Destinos Starlight en Galicia: xanelas abertas para contemplar o ceo

O macizo de Trevinca e o Parque Nacional Illas Atlánticas dispoñen de condicións moi axeitadas para a observación astronómica

A Fundación Starlight, unha entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto  Astrofísico de Canarias, creou un sistema de certificación, mediante o cal se acreditan aqueles espazos que posúen unha excelente calidade de ceo e que representan un exemplo de protección e conservación.

Son escenarios que incorporan a observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural ou científico e fomentan á súa vez o turismo de observación das estrelas. Este sistema de certificación está apoiado pola UNESCO, a Organización Mundial do Turismo (UNWTO) e a Unión Astronómica Internacional (IAU).

Publicidade

Os Destinos Turísticos Starlight son lugares visitables que gozan de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para desenvolver neles actividades turísticas baseadas nese recurso natural.

En Galicia, na actualidade, existen dous destinos Starlight: O macizo de Trevinca, no municipio ourensán da Veiga, que conta cun flamante observatorio astronómico, e o Parque nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Publicidade

Trevinca

A contemplación das choivas de estrelas das Perseidas, en agosto, e das Xemínidas, en decembro; a marcha nocturna “Entre Lobos e Estrelas“ coincidindo coa lúa chea de setembro; as xornadas de “AstroTrevinca” (outubro); ou os choco-anoiteceres e concertos musicais “Nanas para Trevinca” desde o Miradoiro Estelar do Rañadoiro, constitúen as principais actividades anuais organizadas baixo o paraugas do Destino Turístico Starlight. O verdadeiro eixo que vertebra o Destino Turístico  Starlight Trevinca, é a Vía Láctea e o Camiño das Estrelas.

Vía Láctea desde a lagoa das Tablillas, no Macizo de Trevinca. Foto: Turismo de Galicia.
Vía Láctea desde a lagoa das Tablillas, no Macizo de Trevinca. Foto: Turismo de Galicia.

O Destino Turístico Starlight é un espazo triangular limitado polos vértices da Tablilla das  Lagoas, Pico Maluro e O Rañadoiro, dentro do Espazo Natural Protexido de Pena Trevinca, declarado zona ZEC e ZEPA, no municipio da Veiga, colindando co Parque Natural de Sanabria, en Zamora. Trevinca goza de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados por estar afastado dos grandes núcleos de poboación e pola súa altitude.

Illas Atlánticas

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia está situado nas Rías Baixas e está composto de catro arquipélagos: Cortegada e Sálvora na ría de Arousa, Ons fronte á ría de Pontevedra e Cíes, que pechan a ría de Vigo. As espectaculares noites das illas permiten unha contemplación inmellorable do ceo estrelado.

Vista do Destino Starlight das Illas Atlánticas. Foto: Turismo de Galicia.
Vista do Destino Starlight das Illas Atlánticas. Foto: Turismo de Galicia.

Por outra banda, grazas á súa riqueza (tanto faunística como vexetal) e á espectacularidade das súas paisaxes, estas illas constitúen un patrimonio, cultural e natural único no litoral español.

O destino Starlight acolle actividades nos seus Centros de Interpretación relacionadas coa observación e protección do ceo nocturno, con dúas estacións que miden o seu brillo, ademais de accións sobre o terreo nas illas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A alga asiática que arrasa Cádiz chega as Cíes e expándese pola costa galega

Unha especie invasora detectada previamente en Cádiz consolida a presenza en augas do noroeste e preocupa polo seu impacto ecolóxico e económico

Ciencia ou engano? A UDC impulsa un estudo que di tratar o envellecemento con auga das Cíes

A universidade acepta o encargo de investigar teses baseadas nun fisiólogo francés que afirmaba reanimar cans con auga de mar

Descuberto un sistema planetario ‘ao revés’ que desafía as teorías da formación astronómica

O achado dun mundo rochoso na periferia da estrela LHS 1903 suxire que os planetas tamén poden formarse de forma secuencial en contornas sen gas

A tormenta solar máis potente dos últimos 20 anos deixa incribles auroras boreais (tamén en Galicia)

A maior erupción do Sol dende 2003 activou condicións xeomagnéticas visibles nos ceos de Europa, con leves rexistros no noroeste peninsular