Un boletus bicéfalo: así se explican as deformacións nos cogomelos

O Grupo Micolóxico Galego bota luz sobre estas variabilidades na forma dos fungos e explican que é máis habitual do que semella

Boletus bicéfalo
O 'boletus bicéfalo' atopado por Mario Durán na comarca de Ferrolterra

Aínda que as chuvias non dan chegado con plenitude, nos montes galegos comezan a agromar os primeiros cogomelos da temporada prolífica por antonomasia: o outono. A comunidade micolóxica galega volve reactivarse e os foros de debate collen, cada vez, máis movemento. Esta semana, nun deses espazos de encontro, apareceu unha foto que impresionou e desconcertou a grande parte dos aficionados. Nela, aparecía unha andoa (Boletus edulis) á que lle nacía, dende o sombreiro, outra máis pequena xerando unha forma case bicéfala pouco habitual, ou polo menos para os principiantes. Xerouse un debate na comunidade con moitas hipóteses da que non se extraeron grandes conclusións. “Aínda que pareza moi estrano, isto adoita acontecer tanto en exemplares do xénero Boletus, como doutros xéneros micorrícicos, como Russula“, explica Gabriel Pérez, do Grupo Micolóxico Galego, unha das grandes referencias neste eido en Galicia. Este tipo de fungos micorrícicos caracterízanse en que, para desenvolver o seu ciclo vital por completo, precisan establecer relacións simbióticas coas raíces das plantas e das árbores.

Podería acontecer que o propio cogomelo, ao fructificar, fixérao debaixo doutro, rematando os dous xuntos

Grupo Micolóxico Galego

Dende o Grupo Micolóxico Galego explican que esta “forma tan caprichosa” de se formaren estes carpóforos podería ter varias explicacións. “Podería acontecer que o propio cogomelo, ao fructificar, fixérao debaixo doutro, rematando os dous xuntos” como se observa na imaxe. “Ou mesmo que o propio cogomelo grande conservase restos de micelio no sombreiro e que desen lugar a un novo carpóforo“, argumenta Pérez cos seus compañeiros Marisa Castro, Mauro Rivas e Adrián Melón.

Que son os carpóforos e o micelio?

Os cogomelos ou carpóforos son a parte reproductiva de certos fungos, xa que conteñen as estructuras encargadas da produción e dispersión das esporas. Por outra banda, o micelio é o conxunto de filamentos (ou hifas) moi ramificados, de estrutura e composición variable, que constitúe o aparello ou corpo vexetativo dos fungos e que non adoita ser visible porque soe estar baixo terra. Pode chegar a verse ao arrincaren algún cogomelo, xusto debaixo do pé ou nos propios restos que lle queden na parte máis baixa.

Imaxe detalle do micelio dun fungo baixo terra | Lex vB de Wikipedia CC BY-SA 3.0

As hifas que forman o corpo dun cogomelo, explican dende o Grupo Micolóxico Galego, teñen a capacidade de producir un novo micelio a partir delas mesmas, de aí vén a boa práctica de limpar os cogomelos que se apañan e botar todos os anacos que non interesan gastronomicamente no propio monte. Iso faise para favorecer a reprodución dos fungos.

A variabilidade dos cogomelos

Os cogomelos como organismo teñen moita variabilidade de apariencia dentro das mesmas especies e “nunca imos atopar dous exemplares exactamente iguais”, engade Pérez. “Esta variabilidade depende, en boa medida, das condicións ambientais nas que medrou o cogomelo. Deste xeito, non é estraño atopar exemplares de Boletus edulis ‘bicéfalos’. É dicir, unidos polo pé. Ou carpóforos con sombreiros fortemente deformados que esquivaron, ou mesmo envolveron, algun obstáculo, como unha pequena póla ou unha pedra”, argumentan os micólogos.

En xéneros como Lepista, tamén podemos atopar parte de carpóforos medrando enriba de outros. Isto débese, a miúdo, por pequenas mutacións nas hifas estruturais do sombreiro

Grupo Micolóxico Galego

No monte tamén acontencen curiosidades como que haxa cogomelos unidos polo sombreiro, pero separados nos pés. “Algo moi común no xénero Mycena”, explica Pérez. “En xéneros como Lepista, tamén podemos atopar parte de carpóforos medrando enriba de outros. Isto débese, a miúdo, por pequenas mutacións nas hifas estruturais do sombreiro“. “Estas manifestacións de diversidade morfolóxica dos carpóforos, ademais de curiosas, son outra das tantas marabillas que nos da o mundo dos cogomelos”, rematan dende o Grupo Micolóxico Galego.

O potencial micolóxico galego

En Galicia a mellor época do ano para saír a apañar cogomelos é, sen dúbida, o outono. Especialmente o mes de novembro, aínda que nas zonas de litoral pode habelos incluso dende setembro a xuño, como ten explicado Marisa Castro a GCiencia, que foi durante moitos anos profesora do Departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo e unha das maiores expertas en micoloxía de Galicia. Tamén e unha persoa activa neste grupo micolóxico. Castro reflexionaba así sobre os veráns calurosos: “Moitas persoas pensan que cos veráns quentes diminúe a aparición de frutificacións”, pero na realidade a experta considera que pode chegar a ser o contrario, xa que como estiveron os micelos tan estresados pola calor, van intentar reproducirse de forma multitudinaria para perpetuar a especie, sempre e cando a humidade atmosférica perdure. Iso si, será necesario que as choivas cheguen e se manteñan.

En Galicia atópanse 2.500 especies coñecidas entre as que poden ser comestibles e/ou medicinais, tóxicas e moitas que carecen de valor na cociña. Así, pódense encontrar arredor de cen tipos que son comestibles e só uns vinte tóxicos e dous que poden ser realmente perigosos de forma inmediata: Amanita phalloides e Amanita verna.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.