Se algo deixou claro a actual pandemia da covid-19 é que as mutacións nas secuencias xenéticas do virus poden ter un peso significativo na súa transmisibilidade e impacto. Mais este non é un temor exclusivo do SARS-CoV-2. Os virus de ARN foron unha preocupación particular durante moito tempo, xa que a súa replicación propensa a erros ten como resultado a maior taxa de mutación coñecida e, polo tanto, un alto potencial de adaptación e maior virulencia. Isto é, un maior dano nos seus hóspedes.
Un escenario de risco que tamén se temía que acontecese no virus VIH-1 causante da SIDA, que xa afecta a 38 millóns de persoas en todo o mundo, e que até o de agora estivo detrás de 33 millóns de mortes. Agora, esta preocupación xa é unha realidade, após á descuberta por investigadores do Instituto Big Data da Universidade de Oxford dunha nova cepa de VIH, altamente virulenta, en circulación nos Países Baixos desde finais dos anos 90.
A historia do VIH-1
O grupo principal do VIH-1, responsable da pandemia mundial, xurdiu por primeira vez ao redor de 1920 na zona do que hoxe é Kinshasa, República Democrática do Congo, e diversificouse en subtipos en 1960. Os subtipos, e as formas recombinantes circulantes (CRF) máis comúns entre estes, tomaron diferentes rutas para a súa propagación global, establecendo fortes asociacións coa xeografía, a etnia e o modo de transmisión.
A virulencia deste virus mídese, habitualmente, polas cargas virais —a concentración de partículas virais no plasma sanguíneo— e os recontos de CD4 —a concentración de células T CD4+ no sangue periférico, que rastrexa o dano no sistema inmunitario polo virus—. O tratamento exitoso con fármacos antirretrovirais suprime a carga viral e interrompe o descenso de CD4, que doutro xeito provocaría a SIDA. Con todo, agardábase que a carga viral e o declive das células CD4 puidesen cambiar coa aparición dunha nova variante viral. Unha expectativa que os investigadores comprobaron con evidencia empírica da variante subtipo B do VIH-1.
A descuberta da variante VB
A variante VB —denominada así por subtipo virulento B— identificouse por primeira vez en 17 individuos VIH positivos do proxecto BEEHIVE, un estudo en curso que recolle mostras de toda Europa e Uganda. Ao procederen 15 destas persoas dos Países Baixos, os investigadores analizaron entón os datos dunha cohorte de máis de 6.700 persoas VIH positivas neste país. Isto identificou 92 individuos adicionais coa variante en todas as rexións neerlandesas, elevando o total a 109.
Ao analizar os patróns de variación xenética entre as mostras, os investigadores estiman que a variante VB apareceu por primeira vez a finais dos anos 80 e 90 nos Países Baixos. Estendeuse máis rápido que outras variantes do VIH durante a década de 2000, pero a súa propagación foi diminuíndo desde arredor de 2010. Así, os investigadores cren que a variante VB xurdiu pese ao tratamento xeralizado nos Países Baixos, e non a causa del, posto que un tratamento eficaz pode suprimir transmisión.

Con todo, a variante VB caracterízase por moitas mutacións espalladas polo xenoma, o que significa que non se pode identificar unha única causa xenética nesta fase. Amais, os individuos coa variante VB mostraron características típicas das persoas que viven con VIH nos Países Baixos, incluíndo a idade, o sexo e o modo de transmisión. Isto indica que o aumento da transmisibilidade desta variante débese a unha propiedade do virus en si mesmo, máis que a unha característica particular das persoas infectadas con el.
Maior carga viral e maior transmisión
O estudo sinala que as persoas infectadas coa nova variante VB presentaron diferenzas significativas antes do tratamento antirretroviral en comparación cos infectados con outras variantes. Así, aqueles coa variante VB tiñan unha carga viral entre 3,5 e 5,5 veces maior. Do mesmo xeito, a taxa de descenso das células CD4 —distintivo do dano no sistema inmunitario polo VIH— produciuse dúas veces máis rápido en persoas coa variante VB. Ao seren diagnosticadas, estas eran vulnerables a desenvolver a SIDA nun período de 2 ou 3 anos. Amais, tamén presentaban un maior risco de transmitir o virus a outros. Sen tratamento, estímase que o VIH avanzado (con consecuencias clínicas a longo prazo) en persoas de trinta anos se alcance en só 9 meses desde o momento do diagnóstico para individuos con VB, en comparación con 36 meses para individuos non VB, e sendo aínda máis rápido nos grupos de idade avanzada.
“Antes deste estudo, sabíase que a xenética do virus do VIH era relevante para a virulencia, o que implica que a evolución dunha nova variante podería cambiar o seu impacto na saúde. O descubrimento da variante VB demostrou isto, proporcionando un exemplo raro do risco que supón a evolución da virulencia viral“, comenta Chris Wymant, autor principal e doutor do Instituto Big Data da Universidade de Oxford e do Departamento de Medicina de Nuffield. Unha investigación adicional para comprender o mecanismo que fai que a variante VB sexa máis transmisíbel e prexudicial para o sistema inmunitario podería revelar novos obxectivos para os antirretrovirais de próxima xeración.
A necesidade dun tratamento precoz
Pese a estes achados previos, e unha vez comezado o tratamento, os individuos coa variante VB tiveron unha recuperación e supervivencia do sistema inmunitario semellantes a aqueles infectados con outras variantes do VIH. Así, a recuperación das células CD4 despois do inicio do tratamento foron similares para os individuos VB e non VB. Igualmente, o risco de morte (por calquera causa) tamén foi similar.
Non obstante, os investigadores subliñan que, debido a que a variante VB provoca un descenso máis rápido da forza do sistema inmunitario, un diagnóstico precoz e un tratamento temperá é fundamental para estes pacientes. Xa que, se os individuos con VB non iniciasen o tratamento antes que outros, sería de esperar unha porcentaxe de CD4 máis baixa ao inicio deste, o que podería causar un aumento da morbilidade e mortalidade. Algo relevante no caso de que VB ou variantes similares se chegen a atopar en ámbitos con menor disponibilidade de atención ao VIH.
Nesta liña, Christophe Fraser, coautor e profesor do Instituto Big Data da Universidade de Oxford e do Departamento de Medicina de Nuffield, engade: “Os nosos descubrimentos enfatizan a importancia da orientación da Organización Mundial da Saúde para que as persoas en risco de contraer o VIH teñan acceso a probas regulares para permitir un diagnóstico precoz, seguidos. mediante tratamento inmediato. Isto limita o tempo que o VIH pode danar o sistema inmunitario dun individuo e pór en perigo a súa saúde. Tamén garante que o VIH se suprima o máis rápido posible, o que impide a transmisión a outras persoas”.
Referencia: A highly virulent variant of HIV-1 circulating in the Netherlands (Publicado en Science)