Xoves 18 Abril 2024

Galicia rexistra un dos tres xaneiros máis solleiros en 40 anos

O primeiro mes do ano iguala a 1989 e 1992, que se sitúan á cabeza dos períodos con máis horas de sol das últimas décadas

Un intenso raio de sol cóase pola persiana. Ao día seguinte tamén, e ao outro máis. Unha semana detrás doutra, os ceos despexados e a luz inundaron Galicia. Unha situación que, para algúns, non semellaba ser habitual en pleno mes de xaneiro. “Non é tan excepcional como parece. É bastante habitual ter a influencia dun anticiclón potente durante estas datas”, aclara o investigador en Biometeoroloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USCDominic Royé. Aínda que non sexa un fenómeno tan anómalo nin preocupante, os datos avalan a sensación xeral. Segundo os datos proporcionados polo investigador, xaneiro de 2022 foi un dos máis solleiros en Galicia nos últimos 40 anos, igualando ao 1989 e ao 1992.

Os meses de xaneiro das últimas décadas, segundo as horas de sol. Crédito: Dominic Royé
Os meses de xaneiro das últimas décadas, segundo as horas de sol. Crédito: Dominic Royé

“En xaneiro pódense dar casos coma este. Hai un bloqueo que non deixa pasar as borrascas do Atlántico procedentes do oeste. Teñen que entrar polo norte e non hai maneira de que o fagan”, detalle Royé. Polo tanto, non hai motivo para a alarma. Non é algo raro, nin imposible, nin a primeira vez que ocorre. De feito, nos últimos 40 anos hai casos semellantes. Para Galicia, os meses máis solleiros das últimas décadas foron o 1992, cun aumento do 95% de horas de sol; o 1989, cun incremento do 90%; e o 2022, cunha porcentaxe que acadou o 81%.

Publicidade

As temperaturas

Outro dos valores sobre os que poñer o foco son as temperaturas. O 2022 empezaba máis caloroso do normal. “Dende finais de decembro ata principios de xaneiro chegamos, incluso, aos 20º. Iso foi diferente, unha onda de calor en pleno inverno. Se esta anomalía de temperaturas a tivésemos en verán, superariamos os 35ºC”, puntualiza o investigador da USC. Un caso particular e, aí si, excepcional, que se debeu á entrada de aire procedente de África. Algo que non aconteceu ao longo do mes, un xaneiro solleiro pero con temperaturas máis baixas, sobre todo as mínimas.

“As temperaturas foron agradables porque estabamos nunha situación despexada. As mínimas, pola contra, foron moi baixas porque non había nubes, perdeuse moitísima calor e, como o día non é moi longo, perdemos moitísima enerxía”, continúa explicando Royé. Con todo, o feito de que houbese suficientes horas de sol foi o que nos permitiu chegar aos 15ºC aproxidamente. Aínda que, tal e como matiza o propio investigador, todo dependía dos movementos das masas de aire das zonas máis cálidas.

“As mínimas de xaneiro foron moi baizas porque non había nubes e perdíase moitísimo calor”

De todas formas, se ollamos os datos das temperaturas segundo as cidades galegas, a situación varía considerablemente dunha zona a outra. Os datos trasladados por Royé e recollidos en MeteoExtremos Galicia apuntan, por exemplo, que Vigo só tivo un día frío, o 22 de xaneiro, e que a meirande parte do mes foi de temperaturas normais ou tirando a cálidas. Unha situación que contrasta, por exemplo, con Ourense, con máis de nove días rexistrados, sobre todo da segunda quincena do mes, consideramos como “moi fríos”. E outros tantos con temperaturas “frías” ou máis baixas do normal. As situación do resto de cidades como A Coruña, Lugo, Pontevedra e Santiago oscila entre as de Vigo e Ourense: cunha segunda quincena de xaneiro con máis días fríos ou con temperaturas máis baixas do normal.

As precipitacións

No que respecta ás precipitacións por cidades, e atendendo aos datos que proporciona Dominic Royé baseándose en Meteogalicia, Santiago tivo un día “moi chuvioso” o 4 de xaneiro, sendo a primeira semana na que máis precipitacións caíron. Pero logo houbo un período de máis de tres semanas, que chega ata principios de febreiro, sen albiscar chuvia. Unha situación semellante ao resto de cidades galegas como Vigo e Pontevedra, con días máis intensos de chuvia, como o 4 e o 9 de xaneiro. Ourense, Lugo e A Coruña foron as que menos xornadas chuviosas rexistraron.

Houbo un período de máis de tres semanas sen albiscar chuvia

“Se o miramos amplamente, as precipitacións están diminuíndo no total anual. Hai unha tendencía clarísima en observación respecto aos cambios da chuvia cando chove. Cada vez concéntrase en menos días nunha época determinada, e noutra xa non hai precipitacións”, explica Royé. Continúa apuntando que é un fenómeno que se está a vivir en Galicia e que “vai a máis”. De feito, pode haber “refachos secos”. O normal na nosa comunidade é que esteamos, como máximo, seis días consecutivos sen chuvia. “Xa triplicamos ese número”, puntualiza.

A sequía

A falta de precipitacións pódenos levar a pensar na sequía. Segundo un monitor do CSIC, e tendo en conta unha escala temporal de tres meses, a meirande parte do territorio galego está “seco” ou “lixeiramente seco”. Segundo Dominic Royé é o que se denomina “sequía meteorolóxica” e, de momento, non é preocupante. Aínda que se a tendencia segue así, si se podería converter nun problema. “A partir dos seis meses xa afectaría á hidroloxía, á auga e ás capas do solo. De todas formas, a sequía non ten que ver co calor, senón coa ausencia de chuvia”, apunta o investigador.

Aínda que resulta complicado facer predicións, ninguén pode escapar á realidade do cambio climático. “Se falamos da sequía e das súas dimensións, o que se espera no futuro é que sexan máis extensas, máis intensas e máis frecuentes“, asegura o investigador da USC. De feito, non só hai que poñer o foco no quecemento global, tamén noutros efectos e as súas consecuencias. E aínda que aquí, en Galicia, non sexa preocupante de momento, “xa levamos unhas cantas semanas con pouca precipitación”, conclúe Royé. E por moito que se prefira, en termos xerais, o sol á auga, ninguén quere que aquí, en Galicia (con perdón de Santiago), a chuvia deixe de ser arte.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023