Venres 6 Decembro 2024

Clima e saúde mental, moito máis que un día de chuvia

Existe unha relación, aínda que os casos son moi subxectivos e difíciles de describir e cuantificar, como un cambio no estado de ánimo pola falta de luz

Que os días grises dan sono ou que unha mañá de sol nos anima a saír pasear non é unha crenza popular. A ciencia confírmao: existe unha relación entre a meteoroloxía, o clima e a nosa saúde mental.

Na maioría dos casos pode tratarse dunha simple molestia ou dun lixeiro cambio no noso estado de ánimo pola falta de luz, por exemplo. Son casos moi subxectivos difíciles de describir e cuantificar e raramente aparecen reflectidos nas estatísticas do sistema de saúde. “Algo que temos que ter claro é a diferenza entre o clima e o tempo porque o clima é o que pasa ao longo de décadas e outra cousa é o que nos afecta no día a día, é dicir, a situación atmosférica da xornada a través de diferentes variables como a temperatura ou a humidade”, explica Dominic Royé, investigador en Biometeoroloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC). “E si que existe un efecto na nosa saúde mental respecto ao clima, ou máis ben, respecto á meteoroloxía. A principal razón encóntrase na concentración de serotonina que é un neurotransmisor relacionado coas nosas emocións e o noso estado de ánimo e que tamén controla a temperatura corporal”, engade.

Publicidade

Unha relación en forma de pirámide

Os estudos científicos céntranse nos efectos máis extremos que o tempo pode provocar nas persoas no seu día a día. A temperatura é a variable atmosférica máis importante á hora de falar de saúde mental e canto máis alta, máis perigosa pode ser para as persoas vulnerables. Pero a relación entre os efectos ambientais e a poboación atinxida é piramidal, é dicir, canto máis severo é o efecto, máis reducido é o número de persoas afectadas. Algunhas investigacións confirman a existencia da relación entre as temperaturas extremas e o aumento da violencia e da criminalidade, pero tamén do risco de suicidio.

Algunhas investigacións confirman a existencia da relación entre as temperaturas extremas e o aumento da violencia e da criminalidade

“As temperaturas extremas inflúen no noso estado de ánimo e no noso comportamento. Cando experimentamos temperaturas moi altas prodúcese un efecto de estrés no noso corpo e isto está relacionado, unha vez máis, coa concentración de serotonina. Hai evidencias científicas da relación que existe entre a temperatura e os suicidios: canto máis alta é a temperatura máis risco de suicidio existe. Pero debo subliñar que o que se fai nas investigacións é só describir ou encontrar relacións que explican unha parte de todo o que observamos respecto aos suicidios, por exemplo, ou a outra variable calquera, como pode ser o consumo de antidepresivos ou outros medicamentos”, afirma Royé.

Publicidade

O cambio climático, un desastre tamén persoal

O tempo da xornada inflúe na nosa saúde mental pero tamén os cambios que se producen no clima, aínda que sexa a longo prazo. O impacto destes cambios na historia non é alleo á ciencia. “Existe evidencia científica que explica, parcialmente, certos colapsos de civilizacións como, por exemplo, Mesopotamia hai 2.300 años a. C. cando un cambio climático brusco acabou provocando a súa desaparición, entre outros factores socio-políticos. En todas estas relacións non hai que esquecer que o papel do clima é só unha das variables que debemos ter en conta, non explica todo, só unha parte da imaxe global”, insiste o investigador da USC.

“O papel do clima é só unha das variables que debemos ter en conta”

O aumento de temperaturas que anuncia o cambio climático actual está no punto de mira da ciencia, sobre todo porque xa se empezaron a rexistrar os seus efectos. “A relación entre o cambio climático e saúde mental é bastante complexa. Hoxe xa podemos estudar algunhas consecuencias, como o aumento de depresións entre aqueles que intentan frear, en balde, a mala perspectiva de futuro. Por outra banda, o cambio climático vainos levar a vivir máis eventos extremos como os desastres naturais e estes desastres tamén son moitas veces persoais, o que provoca un aumento das depresións e dos suicidios”, asegura Royé.

A prevención é o futuro

O ano pasado, un equipo internacional de científicos subliñou en Suíza a necesidade de protexer os máis vulnerables fronte aos efectos do cambio climático. O seu chamamento formaba parte das conclusións dun estudo realizado ao longo de 45 anos sobre a relación, agora xa confirmada, entre o aumento das temperaturas e o das hospitalizacións de pacientes de psiquiatría en Berna, a capital do país. Dominic Royé tamén defende a integración de medidas específicas, relacionadas co cambio climático, nas políticas de saúde pública.

“Fan falta medidas de adaptación de cara ao futuro, como plans de prevención respecto á saúde mental. Sobre todo cando falamos de facer fronte a eventos extremos pero tamén se temos en conta que é a xuventude a que vai ter que lidar cun problema que segue sen resolverse”, explica o investigador en Biometeoroloxía.

“Os estudos que xa estamos levando a cabo a nivel internacional son moi importantes pola información que obtemos sobre o cambio climático pero tamén porque se pode responder a esta cuestión de forma masiva. Temos moitos datos de como pode influír o ambiente na saúde e, co cambio climático, estes estudos son hoxe máis relevantes. Se agora xa coñecemos as consecuencias que as altas temperaturas provocan, entón, co aumento previsto, podemos agardar que os efectos na saúde mental se multipliquen no futuro“, advirte para concluír Royé.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC participa no deseño dun sistema de alerta temperá de toxinas na auga

O obxectivo é predicir a aparición e a propagación dos tóxicos usando intelixencia artificial, modelización matemática, nanosensores e teledetección

Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente

Unha viaxe virtual polas grandes voces da lírica galega grazas á realidade aumentada

A USC e o CESGA crean unha exposición en homenaxea a destacadas cantantes galegas do século XIX e XX que se pode visitar dende a casa

Por que terxiversamos a información cando ameaza as nosas crenzas?

O principal motor psicolóxico da desinformación e das teorías da conspitación non é outro que a defensa das nosas ideas para ter razón a toda costa