O sur de Galicia esperta dunha noite tropical con temperaturas por riba dos 28 graos

Corrubedo, Marín e Pontevedra rexistraron mínimas de ata 30 graos ás once da noite do domingo, impulsadas pola masa de aire cálida africana e a ausencia de vento nocturno

Agosto chega a Galicia cunha nova vaga de calor. Segundo informa elTiempo.es, trátase da segunda que afecta ao país neste verán e que tamén deixará pegada na comunidade. A calor diúrna pode ser agradable: quen non goza dun día de sol e praia? Con todo, as noites tropicais, como a deste domingo, resultan máis difíciles de soportar. As temperaturas superaron os 30 graos en Corrubedo, Marín e Pontevedra, afectando ao descanso de quen non conta con aire acondicionado.

Os datos de Meteogalicia amosan que outros puntos do sur e do oeste tamén rexistraron valores moi altos durante a noite, sitúandose entre os 26 e 27 graos. Vigo alcanzou os 28°C ás 23:00 horas e A Lanzada chegou aos 28,6°C.

Publicidade

O culpable? Unha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana que eleva as temperaturas ata valores extremos en Galicia. Ademais, a ausencia de vento incrementa a sensación térmica.

Pola contra, no norte as condicións son moito máis frescas: A Coruña quedou nos 20,7°C, Burela nos 16,6°C e Malpica nos 16,4 graos. No interior, Guitiriz rexistrou 14,9°C. Esta marcada diferenza débese ao vento do nordés, que refresca a metade norte de Galicia mentres a sur sofre o calor intenso.

Publicidade

Días calurosos e noites tropicais

As xornadas de altas temperaturas convertéronse na tónica do verán galego nos últimos días. Leiro (Ourense) rexistrou o domingo a máxima de Galicia, con 40,3°C durante o día e 25,6°C ás once da noite, o que supón unha amplitude térmica de 14,7°C.

O máis destacable é que os seguintes tres valores máis altos non se produciron en Ourense, senón na provincia de Pontevedra, menos habituada a este tipo de calor sofocante. Salvaterra do Miño acadou os 39,6°C, Arbo quedou en 39,5°C e Ponteareas chegou aos 39,4°C.

Suba de niveis dos alerta por calor

As altas temperaturas que afectaron a Galicia onte, incluso durante a madrugada, deixaron no mapa de niveis de risco para a saúde do Ministerio de Sanidad unha ampla mancha de zonas en cor laranxa e vermella. As áreas con risco baixo ou nulo limítanse á Mariña lucense, ao oeste da Coruña e ao centro de Lugo.

O domingo, a Xunta de Galicia elevou ao nivel de alerta 2 a zona litoral e o Miño de Pontevedra debido ás súas altas temperaturas, que hoxe se manteñen en risco alto segundo o mapa de Meteosalud. O sur de Ourense e Valdeorras tamén se suman á cor vermella.

De feito, a calor extrema obrigou a suspender actividades deportivas ao aire libre: un total de 27 concellos das Rías Baixas e 16 do interior da provincia de Pontevedra cancelaron eventos previstos a partir das 13:00 horas por risco para a saúde.

Mentres, o resto da comunidade permanece en risco medio, polo que se recomenda hidratarse con frecuencia, manter espazos frescos e evitar a exposición directa ao sol nas horas centrais do día. O Ministerio de Sanidad advirte, ademais, que algunhas zonas actualmente en nivel 2 poderían pasar a nivel 3 nos próximos días, como o interior da Coruña.

Vaga de calor ata o xoves

Como informa o portal meteorolóxico elTiempo.es, entre o luns e o martes as temperaturas poderán superar os 40 graos en distintas zonas de Galicia, como xa ocorreu onte.

Deste xeito, o martes 5 de agosto podería converterse no día máis cálido deste episodio que, segundo as previsións, podería prolongarse ata o mércores e mesmo ata o venres. A súa evolución dependerá da persistencia da masa de aire cálida, cuxa retirada aínda é incerta.

Pola súa parte, os técnicos de MeteoGalicia apuntan que esta calor continuará nos próximos días, cun pequeno descanso o xoves, pero cunha nova intensificación da calor durante a fin de semana.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

⁠⁠A Coruña, entre os puntos de repartición das lentes gratuítas do Goberno para a eclipse total

O Ministerio de Ciencia e o Grupo Social ONCE distribuirán dous millóns de dispositivos visuais certificados para observar con seguridade o fenómeno do 12 de agosto

Setenta e seis segundos de asombro dende A Coruña: que ocorre na nosa mente durante unha eclipse total

O catedrático Fernando Vázquez analiza como o fenómeno astronómico do 12 de agosto esperta a sorpresa e crea unha experiencia compartida difícil de esquecer

Conta atrás para a gran cita coa eclipse total en Galicia: “Non volveremos ver algo así na nosa vida”

Unha cobertura do 99% ou do 100% do Sol marca a diferenza entre unha simple diminución da luz e a aparición da coroa solar e da escuridade