Sálvora, o encanto salvaxe das Illas Atlánticas

Dúas rutas revelan ao visitante, a só tres quilómetros da costa, unha illa solitaria na que as gaivotas e a matogueira fan a súa lei. Unha illa con dúas vidas

“Non se pode saír dos camiños marcados, facede pouco ruído e gardade o lixo. Lembrade que, aquí, nós somos os estraños”. A mensaxe de benvida de Silvia Fernández, guía autorizada polo Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, non pode ser máis clara. En Sálvora, é a natureza quen manda. Esta illa, a maior do arquipélago do mesmo nome, protexe á ría de Arousa do embate do océano. Foi declarada Parque Nacional no 2002 xunto con Cíes, Ons e Cortegada, para conservar o seu espazo natural, representativo dos ecosistemas litorais atlánticos. O último habitante, o fareiro, deixou Sálvora hai apenas catro anos. Hoxe, seguindo as normas de protección do parque, a illa recibe a visita de un máximo de 250 persoas por día. “É necesario estar acompañado dun guía. Non se pode acampar e para fondear nas súas augas é necesario un permiso. O paso da xente, aínda que sexa pouca, sempre deixa pegada. Por sorte, Sálvora recupérase no inverno cando non vén ninguén”, asegura Silvia.

Da antiga aldea ao faro, dúas rutas descobren aos visitantes unha illa, deshabitada e silenciosa, na que o máis importante é adaptarse para sobrevivir. É a lei que rexe en Sálvora. Na duna pola que comeza a visita, preto do peirao ao que chegan os barcos desde O Grove ou Ribeira, unha figueira sorprende a curiosos, amantes da natureza e científicos. “Esta figueira adaptouse á salinidade e á area. A súa forma é aerodinámica para que os ventos fortes do mar lle pasen por riba e a deixen seguir crecendo. Parece unha enredadeira rastreira”, explica a guía. Poucos metros máis lonxe, Silvia sinala a construción dunha balsa artificial de auga doce para axudar á reprodución dos anfibios. “Coa escaseza de auga tan importante que hai aquí no verán, a píntega non pare ovos, senón larvas adaptadas a vivir directamente en terra sen pasar pola fase acuática. Isto xa foi constatado en Ons, por iso construíronse aquí estas balsas. Este exemplo de adaptación é impresionante”, afirma.

Publicidade

Un exemplar de gaivota amarela da illa de Sálvora.
Un exemplar de gaivota amarela da illa de Sálvora.

A aldea, declarada hoxe en ruínas, é testemuña doutro tempo no que Sálvora tivo unha poboación estable. Alí viviron máis de medio cento de persoas que chegaron a finais do século XVIII, cando se instalaron en Sálvora un almacén de salgadura e unha pesqueira de atún. A illa xa pertencía á nobreza e os habitantes tiveron sempre que pagar por vivir alí coas súas colleitas e o seu gando. Tras unha paréntese na primeira metade do século pasado, durante a cal o Estado tomou o control da illa por razóns militares, o marqués de Revilla, o propietario, recuperou Sálvora e tentou mellorar un pouco as condicións de vida da poboación. Aínda así, o último veciño fixo as maletas nos anos 70.

“Contan que durante a Guerra Civil, desde Sálvora mandábase alimento aos familiares en terra. Pero o inverno é longo e o clima moi difícil. A adaptación é complicada”

“A xente que viviu aquí conta que a illa producía moito. Contan que durante a Guerra Civil, desde Sálvora mandábase alimento aos familiares en terra. Pero o inverno é longo e o clima moi difícil. A adaptación é complicada”, relata Silvia. Entre as grandes obras que levou a cabo o marqués de Revilla na illa, destacan, preto do peirao, a transformación do vello almacén en pazo e a homenaxe escultórica á Serea Mariña que, conta a lenda, encontraríase na orixe da súa familia, a propietaria de Sálvora ata que pasou a ser un ben público en 2007. Herdanza tamén do marqués, os cabalos, os cervos e os coellos que algún día formaron parte do seu terreo privado de caza e que hoxe viven libres en Sálvora de maneira salvaxe.

Publicidade

De camiño ao faro, no outro extremo da illa, a guía enumera a longa lista de tesouros da biodiversidade que garda Sálvora. A illa, xunto coas outras do parque, conta coa maior colonia nidificante de gaivotas patiamarelas de Europa e unha moi grande de corvo mariño cristado. “E en Vionta, outra illa areosa do arquipélago de Sálvora, encontramos a especie endémica do parque, a Xesta de Ons”, explica Silvia antes de lembrar aos visitantes que este parque nacional leva o título de marítimo-terrestre para destacar que a maior parte do espazo protexido é mariño. “Debaixo do mar está a nosa maior riqueza. Os recursos pesqueiros son moi importantes, hai grandes bosques de laminarias que protexen as especies e ata atopamos fondos coralinos, algo sorprendente nestas augas tan frías”, afirma.

Rochas moldeadas pola auga e o vento

Na contorna do faro domina a matogueira, herdanza do tempo en que as illas estiveron unidas a terra firme hai miles de anos, e maxestosas rochas de granito moldeadas pola auga e o vento. É a parte de Sálvora que encara o Atlántico e é alí onde os guías relatan aos visitantes o tráxico naufraxio do vapor Santa Isabel nos primeiros días de xaneiro de 1921. Debido á ausencia dos homes na illa por ser aninovo, catro mulleres coraxe conseguiron rescatar coas súas dornas, e con axuda dos nenos, ao redor de 50 pasaxeiros. Case dous centenares morreron. Hoxe, catro hórreos da antiga aldea da illa levan o nome desas mulleres en homenaxe á súa valentía e a súa historia foi levada, recentemente, á gran pantalla pola coruñesa Paula Cons. “Pode que debaixo da figueira aerodinámica que vimos na duna, foran enterrados algúns dos corpos do Santa Isabel. Foi así como, quizais, chegou esa figueira á illa”, explica ao grupo a guía.

Vista de Sálvora desde Carreira e Aguiño. Foto: Lmbuga / CC BY-SA 3.0.
Vista de Sálvora desde Carreira e Aguiño. Foto: Lmbuga / CC BY-SA 3.0.

A viaxe a Sálvora acaba e os visitantes deben volver ao barco para deixar a illa. No paseo ata o peirao, Silvia asegura que sería importante reducir a contaminación mariña, sobre todo agora que somos conscientes da fraxilidade do parque. “O que máis me sorprende é o diferentes que son as illas aínda que son todas bonitas. Cíes é o arquipélago que esperta máis interese pero o que non coñece Sálvora sorpréndese porque pensa que aquí non hai nada”, asegura esta enxeñeira forestal que traballa no parque desde xa fai 15 anos e que revela ao grupo, antes de embarcar, a outra vida da illa, a nocturna.

Desde 2016, Sálvora como todo o parque, é destino Starlight, un selo avalado pola UNESCO co que se promove a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas. “De noite descobres outra illa. A vida animal é diferente e en Sálvora a calidade de ceo é moi boa, non hai contaminación luminosa. Este verán atopamos mesmo o raio verde”, remata, sorrindo, a guía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cantas árbores senlleiras hai no teu concello? Consúltao neste mapa interactivo

A través dunha aplicación dixital podes localizar os preto de 200 monumentos vexetais catalogados en Galicia

Os embrións das aves escoitan as conversacións dos seus pais dende o ovo

Un estudo da Universidade de Vigo estudou 44 familias de gaivota patiamarela da illa de Sálvara para atopar diferenzas durante a incubación

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

O eucalipto desborda Galicia: a súa presenza multiplicouse por 11 en 50 anos

A fábrica de Altri incrementará a demanda dunha especie que se disparou nas últimas décadas ata máis de 400.000 hectáreas de superficie