Publicidade

O segredo da illa de Sálvora: unha fábrica de salgadura de peixe da época romana

Un equipo da UVigo publica un estudo sobre o xacemento de Areal dos Bois, datado no século I a.C.

A illa de Sálvora non só ten un perfil inconfundible, senón que mantén o mesmo carácter salvaxe dos espazos nos que só reina a natureza. Non hai pegada humana, máis alá dos turistas que visitan a illa en temporada alta. Pero Sálvora, ademais do seu potencial de lecer, tamén esperta un gran interese científico. De feito, un equipo da Universidade de Vigo realizou en 2022 a primeira campaña arqueolóxica en Areal dos Bois, unha praia situada no leste da illa. Na sondaxe atoparon restos dunha edificación que podería ser unha fábrica de salgadura de peixe da época romana. É dicir, sería un xacemento de carácter industrial e orientado á explotación dos recursos mariños. Os resultados da súa investigación acaban de ser publicados na revista Minius.

“Esta posible nova fábrica de salgadura completaría un mapa extenso de unidades fabrís por toda a costa galega, que mostra unha puxante industria enfocada claramente á exportación”, recollen no estudo os investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT). A de Sálvora, por tanto, non sería unha fábrica única nin exclusiva, senón que formaría parte de todo un sistema industrial desenvolvido nas Rías Baixas. De feito, xa se atoparon este tipo de unidades noutros puntos da costa, como é o caso da Lanzada, Adro Vello e Nerga. Por tanto, de confirmarse a hipótese do equipo da UVigo e demostrarse que Sálvora tamén tivo a súa propia fábrica, a produción de salgadura romana desta zona sería bastante máis antiga do que se pensaba. Ata o de agora, as industrias de salgadura da Gallaecia estaban datadas no século IV d.C. pero o xacemento de Sálvora remóntase ao I d.C.

Publicidade

Os principais indicios

Malia que os investigadores insisten que tan só é unha hipótese, e que é preciso seguir facendo estudos que corroboren a existencia dunha fábrica de salgadura en Areal dos Bois, hai varios factores que reforzan a tese da UVigo. Entre eles, a presenza de restos construtivos e a localización do xacemento, situado no extremo dunha praia que funciona como fondeadoiro. Ademais, o fácil acceso a auga doce, que é un dos aspectos clave que levan a pensar —tamén por comparación con outros xacementos das Rías Baixas— que alí había unha fábrica de salgadura. Se a hipótese se confirmase, viría a corroborar que na época romana había unha intensa industria enfocada á exportación de salgadura de peixe. “Esta idea apóiase na alta densidade de fábricas deste tipo localizadas na costa galega —especialmente nas Rías Baixas— e agora tamén nas súas illas”, recolle o estudo.

Ata o de agora, as industrias de salgadura da Gallaecia estaban datadas no século IV d.C.

Os primeiros indicios da fábrica de salgadura en Sálvora remóntanse ao 2021. Despois dunha intervención en Ons, o equipo decidiu visitar a illa veciña, pertencente ao Concello de Ribeira. Alí, na parte sur da praia de Area dos Bois, levaron a cabo unhas prospeccións superficiais e lograron recuperar material da época romana. Entre eles, restos cerámicos e presenza de varios morteiros de cal e pequenos cantos rodados. “Este tipo de elementos asócianse principalmente no contexto das Rías Baixas á presenza de pías de salgadura de peixe, como sucede no Naso, Sobreira, Adro Vello ou en Canexol”, apuntan os investigadores no estudo. Polo tanto, o material encontrado no xacemento non fixo máis que reforzar a hipótese e marcar o camiño a seguir para corroborar que en Sálvora, igual que noutros puntos da costa, tamén se salgaba peixe para exportar.

Publicidade

Abundante material cerámico

A primeira intervención arqueolóxica fíxose na primavera de 2022. Na zona central da sondaxe atoparon un muro de cachotería irregular que dividía dous espazos. Esta construción parece que funcionaba como terraza artificial que dividía unha zona chaira e cuberta hoxe en día pola duna, dunha máis fonda xerada polo curso de auga. Ademais, ao norte desta edificación atopouse novo material lítico e un nivel con area de tons escuros, que os investigadores interpretan como un depósito de abandono. Máis alá desta edificación, o equipo da UVigo logrou recuperar unha “gran cantidade de material arqueolóxico” durante e sondaxe. Entre eles, 436 fragmentos cerámicos que serán clave para datar con máis precisión a vida útil do xacemento: dende a súa construción ata o seu abandono.

Conxunto de fauna recuperada na sondaxe en proceso de estudo. Intervención arqueolóxica na illa de Sálvora polo grupo GEAAT da UVigo. Foto: DUVI
Conxunto de fauna recuperada na sondaxe en proceso de estudo. Foto: DUVI

Ademais da “importante colección de cultura material” que recuperaron os investigadores na sondaxe, atopáronse ósos de macrofauna, microfauna e ictiofarma no basureiro xerado na zona exterior do xacemento. Segundo explica no estudo, esta colección estase a estudar a día de hoxe para saber que especies habitaban a Sálvora na época romana. Tamén se recolleron mostras de sedimento para ter unha idea do tipo de vexetación que había na illa naquel momento. Polo tanto, todos os restos atopados, incluídos os materiais cerámicos e metálicos, demostran unha “clara continuidade” na ocupación da illa, dende a época romana ata os nosos días. Incluso, unha posible ocupación prehistórica aínda por corroborar. O seguinte paso: seguir investigando. E demostrar que Sálvora xa era unha pioneira na época romana, sendo a primeira illa cunha fábrica de salgadura de peixe en toda a costa galega.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Vigo crea un método para identificar con precisión raias e quimeras

A ferramenta permitirá comprender a bioxeografía das especies e contribuirá a mellorar a xestión sostible dos recursos pesqueiros

E se María Pita non tivera existido? Un estudo analiza a historia alternativa de Galicia

A profesora da Universidade de Vigo Rosa Ricoy presenta as súas conclusións sobre un presente sen a heroína coruñesa na Conferencia Internacional WhatIf

Científicos galegos crean un videoxogo para a detección precoz do alzhéimer e da demencia

Investigadores de atlanTTic deseñan xunto a Samsung unha aplicación gratuíta para medir o nivel de deterioración cognitiva dos usuarios

A UVigo convida a cidadanía a identificar e fotografar a biodiversidade do campus de Vigo

A Universidade organiza obradoiros e roteiros científicos interxeracionais en Ourense e Pontevedra para celebrar o Día Mundial da Vida Silvestre