Galicia está a rexistrar unha explosión de infeccións de transmisión sexual (ITS), sobre todo en xente nova. Os casos de sífilis duplicáronse entre 2016 e 2023, o período a estudo no último informe do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII). Un incremento aínda máis exacerbado na gonorrea, que sextuplicou os seus casos en tan só sete anos. No que respecta á clamidia, non se pode valorar a súa evolución, dado que Galicia non notificou oficialmente casos ao ISCIII ata 2023, cando de contabilizaron 1.085 infeccións. De todos modos, e en comparación co resto de comunidades autónomas —e incluso outros países— a tendencia das ITS é tan crecente como preocupante.
En 2016, os casos de gonorrea en Galicia apenas chegaban aos 150. Porén, sete anos despois roldan o milleiro de infeccións (944). A sífilis non está a experimentar un incremento tan desorbitado pero si igualmente significativo. En 2016 notificáronse 127 mentres que no último ano xa acadaron os 260. Galicia non é a unha excepción, e precisamente por iso esperta a preocupación da comunidade científica. Nunha peza publicada en xuño en GCiencia, onde se analizaban as causas da explosión de casos, a xinecóloga Efigenia Arias mostrábase contundente: “O aumento de infeccións de transmisión sexual nos últimos anos é escandaloso”.
A pandemia como punto de inflexión
No período a estudo, é rechamante que os casos comezasen a dispararse a partir de 2021. Ata ese momento, e seguindo sempre o período a estudo, a tendencia variaba entre o lixeiro incremento e a estabilización, sobre todo no caso da sífilis. Con todo, a pandemia semellou ser un punto de inflexión. Arias, en declaracións recollidas na peza de GCiencia, explicaba que despois da Primeira Guerra Mundial tamén se produciu un gran incremento de infeccións. Segundo e hipótese que defende a profesora de Xinecoloxía e Obstetricia da Universidade de Santiago (USC), as experiencias traumáticas colectivas poden estar detrás da perda do medo. A fin de contas, a ausencia na percepción do risco é un dos principais factores detrás desta explosión de casos de ITS en Galicia, pero tamén no mundo.
Os homes, os principais afectados
O informe do ISCIII inclúe conclusións globais para os seus datos e non as detalla por comunidades autónomas. Porén, esa análise pode ser de utilidade para facer unha radiografía do que está acontecendo. A grandes trazos, percíbese unha maior afectación en homes que en mulleres e a maioría das infeccións producíronse en adultos novos. Se se estuda pormenorizadamente cada unha das enfermidades, a media de idade dos pacientes de gonorrea é de 31 anos (32 para homes e 26 para mulleres). Ademais, a inmensa maioría déronse entre a poboación nova masculina, que rexistrou un 80% das infeccións. Estes datos son aínda máis rechamantes, dado que o 44,2% dos infectados coñecían a vía de transmisión da enfermidade.
No que respecta á sífilis, o 88,1% dos casos déronse en homes, cunha media de idade de 37 anos. Para as mulleres foi de 34. O coñecemento sobre esta doenza semella ser inferior ao da gonorrea, dado que só o 30,5% coñecía a vía de transmisión. Unha situación relativamente similar á da clamidia, que segue afectando maioritariamente a homes (53,4%) e non a mulleres (46,6%), aínda que as porcentaxes están máis igualadas que nas anteriores doenzas. No que respecta á media de idade, foi de 28 anos, sendo de 24 para as mulleres e de 31 para os homes. Á vista destes resultados, parecidos aos analizados por Arias en xuño, a xinecóloga denunciaba o seguinte: “Hai unha falta absoluta de educación sexual. Non entenden o gravísimo risco destas infeccións nin cales son as súas consecuencias a longo prazo”.
Que hai detrás do aumento de ITS?
O aumento de casos foi cualificado como “escandaloso” por Arias, quen defendía en xuño que as cifras non teñen que reflectir de todo a realidade. É dicir, eses números poden ser significativamente superiores porque moitas ITS están infradiagnosticadas. A hipótese que baralla a comunidade científica, materializada nas declaracións de Arias, é precisamente que se están abandonando os métodos barreira. A xente deixou de percibir que as relacións sexuais tamén implican un risco. “Perdeuse o medo”, dicía, en alusión ao que supuxo a sida durante as décadas dos 80 e 90. Porén, conforme a síndrome foi baixando a súa incidencia e se dispuxo de bos tratamentos, tamén desapareceu o temor xeneralizado a contraela.
O que denunciaba Arias na peza de GCiencia era a falta de coñecemento sobre as consecuencias a longo prazo das ITS. Xa non da sida, senón das que analiza o propio informe: gonorrea, clamidia e sífilis. As dúas primeiras poden revelarse a través de secrecións vaxinais e proídos durante as relacións sexuais, pero non se adoita pensar que a longo prazo poden provocar infertilidade polos danos que sofren as trompas de Falopio durante a infección. Algo semellante acontece coa sífilis, que se pode relacionar con feridas nos xenitais, pero non con aneurismas, cardiopatías e trastornos neurolóxicos que pode provocar nun prazo de anos. Unhas cifras, e unhas consecuencias, que dan bastante material para reflexionar como sociedade.














