Venres 26 Abril 2024

O catedrático da USC, Juan José Nieto, galardoado co Premio Conde de Cartagena

O recoñecemento en investigación traslacional, concedido pola Real Academia Nacional de Medicina,débese ao seu traballo sobre a loita contra a Covid-19 e futuras epidemias

O Premio Conde de Cartagena de investigación traslacional, concedido pola Real Academia Nacional de Medicina, foi nesta última edición para o catedrático de Análise Matemática da USC, Juan José Nieto. Este recoñecemento é froito do traballo titulado Aproximacións interdisciplinarias e ciencia integral na loita contra a COVID-19 e futuras epidemias.

“É unha alegría sendo matemático recibir un premio da Real Academia Nacional de Medicina. Faime moita ilusión”, afirmou o profesor da USC ao coñecer a concesión deste galardón que lle será entregado este martes dentro da Sesión Inaugural do Curso Académico 2022 da devandita Academia. “O traballo afonda en como se pode abordar a loita contra a pandemia dende diferentes ámbitos científicos —social ou económico, entre outros— e non só dende o eido da medicina”, explicou Juan José Nieto.

Publicidade

Un gran currículo

Juan José Nieto é o investigador da USC que ocupa o chanzo máis elevado no Highly Cited Researchers 2021, a máis recente listaxe que elabora anualmente o grupo Web of Science e que recoñece os e as investigadoras que demostraron un influxo significante a través da publicación de múltiples artigos, altamente citados, na última década. Neste senso, o profesor Juan José Nieto Roig ten coordinado ou participado en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, estatal e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais.

Lidera o grupo de investigación ‘Ecuacións diferenciais non lineares’ e, na actualidade, traballa na predición do avance da pandemia da COVID-19 a través de modelos matemáticos. O seu ámbito de traballo investigador, aínda que de carácter básico, potencialmente posúe utilidade práctica aplicado ao estudo de diversas cuestións da Física, Bioloxía, Epidemioloxía, Medicina ou Bioinformática.

Nieto ten recibido múltiples galardóns ao longo da súa dilatada carreira investigadora. Entre os máis recentes, atópase o premio Liouville pola súa traxectoria e innovadoras ideas no cálculo fraccionario. O galardón outorgóuselle no marco do primeiro Congreso Virtual sobre Cálculo Fraccionario e as súas Aplicacións (OCMFCA2020). Asemade, o catedrático da USC é director do Instituto de Matemáticas (IMAT) e foi elixido en 2020, coordinador da Rede de Institutos Universitarios de Matemáticas (RedIUM).

O Premio Conde de Cartagena

A Fundación da Real Academia Nacional de Medicina de España convoca anualmente o certame de premios da RANME co fin de recoñecer publicamente o labor, a entrega, o traballo e a traxectoria dos profesionais da medicina española. A convocatoria 2021 engloba un total de 23 distincións que se outorgan en 8 categorías diferentes. En concreto, o Premio Conde de Cartagena é un dos nove que se engloban na categoría de investigación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 99% das mortes por Covid-19 en Galicia foron persoas de máis de 50 anos

Un artigo de científicos da USC, UVigo e Chuac analiza os datos do primeiro ano da pandemia tomando como referencia os grupos de idade

Case 40 científicos da USC, entre o 2% dos máis citados do mundo

Os catedráticos María José Alonso, de Farmacia, e Juan José Nieto, de Matemáticas, figuran nas posicións máis destacadas

Galicia, con seis investigadores entre os máis citados do planeta

NOTA: Ademais dos seis investigadores mencionados, aparecen na lista Pablo Docampo...

Matemáticos galegos propoñen como “única saída posible” un confinamento de 15 días

Iván Area, da UVigo, e Juan José Nieto, da USC, levan meses analizando a traves de modelos matemáticos a posible evolución da pandemia