O vindeiro 27 de marzo, o campus de Vigo volverá ser o escenario do bioblitz, unha competición na que as persoas participantes deberán localizar, fotografar e identificar o maior número posible de especies do ecosistema da contorna nun tempo determinado. Trátase da actividade estrela da programación do Día Mundial da Vida Silvestre, unha data na que se celebra a beleza e variedade da flora e a fauna salvaxe. As entradas poden reservarse nesta ligazón.
Inserida dentro do programa Ciencia de ida e volta da Unidade de Cultura Científica, que se desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia e Innovación y Universidades, a actividade estará aberta a toda a cidadanía, incluído o estudantado da UVigo, que deste xeito poderá coñecer e familiarizarse coa biodiversidade do campus.
“O campus de Vigo, ao atoparse nun monte relativamente afastado da cidade, é fogar para moitas especies de flora e fauna que acompañan o profesorado e o estudantado na súa vida diaria”, explican dende a Unidade de Cultura Científica. “Queremos que a cidadanía teña a oportunidade de explorar esta riqueza biolóxica existente na nosa contorna”.
Divididos en grupos de ata cinco persoas ou de xeito individual, e guiados por colaboradores de MycoGalicia Plantae, as persoas participantes “terán que localizar, fotografar e identificar tantas especies como sexa posible no tempo de exploración, que será arredor de dúas horas”.
Con reserva previa
As persoas interesadas en participar deberán reservar as súas entradas, xa que a actividade ten un número limitado de prazas. Antes da saída, dende a praza Miralles, recibirán unha explicación sobre as técnicas para facer unha observación responsable e informada de plantas e animais empregando a aplicación móbil iNaturalist, que permite tomar e identificar fotografías xeorreferenciadas. A continuación, comezará o percorrido polo campus e a toma de imaxes, que serán identificadas pola aplicación, marcando a autoría, para a súa posterior verificación por parte dos guías. Tras o reconto de especies, terá lugar a entrega de premios para aqueles grupos que logren un maior número de observacións cualificadas.
O obxectivo final desta actividade é achegar as persoas ao medio ambiente e á biodiversidade, de xeito que aumenten os seus coñecementos sobre estes conceptos e comprendan a súa importancia, así como facelas partícipes do seu seguimento e posta en valor.
Dende a organización aconsellan que as e os participantes leven roupa cómoda e calzado axeitado, ademais de impermeable no caso de choiva. Aínda que non é obrigatorio, tamén recomendan que as persoas que dispoñan de prismáticos, aparellos de medición e guías de campo os leven consigo para facilitar a identificación das especies. Por outra banda, e dado que a toma de mostras se realizará cunha aplicación móbil, polo menos un dos membros do equipo terá que dispor dun teléfono con conexión a internet. Dende a UCC+i tamén aconsellan descargar a app iNaturalist con antelación para familiarizarse co seu uso antes do evento.
Outras actividades
Ademais do bioblitz, a celebración do Día Mundial da Vida Silvestre na UVigo comprende outras actividades paralelas. Están previstos varios obradoiros sobre a diversidade do solo para alumnado de centros escolares e dous roteiros científicos interxeracionais nos campus de Ourense e Pontevedra.
Na primeira das actividades, os investigadores do Grupo de Ecoloxía Animal, GEA, Celestino Quintela Sabarís e María Gómez Brandón, especialistas en ecoloxía do solo, ensinaranlle á rapazada a diferenciar os microorganismos que habitan o chan. De maneira interactiva e manipulativa, aprenderán sobre a importancia da biodiversidade para garantir a saúde e fertilidade do chan.
Obradoiros
Pola súa banda, Silvia Romeo Río, investigadora do Grupo de BV1 Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) impartirá obradoiros sobre a mesma temática en centros da contorna ourensá.
En canto aos roteiros, servirán para a exploración dos ecosistemas naturais dos ríos Miño e Lonia en Ourense, e do río Gafos en Pontevedra, aproveitando os seus paseos fluviais. Nestas andainas, que terán lugar o día 20 de marzo en Ourense e o 18 de marzo en Pontevedra, participará a Oficina de Medio Ambiente, o alumnado do grao de Ciencias Ambientais e o alumnado do Programa Universitario de Maiores de ambas cidades.