Un aumento do 46% na clamidia no último ano en Galicia. Os casos de sífile e infeccións gonocócicas, polas nubes. A posibilidade de resistencia a algúns tratamentos e a aparición da enfermidade de linfogranuloma venéreo nas estatísticas é cuestión de tempo. Esa é a situación actual segundo o rexistro do Instituto Carlos III no novo informe de Vixilancia Epidemiolóxica das Infeccións de Transmisión Sexual en España. O escenario é preocupante tras sete anos con fortes incrementos nos que a incidencia do gonococo, por exemplo, se multiplicou por cinco.
O caso da clamidia é un dos que máis preocupan. En 2023 o informe publicou os primeiros datos desta infección en Galicia, cunha taxa que xa era moi elevada: 40,2 casos por cada 100.000 habitantes. No último ano, esa mesma proporción subiu ata os 58,7 casos por cada 100.000 habitantes. É moi superior á de comunidades como Asturias (1,7), Aragón (5), Castela e León (16,3) e Castela-A Mancha (17,2). Aínda así, está por debaixo da media, disparada pola súa presenza en comunidades como Navarra (125,5), País Vasco (129,3) e Cataluña (203,4).
A xinecóloga Efigenia Arias concreta que antes da pandemia algúns profesionais xa detectaron un aumento exponencial da clamidia, que non quedou rexistrado nestes informes (que non recollían os datos de Galicia nese momento). Pero o seu aumento, destaca, é innegable. En total, en España rexistráronse 41.918 casos segundo o informe, dos cales 1.589 son en Galicia.
Malia que os rexistros do informe aínda non o reflicten porque non están comunicados, o coordinador da Unidade de VIH e ITS do Complexo Hospitalario Universitario de Santaigo (CHUS), Antonio Antela, tamén confirma a presenza de linfogranuloma venéreo, unha enfermidade provocada pola clamidia e que está presente noutras comunidades. Especialmente en Cataluña e Madrid, onde ten unhas taxas moi superiores (10,12 e 9,77 respectivamente) con respecto a comunidades como Asturias (0,10) ou as Illas Baleares (0,57). A súa presenza nos próximos informes é só xa cuestión de tempo.
Unha enfermidade potencialmente mortal
Non é a única enfermidade cun incremento importante. Nos últimos sete anos, as infeccións gonocócicas multiplicáronse por cinco, segundo o informe. En 2017 só había rexistrados 178 casos, cunha incidencia de 6,6 persoas por cada 100.000 habitantes. Agora, esa mesma taxa é de 32,89, con 890 afectados. Este último ano, iso si, freouse a evolución tras un 2023 no que chegou a 944 persoas.
É unha tendencia que, malia que en diferentes estados segundo a comunidade, se está a producir en case toda España. Hai excepcións en lugares como Asturias e Aragón, pero en moitas comunidades como País Vasco, Madrid e Cantabria as taxas superan os 50 por cada 100.000 habitantes. No caso de Cataluña, acada unha incidencia de 161,3 por cada 100.000 cidadáns.
Resistencia aos antibióticos
As consecuencias destas infeccións poden ser moi variadas segundo a enfermidade. Algunhas, destaca Antela, son moi sintomáticas, polo que o paciente pode detectalas e acudir a un médico para que sexa diagnosticado e tratado. Por exemplo, a gonorrea no varón (na muller tende a ser máis difícil de detectar).
“As infeccións gonocócicas tamén son especialmente preocupantes porque están aparecendo resistencias aos antibióticos habituais“, comenta Arias. Ao ter máis incidencia, provócase un aumento do uso dos tratamentos, causantes dese incremento da resistencia. “Isto supón un problema, porque hai que buscar tratamentos alternativos que poden ser menos eficaces ou con máis efectos secundarios”, advirte Antela. De non poder tratalas, as infeccións gonocócicas poden provocar problemas graves e ata mortais.
No caso da sífile, en moitas ocasións pode pasar desapercibida. Nalgúns casos, pode non ser detectada ata que ten consecuencias a nivel neurolóxico, oftalmolóxico ou a nivel auditivo de forma grave.
Cales son as causas?
“A sexualidade é complexa, non é fácil de interpretar”, explica a xinecóloga, que apunta a que os profesionais xa realizan unha importante labor educativa para tratar de trasladar aos mozos os perigos que hai detrás destas enfermidades. Arias apunta á combinación de certas tendencias, como o aumento das parellas sexuais, o menor uso de preservativo e a realización doutras prácticas de risco como poden ser os casos de chemsex. As dinámicas actuais, segundo a experta, provocan que moitos mozos poidan estar informados das enfermidades presentes pero, malia iso, decidan arriscarse con estas prácticas.
Antela tamén apunta á pouca percepción do risco en gran parte da poboación, pero tamén fala doutros factores. Entre eles, o aumento dos diagnósticos grazas a novos programas de prevención. Por exemplo, cos programas de profilaxe preexposición para previr o VIH, que non protexe fronte a outras enfermidades. Estas persoas teñen relacións sen protección (de aí a toma dese medicamento), pero fan uns cribados cada tres meses. “Hai persoas que poden pensar que isto conduce a máis ITS, pero non é certo, porque xa estaban tendo relacións non protexidas. A diferenza é que agora as detectamos“, afirma Antela.
O profesional do CHUS tamén destaca que as relacións sexuais se inician cada vez de forma máis temperás. “Nesas idades a información é máis escasa”, concreta, e apunta a que hai rapaces que manteñen as súas primeiras experiencias sexuais antes dos 14 anos. Ante isto, Antela considera que se debe comezar a falar das relacións sexuais desde antes, nos colexios, para advertir sobre os seus riscos e como se poden evitar.















As políticas de prevención inexistentes de Rueda de Vil. InePPto!