A UVigo lanza un evento de identificación de especies nos campus de Ourense e Vigo

O ‘bioblitz’, que se celebrará o 12 de maio, está aberto á cidadanía como actividade da Unidade de Cultura Científica da universidade

Os campus de Vigo e Ourense serán o escenario, o vindeiro 12 de maio, dun evento participativo de ciencia cidadá que ten por obxectivo que as persoas participantes identifiquen o maior número de especies nun tempo determinado. É o que se coñece como bioblitz, unha actividade que se celebrará por primeira vez na Universidade de Vigo da man da Unidade de Cultura Científica, UCC+i. 

Inseridos dentro do programa Ciencia de ida e volta, que se desenvolve co financiamento da FECYT, estes bioblitz terán lugar simultaneamente en Vigo e Ourense entre as 10 horas e as 12.30 horas e estarán abertos a toda a cidadanía, que deste xeito poderá coñecer e explorar os ecosistemas de ambos campus. Trátase de converter os participantes en “exploradoras e exploradores das ricas contornas naturais nas que están localizados os campus universitarios de Ourense e Vigo”, explican dende a UCC+i.

Publicidade

Divididos en grupos de ata cinco persoas ou de xeito individual, “terán que localizar e identificar tantas especies como sexa posible durante dúas horas de exploración” guiados por persoal da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da UVigo, que antes da saída lles explicarán as técnicas para facer unha observación responsable e informada de plantas e animais empregando a aplicación móbil iNaturalist, que permite tomar e identificar fotografías xeorreferenciadas. A continuación, realizarase a exploración e as imaxes serán identificadas pola aplicación, marcando a autoría, e logo serán gardadas na carpeta do proxecto para a súa verificación por parte dos guías. Ás 12.00 terá lugar o reconto de especies e a entrega de premios para aqueles grupos que logren un maior número de observacións cualificadas.

O obxectivo final desta actividade é achegar as persoas ao medio ambiente e á diversidade, de xeito que aumenten os seus coñecementos sobre estes conceptos e comprendan a súa importancia, así como facelas partícipes do seu seguimento e posta en valor. 

Publicidade

25 prazas en Ourense e 50 en Vigo

Esta actividade é de balde, pero a participación en ambos bioblitz ten un límite de asistentes, 25 en Ourense e 50 en Vigo, polo que é preciso inscribirse previamente neste enderezo. 

Dende a organización aconsellan levar roupa cómoda e calzado axeitado, ademais de impermeable no caso de día chuvioso. Aínda que non é obrigatorio, tamén recomendan que as persoas que dispoñan de prismáticos, aparellos de medición e guías de campo os leven consigo para facilitar a identificación das especies. Por outra banda, e dado que a toma de mostras se realizará cunha aplicación móbil, polo menos un dos membros do equipo terá que dispor dun teléfono con conexión a internet. Dende a UCC+i tamén aconsellan descargar a app con antelación para familiarizarse co seu uso antes do evento. 

En cada un dos campus haberá un punto de encontro, que no caso de Ourense será a pista de atletismo e en Vigo nos arredores da piscina. 

Conferencia sobre biodiversidade en Pontevedra

Antes da celebración dos bioblitz, o campus de Pontevedra acollerá este luns día 8 ás 19,00 horas na Casa das Campás un relatorio a cargo de Adolfo Cordero, catedrático de Ecoloxía e Bioloxía Animal titulado Biodiversidade, moito máis ca xenes e especies. O evento está aberto ao público en xeral, pero é preciso inscribirse previamente ata completar a capacidade da sala.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación