Xoves 28 Marzo 2024

Un proxecto liderado pola UVigo divulgará o patrimonio das vías europeas de peregrinos

Un total de 15 socios de seis países da UE participan nesta iniciativa multidisciplinar

rurALLURE é unha mestura de termos en inglés (rural; lure, atraer e alure, encanto) que dá nome ao proxecto internacional liderado pola Universidade de Vigo, no que participan máis dunha decena de socios de seis países europeos, e que ten por obxectivo a divulgación do patrimonio cultural que rodea ás grandes vías de peregrinación de Europa.

Financiado con preto de tres millóns de euros procedentes do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, rurALLURE: Promoción de museos e sitios culturais en áreas rurais na contorna dos camiños de peregrinación de Europa,  procurará cun enfoque multidisciplinar e o traballo de grupos de investigación de universidades, empresas, institucións públicas e museos, ampliar as experiencias dos peregrinos e peregrinas que discorren polas grandes vías europeas, achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas, a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación.

Publicidade

“Trátase de promover o patrimonio rural como un engadido cara ao interese que poida suscitar unha ruta de peregrinación que se fai de extremo a extremo ou por tramos”, explica o docente da UVigo Martín López Nores, investigador principal deste proxecto de carácter multidisciplinar e que conta coa participación de investigadoras e investigadores dos departamentos de Enxeñaría Telemática; Historia, Arte e Xeografía; Didácticas Especiais e Socioloxía da Universidade de Vigo.

De España a Romanía, pasando por Italia e Noruega

 rurALLURE ten a súa orixe nunha conversa mantida hai un ano entre Martín López Nores e os responsables da Fundación Uxio Novoneyra, na que se falou sobre o aproveitamento do tirón do Camiño de Santiago para derivar ás e aos peregrinos a contornas rurais próximas. Tendo en conta o atractivo económico (só o ano pasado calcúlase que se xeraron 300 millóns de euros arredor do Camiño de Santiago), a diversidade do público que realiza peregrinacións e que o impacto desta actividade queda exclusivamente limitada aos lugares por onde discorren os camiños, o proxecto traballará en «desviar» o impacto desta actividade ás zonas rurais circundantes, «aumentando a visibilidade e accesibilidade a museos, lugares de interese patrimonial e cultural e expoñendo aos peregrinos a achados inesperados», explica o investigador de atlanTTic.

Durante tres anos desenvolverá unha plataforma tecnolóxica ao redor das vías de peregrinación e institucións de interese cultural

Cunha duración de tres anos e a participación das universidades de A Coruña, Autónoma de Madrid, Bratislava, Padua, Boloña ou a Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía, o consorcio, ademais de conformar unha rede de institucións, desenvolverá unha plataforma tecnolóxica que reúna os lugares con patrimonio que rodean as grandes vías de peregrinación e institucións de interese cultural (patrimonio relixioso, etnográfico, museos, recursos naturais, etc.) poñéndoos en relación cos servizos da zona (aloxamento, restauración, transporte), coa finalidade de definir un produto turístico completo que enriqueza e amplíe a experiencia da peregrinación.

Co obxectivo de validar os resultados da investigación e o funcionamento da plataforma, o proxecto desenvolverá catro experiencias piloto, unha delas sobre o patrimonio literario no Camiño de Santiago, no que se poñerá en valor o patrimonio literario nas inmediacións dalgúns tramos do camiño como o de Pedrafita do Cebreiro a Santiago, das Médulas a Chantada e de Porto a Vilarinho, pasando po Vila do Conde en Portugal.

A partir de aí tamén se abordará o patrimonio termal nos camiños a Roma; o patrimonio etnográfico do Camiño de San Olaf (Noruega) e o patrimonio natural nas vías de peregrinación mariana a Sumuleu Ciuc (Romanía). “Esperamos que nos tres próximos anos o proxecto se deixe sentir en España, Portugal, Hungría, Eslovaquia e Noruega porque temos aí socios directamente representados no consorcio. Así mesmo tamén temos contactos preliminares con axencias de amigos do camiño e similares en países do Benelux, Irlanda, Lituania, e ao longo do próximo ano temos que falar con axentes que están a traballar en Albania, Macedonia, Grecia e na parte europea de Turquía”, detalla o investigador principal do proxecto.

Unha iniciativa axeitada á era covid

Martín López Nores destaca tamén o valor extra que este proxecto adquire nun contexto afectado por unha pandemia como a xerada pola covid-19. “Os destinos rurais están a gañar interese por ser menos concorridos e polo tanto máis seguros, ao tempo que derivando aos peregrinos a outras zonas, desconxestiónanse os albergues”, asegura o docente e investigador da UVigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%