Un método matemático galego axuda a controlar os niveis de glicosa en diabéticos

O sistema desenvolvido polo CITMAga estase a aplicar para predicir o crecemento de tumores e optimizar terapias contra o cancro

Un equipo galego estuda a aplicación dun modelo matemático para axudar a regular a glicosa en sangue das persoas diabéticas. En comparación con outros sistemas, o desenvolvido no Centro de Investigación en Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) obtén “simulacións moi precisas” da concentración de insulina sen necesidade de medila directamente. O proxecto DYNAMO-bio está coordinado polo investigador Alejandro Fernández Villaverde, vinculado ao CITMAga e á Universidade de Vigo (UVigo). A iniciativa, amais de estar financiada polo Ministerio de Ciencia, conta coa participación da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC).

“Están a desenvolverse uns dispositivos portátiles, denominados páncreas artificiais, que o paciente leva consigo. Esta tecnoloxía controla en tempo real a concentración de glicosa en plasma e inxecta a dose de insulina precisa para manter esa concentración no rango desexado. O cálculo da dose adecuada faise a partir dun modelo do organismo do paciente, que proporciona unha estimación sobre o seu nivel de insulina”, explica Fernández Villaverde. Porén, como estes parámetros non se poden medir directamente, poden producirse estimacións erróneas. De ser así, a terapia non só non vai ser beneficiosa, senón que pode prexudicar o paciente.

Publicidade

O modelo matemático desenvolvido dende o CITMAga pretende corrixir, precisamente, a “falta de identificabilidade” dos sistemas. É dicir, que non sexan capaces de facer estimacións precisas dos parámetros a medir. Neste caso, da glicosa. O modelo galego trata de corrixir estas eivas e logra obter simulacións moi axustadas das concentracións de insulina.

Estudar o crecemento dos tumores

O equipo do CITMAga tamén está a aplicar estes modelos ao estudo do crecemento dos tumores en pacientes con cancro. A finalidade é contribuír a deseñar unha terapia personalizada para cada doente —a través de inmunoterapia, quimioterapia, radioterapia…—, reducindo o tamaño do tumor. Búscase optimizar a terapia para maximizar a súa destrución e que sexa o menos daniño posible para o paciente.

Publicidade

“Trátase, por un lado, de determinar se un modelo matemático é adecuado para predicir o crecemento do tumor logo de aplicar unha determinada terapia. E, por outro, desenvolver técnicas para o deseño de estratexias de control tumoral. É dicir, buscamos definir o tratamento óptimo, que sexa efectivo”, destaca Fernández Villaverde.

Estas técnicas nas que están a traballar os investigadores do CITMAga poderán implementarse en ferramentas software que se porán a disposición da comunidade científica de forma gratuíta. Os seus resultados terán aplicacións en biomedicina —en particular ferramentas, tecnoloxías e solucións dixitais para a saúde e a atención, incluída a medicina personalizada— e biotecnoloxía.

O obxectivo é poder desenvolver dispositivos e sistemas médicos precisos e confiables, mellorando o diagnóstico, os tratamentos e a xestión de pacientes. A súa integración conduce a avances na atención sanitaria, mellorando a calidade de vida e ampliando a esperanza de vida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

A recuperación da avea moura, o cultivo de orixe galega que desapareceu dos campos

Un proxecto de Misión Biolóxica de Galicia explora o potencial da especie tradicional con enfoque comercial para usos gastronómicos e cosméticos

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Aprendizaxe mecánica, falta de recursos e presión familiar: as claves da caída galega no informe PISA

A profesora da UDC Montserrat Castro considera que as metodoloxías empregadas fomentan unha lectura instrumentalista en vez dunha comprensiva