Ata hai algo máis de 8.000 anos, cando o nivel do mar era moito máis baixo, Ons e as Cíes estaban unidas ao continente, permitindo o intercambio continuo de especies. Pero chegou un momento no que, día a día, o mar acabou cortando o paso e illando a algunhas píntegas, como outras especies, que quedaron do lado das illas. E así ficaron durante milenios, desenvolvendo o seu propio camiño. Moito tempo despois, os científicos chegaron para observar como evolucionou a natureza naquelas poboacións insulares. E os achados seguen dando froitos hoxe.
No ano 2003, a guía de anfibios e réptiles do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia publicada polo herpetólogo Pedro Galán describía unha peculiaridade reprodutiva nas píntegas comúns (Salamandra salamandra) que vivían nas Cíes (naquel momento aínda se observaban na de Monteagudo, onde hoxe probablemente estean extintas, e só resisten na de San Martiño) e as Ons. Galán atopou que as píntegas insulares se adaptaran dunha forma case única no mundo: as femias parían os xuvenís en terra, completamente formados, ao contrario que as poboacións continentais, que paren as larvas en corpos de auga como regatos ou pozas, dos que precisaban para saír adiante e completar a metamorfose. Só algunhas poboacións da píntega norteafricana (S. algira) e a subespecie S. s. bernardezi, presente no norte das provincias de Coruña e Lugo, e en Asturias, tiñan un comportamento semellante, o que dá unha gran relevancia científica á especie das illas galegas. A peculiaridade obsérvase no mapa que amosa a distribución dos modos reprodutivos da S. salamandra, co larviparismo en vermello e o pueriparismo concentrado na cornixa cantábrica e as illas galegas.
Naquel tempo, Guillermo Velo Antón, entón doutorando, comezou a interesarse por aquel peculiar comportamento mentres realizaba a súa tese na Universidade de Vigo. Desde 2004 está afondando na descrición que fixera Pedro Galán, estendendo a análise reprodutiva ao comportamento das píntegas, a súa morfoloxía e a súa configuración xenética, onde poderían residir algunhas das claves desta evolución. O modo de reprodución é coñecido como pueriparismo, explica Guillermo, un tipo de viviparismo que “podería conferirlles unha certa vantaxe evolutiva en certos casos, cando non existen ou desaparecen estes corpos de auga” fronte ás píntegas que se reproducen mediante o chamado larviparismo.
Durante estes case 15 anos, Velo Antón afondou noutros cambios morfolóxicos e de comportamento das píntegas das Illas Atlánticas. “Presentan unha talla inferior á das parentes costeiras, unha tendencia cara ao melanismo [pigmentación negra na pel] e, no caso da poboación de San Martiño, unha marcada conduta diúrna, algo único nesta especie, que amosa un comportamento nocturno en todo o seu rango de distribución, mesmo na poboación de Ons”. Neste último punto, o biólogo apunta á que “pode deberse á presenza dunha forte presión depredadora exercida polas ratas” nesta illa das Cíes.
Análise xenética
Guillermo incorporarase proximamente á universidade viguesa cun contrato Ramón y Cajal, despois de traballar como investigador durante dous anos na universidade estadounidense de Cornell e os 10 últimos anos no Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos (CIBIO) da Universidade do Porto. E desde o seu novo posto, grazas ao financiamento acadado, continuará a buscar respostas sobre o que pasou para que se producira os fascinantes procesos de adaptación das píntegas nunhas illas relativamente recentes. Unha das posibilidades, segundo explica, era un posible vínculo xenético coa subespecie S. s. bernardezi, no continente, que tamén presenta pueriparismo, pero non compartido coas poboacións do resto de Galicia e Portugal.
“A maior parte do traballo que realizo baséase na análise de xenética molecular para reconstruír a historia evolutiva e demográfica” das poboacións de píntegas, explica Velo Antón. Estes estudos “demostraron que o pueriparismo nas illas trátase dunha orixe evolutiva independente dentro da subespecie S. s. gallaica, que se extende na maior parte do territorio galego e portugués, e moito máis recente (nos últimos 8.000 anos, desde que as poboacións quedaron illadas) que o xa coñecido na subespecie S. s. bernardezi, acontecido dentro dun millón de anos na Cordilleira Cantábrica. Isto indicaría que poden, ou puideron, existir unhas presións ambientais selectivas que levaron á adaptación das píntegas de Ons e Cíes a unhas condicións particulares para poder sobrevivir”, explica Guillermo.
Entre as posibles respostas, manéxase a “hipótese do clima seco”, que “levou ao cambio no modo reprodutor das poboacións da Cordilleira Cantábrica, unha zona cárstica e por tanto con unha menor retención da auga superficial, e quizás tamén á ausencia temporal de corpos de auga nas Cíes e nas Ons”, continúa Guillermo. Con todo, apunta a que esta idea non pasa de hipótese, “xa que a desecación das illas Cíes é moi recente, coa chegada das plantacións de eucalipto, e en Ons continúan existindo corpos de auga onde se reproducen outros anfibios”.
Así, as incógnitas seguen. “Actualmente estamos analizando datos xenómicos dos diferentes núcleos pueríparos de ambas especies para intentar identificar unha base xenética que explique este cambio” e “estudando as implicacións ecolóxicas e evolutivas da transición no modo reprodutivo, desde como afectan as barreiras da paisaxe á dispersión dos individuos, que sistemas teñen para contrarrestar o illamento e que vantaxes poderían ter a nivel reprodutivo ao producir menos individuos pero xa desenvolvidos, sabendo que este é o modo menos frecuente nesta especie.
Novos achados
Nesta liña enmárcanse os últimos avances de Guillermo e o seu grupo de traballo. Xunto a outros compañeiros, Velo Antón acaba de publicar un artigo na revista Scientific Reports, do grupo Nature, onde describen como as poboacións de Ons manteñen, e mesmo aumentan, os niveis de multipaternidade (presenza de dous ou máis machos fecundando unha mesma posta), a pesar das condicións de reprodución puerípara, que se adoitan asociar a menor fecundidade. Os resultados suxiren que este trazo “pode xurdir como un mecanismo para evitar erros de fertilización e asegurar o éxito reprodutivo”, o que podería “ter importantes implicacións en poboacións moi illadas con camadas pequenas”.
Grazas por dar sempre tanta información
PDT: Soy un niño de 11 años la profe lo colgó en el ordenador bye
Moitas grazas.
Fascinante