”, detalla. Todos estes datos permiten ao equipo científico afirmar que a persoa curou a infección por VIH.

O mapamundi da curación do VIH

A confirmación da curación dos pacientes de Berlín e Londres preceden á de Düsseldorf. Aínda que son os tres únicos casos nos que se pode falar de curación, xa se presentou en conferencias científicas a remisión do VIH doutros dous pacientes, o de Nova York e o do Hospital City of Hope situado en Duarte. “Ningún deles ten unhas características inmunitarias especiais que lles permitan controlar a infección polo VIH de forma espontánea, senón que o virus eliminouse do corpo como resultado dunha intervención médica. Isto diferencia estes casos de erradicación dos de curación funcional en controladores de elite ou postratamento conseguidos ata o de agora, nos que o propio corpo das persoas tiña factores especiais que lles permitía controlar o virus”, especifica Salgado. O paciente de Düsseldorf é, pois, unha terceira proba de concepto que demostra que existe a posibilidade de curar o VIH e acende, de novo, a esperanza do mundo científico que se dedica a loitar contra este virus.

Con todo, esta estratexia é moi agresiva e non é escalable ao resto da poboación. O transplante de células nai só se aplica a persoas que sofren unha enfermidade hematolóxica e non teñen alternativa terapéutica. No caso das persoas con VIH, si existe unha alternativa, e é o tratamento antirretroviral. “Unha posible estratexia coa que xa se está traballando é introducir a mutación CCR5Δ32 mediante terapia xénica para conseguir a curación do VIH sen ter que pasar por un transplante”, comenta Martínez-Picado.


Referencia: Indepth virological and immunological characterization of HIV-1 cure after CCR5Δ32/Δ32 allogeneic hematopoietic stem cell transplantation (Publicado en Nature Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.