Azulillos, esmeraldas e emperadores: a guía do nomes comúns das libélulas en España

O catedrático da UVigo Adolfo Cordero participa na definición das nomenclaturas para facilitar a identificación de especies

En España existen numerosos nomes populares para denominar as libélulas: cabaliños do demo, pastores, candís… Porén, todos estes termos fan referencia ao conxunto dos odonatos ou das súas dúas subordes. A ausencia de nomes que, máis aló da súa denominación científica, permitan identificar as diferentes especies motivou que un grupo de oito entomólogos, entre os que se atopa Adolfo Cordero, catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo), traballase nos últimos dous anos na primeira proposta de nomes comúns para todas as especies de libélulas existentes en España.

Azulillosgaiterosemperadores ou esmeraldas son algunhas das denominacións propostas por este grupo para os diferentes xéneros, aos que logo se engade unha segunda verba para identificar especies concretas, como, por exemplo, azulillo de Graells, nome outorgado a unha das libélulas máis comúns no país, a Ischnura graellsii

Publicidade

Case 90 especies

“Podemos dicir que aquilo que non ten nome non se pode valorar”, sinala Cordero, investigador principal do grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación (EcoEvo). Esta listaxe de termos, que engloba as 87 especies de libélulas presentes tanto na España peninsular, como en Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla, foi publicada no Boletín de la Sociedad Entomológica Aragonesa.

“Pretende ser unha proposta elaborada desde un punto de vista pedagóxico e realizada da forma máis consensuada posible”, sinalan os responsables desta listaxe, coa que buscan contribuír ao coñecemento das diferentes especies, tendo en conta, como sinalan, “o avance nos últimos anos da observación de odonatos por parte de afeccionados”.

Publicidade

Dirixida a contribuír tanto na educación ambiental, como na conservación das especies, esta listaxe foi elaborada por Florent Prunier, da Red de Observadores de Libélulas en Andalucía; Adrià Miralles, do Servei de Fauna i Flora da Generalitat catalá; Carlos Zaldívar, do Instituto de Estudios Riojanos; Martiño Cabana, da Universidade da Coruña; Antonio Torralba, da Universidad de Oviedo; Pere Luque, do Museo de les Terres de l´Ebre; e Ludovico Vega, da Sociedad Española de Ornitología, ademais de polo catedrático do campus pontevedrés.

Denominacións con dúas verbas

Pensada para o seu uso en obras divulgativas, esta listaxe parte á súa vez de “propostas previas, nas que xa colaboráramos algúns de nós”, sinala Cordero. O catedrático foi, de feito, un dos autores da proposta de nomes populares en galego para odonatos, publicada en 2011. “A nosa idea é ir empregando estes nomes noutros documentos, para irlles dando difusión”, sinala, así como tamén que sirva para a lista vermella de especies ameazadas da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza), na que as especies de libélulas carecen dun nome vernáculo en castelán.

Apoiándose “na tradición, cando procede” e tendo en conta os nomes comúns xa publicados noutras linguas, este grupo de expertos buscou denominacións que ofrecesen “unha oportunidade para engadir información sobre a especie”. Optaron por unha relación de “nomes binómicos”, cun primeiro termo xenérico e un epíteto que identifica cada especie. Este esquema deu lugar a denominacións como vigilante escarlata (Crocothemis Erythraea), gaitero cobrizo (Calopteryx haemorrhoidalis), azulillo elegante (Ischnura elegans) ou esmeralda metálica (Somatochlora metallica).

Quitar estereotipos

O obxectivo era que esta serie de nomes comúns aludise principalmente “a características morfolóxicas dos insectos adultos”, evitando facer referencia “á rareza da especie”, que varía entre territorios, así como ás connotacións negativas dalgúns nomes vernáculos. De feito, propoñen empregar o termo libélulas tanto para o conxunto dos odonatos como para a suborde dos anisópteros, mentres que para os zigópteros decantáronse por caballitos de agua, en lugar de por cabaliños do demo. Esta última, lembran, é a forma “máis estendida”, especialmente no norte da península, mais apostaron por “voces máis amables”, tanto “para quitar un sentido negativo herdado de supersticións”, como para “subliñar os valores ambientais e a ecoloxía do grupo”.

Partindo desas dúas subordes, propuxeron un conxunto de nomes que identifican un ou varios xéneros, como gaiteros (Calopteryx), unha das familias máis comúns en España, da que forman parte especies como o gaitero añil (C. virgo) ou o gaitero occidental (C. xanthostoma); patiblancos, do xénero Plactycnemis, ou azulados, termo no que insiren os xéneros CoenagrionEnallgama e Erythromma.

Unha gran variedade de nomenclaturas

No caso dos anisópteros, a proposta abrangue termos como emperadores, para as especies dos xéneros Brachytron ou Anax, tamén comúns en España, con especies como o emperador azul (A. imperator) ou o emperador errante (A. ephippiger). A estas súmanse outras como esnas (Aeshna); candiles, dos xéneros GomphusOnychogomphus e Paragomphus; ou esmeraldas, que integran os xéneros Cordulia e Somatochlora; ou a que é quizais “a especie máis emblemática da fauna española”, a Macromia splendens, para a que se propón o nome de Macromia espléndida, unha castelanización do nome científico.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais