A ONU, a través do seu Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade da Universidade, acaba de concederlle un galardón ao proxecto de renaturalización do treito urbano do río Tins na Serra de Outes. Estes premios recoñecen iniciativas innovadoras en educación para o desenvolvemento sustentable e as boas prácticas educativas a nivel mundial.
A Universidade da ONU, institución con sede en Tokio, destacou a implicación da comunidade escolar a través do Proxecto Didáctico Integral do CEIP Plurilingüe de Outes. “Converteu a escola nun motor para transformar a relación da comunidade co río traballando durante todo un ano cuestións como os residuos, especies invasoras, infraestruturas urbanas, biodiversidade autóctona, sinalización didáctica, tradicións orais e patrimonio, espazos de observación así como a transformación completa do patio escolar para integralo coa zona de ribeira contigua”, informan dende a Fundación Montescola, implicada no proxecto.
O Tins, primeiro río con dereitos de todo o Estado
Outro elemento clave foi a participación social no proceso coa Declaración de dereitos do río Tins e compromisos da comunidade de ribeira, primeira instancia na que se recoñecen os dereitos dun río en todo o Estado. Esa declaración levou á creación do Consello Fluvial do Río Tins, un órgano de participación.
O proxecto Renatur_Outes conta coa colaboración de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.














