Ciencia e tecnoloxía para reconstruír a historia: a UDC aposta pola Paleontoloxía dixital

A dixitalización de fósiles permite aos investigadores do CITEEC estudar especies extintas con precisión milimétrica e divulgar o seu valor científico a nivel internacional

Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco, membros do grupo BIOpast da Universidade da Coruña e adscritos ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) estudan as características morfolóxicas que fan única a cada especie e traballan nun campo cada vez máis demandando na Paleontoloxía: a dixitalización e a creación de modelos tridimensionais de fósiles.

Blanca é paleobióloga e especialista en pequenos mamíferos fósiles e en paleoecosistemas insulares. Analiza como responderon os lagomorfos (coellos, lebres e picas) aos cambios climáticos do pasado, co obxectivo de contribuír á conservación das especies actuais. Alejandro, pola súa parte, é paleozoólogo e está especializado no estudo taxonómico de peixes, anfibios e réptiles. A súa investigación actual céntrase na evolución do esqueleto apendicular dos crocodilos.

Publicidade

Co obxectivo de afondar nas súas investigacións, o pasado mes de xuño viaxaron ata o estado australiano de Queensland para revisar e dixitalizar máis de 300 ósos. Durante a súa visita ás coleccións do Queensland Museum, traballaron con esqueletos de especies extintas (Isisfordia e Australosuchus) e actuais de crocodilos australianos (Crocodylus porosus e C. johnstoni).

Metodoloxía baseada no escáner

Para levar a cabo este traballo, utilizaron un escáner de luz estruturada que captura a superficie dun obxecto con gran precisión e a transforma nunha malla xeométrica no ordenador. Estes datos permiten crear modelos tridimensionais sólidos, que son moi versátiles: poden empregarse en actividades de musealización e divulgación científica, pero tamén como base para novas investigacións.

Publicidade

Durante a súa estadía en Australia, participaron no 7º Simposio Internacional en Paleohistoloxía (ISPH) celebrado en Brisbane, que reuniu a expertos de distintas nacionalidades especializados no estudo dos tecidos óseos fosilizados. Blanca Moncunill-Solé presentou unha conferencia plenaria cos seus últimos avances sobre tecidos fósiles de lagomorfos extintos e Alejandro Blanco contribuíu ao simposio cunha presentación sobre paleohistoloxía en dinosauros.

O estudo dos fósiles galegos

Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco son investigadores postdoutorais baixo un contrato Ramón y Cajal do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Comparten unha liña de investigación enfocada no rexistro fósil do Oligoceno-Mioceno de Galicia.

En colaboración co Concello das Pontes, restauraron unha colección de máis de 60 restos fósiles atopados na antiga mina da localidade para garantir a súa preservación. Estes fósiles son os vestixios dunha antiga comunidade de animais e plantas que habitou Galicia fai un 30 millóns de anos, entre os que se atopan crocodilos, parentes extintos dos hipopótamos e plantas tropicais.

O estudo destes materiais continúa, co obxectivo de coñecer en detalle que especies eran (taxonomía), onde vivían (paleoecoloxía) e de onde procedían (paleobioxeografía). Os resultados preliminares indican que os restos de macrovertebrados desta época son practicamente descoñecidos na Península Ibérica e moi escasos en Europa, polo que os fósiles galegos poderían ter un impacto científico moi relevante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Coruña reunirá a elite da cosmoloxía mundial na semana da eclipse total de Sol de 2026

O congreso ‘New Frontiers in Cosmology’ atraerá 250 especialistas procedentes de centros de referencia como Harvard, Brekeley ou Princeton

Investigadoras da UDC exploran o potencial da tecnoloxía en nenos con parálise cerebral unilateral

Os resultados en menores de entre 3 e 7 anos amosan unha maior implicación da extremidade afectada durante tarefas motivadoras

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Como afrontar a posmenopausa: “O exercicio é a chave de ouro para protexernos”

O proxecto CARE da Universidade da Coruña emprega o adestramento de forza para mellorar a saúde cardiovascular nesta etapa vital