Un novo fungo amplía o catálogo natural da Illa de Cortegada

O achado engádese a máis de 1.000 fungos rexistrados no ecosistema insular de 44 hectáreas que concentra arredor do 50% do total documentado en Galicia

A Illa de Cortegada, de tan só 44 hectáreas e situada no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, volve acaparar a atención científica con motivo da publicación, na revista Persoonia, dunha nova especie fúnxica exclusiva deste enclave: Ramariopsis coronata.

O achado evidencia unha vez máis “a extraordinaria biodiversidade que alberga este ecosistema insular”, explica o investigador e un dos autores do estudo, Saúl de la Peña, quen está a realizar a súa segunda tese de doutoramento na USC. Esta nova especie súmase a outras cinco xa descritas por primeira vez no mundo a partir de exemplares achados na illa: Atheniella lauri, Calycina cortegadensis, Mollisia cortegadensis, Physalacria auricularioides e Pseudobaeospora cortegadensis. No estudo tamén participa o profesor da USC, Antonio Rigueiro. 

Publicidade

A cifra de especies novas para a ciencia descubertas en Cortegada ascende así a seis, un feito sen precedentes nun territorio de dimensións tan reducidas. Actualmente, identificáronse máis de 1.000 especies de fungos na illa, o que supón aproximadamente o 50% do total rexistrado en toda Galicia segundo o Catálogo Micolóxico Galego. Este dato resulta aínda máis chamativo se se compara con outros grandes espazos naturais de España. Por exemplo, no Parque Nacional de Doñana (máis de 108.000 hectáreas) documentáronse 252 taxóns, e no Parque Nacional do Garajonay (4.000 hectáreas), 516 especies.

Un paraíso para fungos que precisa conservación

Estes datos contrastan fortemente coa riqueza micolóxica de Cortegada, consolidándoa como un hotspot de biodiversidade a nivel estatal e internacional. Ademais da cantidade, destaca o valor ecolóxico das especies achadas. Máis de 200 destas especies supoñen novas referencias para Galicia; varias inclúense nas listas vermellas de especies ameazadas de Europa e a Península Ibérica.

Publicidade

As condicións ambientais, forestais e históricas da illa, entre as que se inclúe unha valiosa laurisilva, crearon unha contorna excepcional para o desenvolvemento fúnxico. Con todo, esta riqueza está hoxe ameazada. A introdución de xabarís alterou significativamente o equilibrio do ecosistema. “Cunha densidade actual moi por enriba do recomendado para un hábitat insular, estes animais non só consomen os corpos frutíferos dos fungos, senón que destrúen o micelio ao remover o chan, provocando a desaparición de especies antes comúns”, explica o investigador.

Fronte a esta situación, os autores do estudo micolóxico insisten na urxencia de preservar este enclave único. Como reflicte o seu traballo na Guía Micolóxica da Illa de Cortegada, “a illa non só é unha xoia da biodiversidade galega, senón un referente científico global, capaz de ofrecer achados tan valiosos como os publicados nas revistas de maior impacto”. Cortegada, coa súa modesta extensión, “revélase como un tesouro natural que esixe atención, respecto e conservación”, conclúe o investigador. 

imaxe do investigador Saúl de la Peña
Saúl de la Peña desenvolve na USC a súa segunda tese de doutoramento. Foto: USC

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O outono comeza este mércores ás 2.05 horas despois dun verán de temperaturas récord

A terceira estación do ano vaise estender ata o 21 de decembro ás 21.50 horas

Un estudo da USC constata efectos respiratorios persistentes cinco anos despois da erupción da Palma

A investigación incluíu máis de 600 participantes e comparou a evolución de poboación exposta e non exposta dentro da illa

Un novo tratamento deseñado na USC axuda a deixar de fumar en oito semanas e sen saír da casa

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos desenvolve unha aplicación móbil para realizar o seguimento dos pacientes a través de videochamadas

Como de sostibles son os bioplásticos?

Trátase dunha nova alternativa aos plásticos convencionais, fabricados con menos enerxía e biodegradables mediante compostaxe